|
Artico e outros mares Narrativa breve. Edicións Positivas, Santiago 1990 Premio da Crítica Española 1990. | ||
Hai maneiras de escribir un libro e maneiras de non escribilo. Ártico e outros mares é un libro que fala do mar e que fala do Ártico. Conta historias de barcos atacados por arañas xigantes, de cacerías de ursos brancos e de morsas, reconstrue episodios descoñecidos da vida do capitán Gray, aporta datos da existencia do monocerote. Despois de ler este libro decatarémonos que, antes de lelo sabiamos pouco acerca do mar, e agora, unha vez finalizado, sabemos ainda menos. Hai maneiras de escribir un libro e maneiras de non escribilo, pero só unha de senti-los mares. |
Ringside Contos. Edicións Sotelo Blanco, Santiago 1993 |
||
As páxinas de Ringside concéntranse arredor de tres focos de atención que teñen a súa orixe noutros tantos ámbitos diversos: “Noticias de Asia”, “Mundos paralelos” e “Estampas do Caribe”. Así e todo, trátase dun libro que, na súa diversidade de espacios e xeografías, se amosa extraordinariamente homoxéneo, no que as historias —narradas dun xeito eficaz e tamén singular— revelan o propósito dun autor preocupado por expresar esa dupla condición de pertenza e estrañamento que a realidade contemporánea impón e que o lector ha descubrir cun arrepío de pracer e de inquietude. Ringside ofrece un mangado de posibilidades narrativas percorrendo un roteiro literario no que o lector ha atopa-la lenda da perla negra de Tailandia ou unha pescuda que o ha levar a descubri-la identidade do corpo dun náufrago nas illas dos Azores. |
Diarios dun nómada Diarios. Edicións positivas, Santiago 1993 |
||
. | I´ve just wake up after a short nap. ¿Que fas falando no teu inglés atrapallado? Acouga. Ninguén está a falar contigo. Ninguén escoita. Estás só no camarote bebendo SPA.
Mal de linguas. Iso é o que tes, en troques de ter mal de mer como outras veces, mesmo antes da partida. E é que ficas como neno con xoguetes novos que non deixarás ata lle remexer nos miolos. É coma un xarampelo idiomático. Empezas por vivir en Bruxelas, capital da Europa occidental e delirio do bilingüísmo, por traballar nun servicio onde tódolos teus colegas falan inglés. Segues por ter un amigo chinés que o mistura co seu inglés internacional, por traballar, agora, nun barco alemán, onde os mariñeiros, pola súa procedencia do leste só falan alemán e ruso. Logo están as túas visitas a Portugal onde les o Público ou O Comércio do Porto ou se estás aburrido falas coa xente no mercado de Santa Apolonia no sábado pola tarde. E as festas, esquecía as festas na casa que Héctor ten na rue Sans-Souci (Precioso xardín con amendoeiros en flor) no que se fala en castelán con sotaque de Tenerife, de Cardiff ou de Vigo. Como remate, e para complica-las cousas estou traducindo un libro de Calvino Collecione di sabia do seu italiano orixinal ó meu galego case inacadémico, no que tamén resolvín escribir estas páxinas e outras. Mal de linguas. Benvido sexa |
Contornos: Apuntes de filosofía natural Microensaios. Edicións Xerais de Galicia. Vigo 1995 |
||
Estas microfichas que presentamos hoxe forman parte desa unión e separación entre o que cremos saber e o que queremos crer. Queipo convídanos a unha nova viaxe polo descoñecido; unha viaxe, esta vez, ao mínimo detalle, ao paradóxico, ao estraño, ao irrecoñecible. Pero se é certo que nos convida a sorprendernos do que miramos, ao mesmo tempo a sorpresa revólvese contra nós preguntándonos sobre a nosa maneira de mirar o estraño, aquilo que non fora parte de nós. Contornos é unha nova oportunidade de gozar dunha das escritas máis intelixentes dos últimos tempos. |
O Paso do Noroeste Novela. Sotelo Blanco Edicións, Santiago 1996 Premio García Barros 1996 |
||
A historia dunha expedición, a da busca dun paso que polo noroeste leve ao Xapón e mais á China, convértese, mercé á capacidade do autor para facer da narración unha mensaxe cifrada que o lector asume e fai súa, na historia da busca da propia identidade. O capitán Duchesnoy, ao mando de L’Épée –unha fragata francesa que parte xusto un ano antes da revolución de 1789-, seguirá un periplo polos mares do Atlántico Norte loitando non só coas dificultades que impón unha natureza dura e esgrevia senón tamén coa presenza fantasmal das tropas inglesas e a difícil relación cos poboadores daquelas terras. Como moitas das historias escritas por Joseph Conrad fai que o lector se sinta parte dunha comunidade de oíntes, que más ca ler escoite, é un relato de aventuras pero tamén é a historia dunha proba, a da desintegración da identidade e das súas referencias e paradoxalmente a da asimilación desa perda como única maneira de pervivir, unha proba que non revela a súa finalidade ata que é contada, ata que alguén a le. |
Mundiños Microensaios. Edicións Xerais de Galicia, Vigo 1997 |
||
Estas microfichas que agora presentamos son unha diversa compilación de diversos textos que abalan entre a nota erudita e o relato, que circulan nesa fronteira lábil entre a realidade e a imaxinación. Queipo convídanos a unha outra viaxe polo descoñecido, polo outro lado, polo que non se ve. Mundiños é unha nova oportunidade de disfrutar dunha das escritas máis innovadoras e menos ortodoxas dos últimos tempos |
Malaria sentimental Narrativa. Edicións Sotelo Blanco, Santiago 1999 |
||
Cando aínda subsiste resistencia guerrilleira na selva, un botánico parte cara a Camboxa co obxectivo d facer un estudo da flora parásita do templo de Angkor, o conxunto arquitectónico máis importante do sueste asiático, xoia central do desaparecido imperio khmer. Pero se espertar dun pesadelo sempre é unha operación onerosa e de éxito incerto, moito máis desesperado e extremo vai ser pretender substraerse á acción da forza, á violencia, e á maneira desgraciadamente eficiente coa que se fai presente. Para contar esta historia as veces abafante e angustiosa, Xavier Queipo emprega un ton que oscila entre unperfectamente audible murmurio de fondo e unha tensión aburadora, acentuada pola aparición de imaxes e descricións formando catálogos dunha intensidade que chega a ser non xa soamente lingüística, senón mesmo física. Ao cabo, o sufrimento tamén é unha maneira de disposición da linguaxe, unha maneira de contar, e sería intolerable que a literatura tivese que prescindir totalmente da dor dos homes, que rexeitase tratar desa arrepiante realidade que é o home como ameaza para o propio home. Malaria Sentimental desprégase nun relato que conxuga as aventuras, o romántico ou bélico con pasaxes coa calidade do estático e máis do digresivo. Porque non hai literatura sen digresión e Queipo é un habelencioso estilista, con capacidade para realizar esa operación contradictoria, negada a outro tipo de discurso que non sexa o literario, que é a de xuntar aos opostos. Velaiquí un libro fascinante, concluínte e, sen embargo, sorprendente: unha novela |
Manual de instruccioóns Microensaios. Edicións Xerais de Galicia, Vigo 1999 |
||
Hai manuais para o automobil, para a lavadora, para o televisor, para o computador. O libro de instruccións converteuse nunha constante no vivir cotián, nun referente necesario para nos mover con naturalidade nun mundo altamente tecnoloxizado. Máis, paradoxalmente, saímos ao mundo .o mundo real, o que está fora das fronteiras do noso territorio doméstico. sen unhas instruccións mínimas. Por iso, se cadra, é tan importante repensar un método para cada cousa, para procurar a sombra dunha árbore, para non nos facer adultos no peros dos sentidos (o de derrotado e conformista), para ser quen de relativizar a nosa felicidade e valorala no que vale, par rir a cachón de todo o que nos arrodea, para non sentir o baleiro inmenso dentro de nós, para non ter medo canse se vai a luz e quedamos sós no cuarto sen a compaña do televisor |
Papaventos Novela. Edicións Xerais de Galicia, Vigo 2001 |
||
En Papaventos, Xavier Queipo transpórtanos desde as douradas praias de California ó País da Brétema, pasando por Chicago, a cidade onde o protagonista coñecera o frío e a felicidade, o amor e a estabilidade emocional. A historia de Papaventos ten a súa orixe na morte de Giovanni Portiero, traductor de José Saramago ó inglés. Portiero morreu cego, logo dunha longa enfermidade incapacitante e ó pouco de rematar a traducción de Ensaio sobre a Cegueira. Saramago contoullo, totalmente abraiado, a Donzelina Barroso, nunha entrevista que lle concedeu para a revista literaria The Paris Review, editada en Nova York no inverno de 1998, logo de recibir o Premio Nobel. Xavier Queipo quere “que ninguén procure outra semellanza. Agás esta anécdota, que dá orixe ó conflicto da novela, o resto da trama, é ficción. Por respecto a Portiero. Por respecto a Saramago. Por respecto a quen lea esta novela”. A partir, pois, desta anécdota real Queipo ensarilla unha historia que narra a desposesión da luz, a privación da seguridade que ofrece a percepción dun mundo de coordenadas coñecidas, para se mergullar na loita interior dun personaxe enfrontado coa fatalidade. Papaventos é unha novela de amor e confusión, de busca e desposesión dos sentidos, unha viaxe iniciática, unha procura constante da iluminación e do equilibrio. |
Nos dominios de Leviatán Poesía. Colección Tambo da Diputación de Pontevedra, Pontevedra 2001 |
||
Primeiro conxunto de poemas de Xavier Queipo, onde afonda nos seus temas máis queridos, o amor e o confronto do home coa natureza, máis en particular coas forzas dos meteoros e a inmensidade do mar, que tan ben coñece pola súa dilatada experiencia nas travesías do Atlántico Norte, de Spitzbergen a Terranova, do arquipélago dos Açores ás illas do Caribe. |
O ladrón de esperma Contos. Edicións Xerais de Galicia, Vigo 2001 |
||
O ladrón de esperma está constituído por cinco relatos de marcado carácter experimental e variado rexistro, que vai dende o exotismo intelectual de “Shinju”, onde se revisa a tradición do suicidio de mutuo acordo entre dous amantes co fin de probar o carácter xenuíno do seu amor, que se realiza no Xapón, ata o relato “O ladrón de esperma”, que dá título ao libro, onde se analiza o comportamento sexual humano mimetizado co dos insectos (os traballos científicos relatan que os cabaliños do demo macho teñen o seu pene deseñado non só para fecundar á femia, senón tamén para limparlle a vaxina de xeito que non quede ningún tipo de resto de esperma do macho anterior), pasando por un conto onírico con catro finais posibles, “Soño nunha noite de inverno” ou a visión bifocal dun acontecemento escoitado en voz baixa durante a nenez polo autor, “O tío Filipe”; finalmente, “Os cabalos da procesión” aporta unha versión de cómo se viviron os primeiros días da Guerra Civil española en Compostela. Imaxinado tamén a partir dunha historia incompleta que algún día escoitou Xavier Queipo por boca dun seu ancestro. Xavier Queipo obtivo cos relatos incluídos en O ladrón de esperma o Premio Café Dublín 2000. |
Os ciclos do bambú Contos. Editorial Galaxia, Vigo 2003 |
||
Os ciclos do bambú descóbrenos unha Asia insólita: o antigo imperio do Vietnam, os costumes funerarios de Bombai, os soños dun lama ou o metro de Hong-Kong, como escenario da perda da identidade. Cada libro de Xavier Queipo é unha nova aventura, un percorrido por mundos e paisaxes sorprendentes, tamén unha exploración do que se agocha nos adentros do ser humano. A presenza de Asia na narrativa de Queipo xa tivera moi boa acollida por parte dos lectores e lectoras, ao xurdir en libros como Ringside e a novela Malaria sentimental. Nunca ata o de agora o escritor dedicara un libro a percorrer distintos ámbitos das culturas asiáticas, recreando e experimentando cos xeitos de narrar as historias do continente ou utilizando o senso do humor e o xogo textual como fai en Os ciclos do bambú. |
Glosarios Poesía. Edicións Espiral Maior, 2004 |
||
Segundo conxunto de poemas de Xavier Queipo, onde se move na experimentación máis avanzada. O libro está dividido en tres partes: “Glosarios”, “Os esquíos de Lincoln Park” e “Londres e Abril”. “Glosarios”, a parte máis experimental parte das definición poético-científicas de algúns termos para construír poemas corolarios, levados polos postulados da lóxica e o simbolismo. Os esquíos de Lincoln Park”, é un conxunto de haikus en versión bilingüe (galego-inglés), que recollen o seu paso por Chicago. “Londres e Abril”, no que xogando con varias linguas desestabiliza o a unión fatal entre lingua e cultura, e xogando con iso, deseña, en palabras da profesora Kirsty Hooper, “exciting questions about the potential of poetry to reflect (and drive?), new transnational realities”. |
O espello e o dragón Literatura infantíl. Edicións Xerais de Galicia, Vigo 2004 |
||
Nun curruncho perdido do Himalaia había un país tan pequeno que só tiña unha montaña. Na montaña había unha cova. Na cova vivía un animal monstruoso a quen chamaban o malvado dragón Nemoth. O dragón Nemoth tiña o pobo na miseria. Repañaba con todo o que atopaba diante, queimando casas e cabanas co lume que saía da súa boca e roubando todos os animais que se achaban ao seu paso. “O espello e o dragón” é un conto de estrutura acumulativa tradicional e dirixido a lectores de sete anos en diante, ambientado na cultura chinesa, co que o escritor Xavier Queipo se inicia no eido da literatura infantil.
|
Pegadas Poesía. Co-edición Concello de Santiago e xornal "El Correo Gallego", Santiago 2006 |
||
Terceiro conxunto de poemas de Xavier Queipo, onde se move no terreo da experimentación estilística sen renunciar á temática xa anteriormente trazada nos seus libros anteriores, a nostalxia amorosa, a vindicación da memoria individual e colectiva e o confronto do home coa natureza en estado puro. |
Dragona Novela. Edicións Xerais de Galicia, Vigo 2007 |
||
Na narrativa galega actual, Xavier Queipo é un dos autores que máis gravitan sobre o eixo Investigación + Desenvolvemento + Innovación Literaria. En Dragona, preséntanos unha “novela de personaxes”. Nunha cidade sumidoiro, cualificada polo autor como “A cidade do esteiro”, desenvólvese a vida dunha serie de personaxes atípicas chegadas dos catro cantos do mundo, que transitan entre a desesperación e a lubricidade, entre o comportamento fútil e as paixóns máis primarias. Dragona é unha novela con banda sonora e recreación no terreo se cada máis inexplorado da narrativa galega, aquel que analiza con precisión de cirurxián os sentimentos e as paixóns coma se fosen tecidos dun corpo único. Esta novela marca, para o autor, un antes e un despois na súa procura constante, na procura do que non se ve, deses lindeiros da incerteza, o que Cortázar chamaba “o outro lado”. Dragona é unha parábola do futuro que nos espera, que está aí, que xa chega.
|
Caderno da Revolución Cultural Crónicas radiofónicas. Edicións Laiovento, Santiago 2007 |
||
Este Caderno da Revlución Cultural reúne as colaboracións de Xavier Queipo no programa Diario Cultural da Radio Galega ao longo dun ano. Son o resultado dese comprometerse a ser e neles descubrimos as preocupacións, os intereses, os afectos intelectuais, a cosmovisión, en fin, dun dos autores máis persoais da literatura galega contemporánea. No Caderno da Revolución Cultura atopra o lector, a lectoraa, a curiosidade do viaxeiro e se demorara na profundidade do detalle, a mirada analítica do científico a se expandir nos territorios da imaxinación, a aventura dos asabores que se adxectivan e singularizan cada xesto, cada palabra, as paixóns mariñas, as querenzas asiáticas, as deflagracións íntimas, as contradiccións da materia da vida -"que me paso a vida revisando dogmas e asolagando lastres"- e esoutras rutas que só abre o texto poético. Xavier Queipo pon no aire e agora propón en libro temas para o debate, dende o medio ambiente, o cambio climático ou os incendios até os tópicos identitatios, a Cidade da Cultura, o Día das Letras, ou as condicións do escritor, itinerarios abertos con èrcorridos que nos poden levar dos nomes das rúas aos entramados simbólicos que sustentamos. |
Saladina Relatos. Editorial Galaxia, Vigo 2007 |
||
Velaquí un libro de amador, como anuncia o propio autor. Un libro que bebe das mesmas fontes onde Cunqueiro encontrou a Sinbad. Un libro de libros, ou de historias para engaiolar lectores. É probable que cada lector ou lectora fique prendado dunha distinta. Por iso a cada viaxeiro lle corresponde "unha historia diferente, para que se expanda polo mundo e abraien os señores dos palacios e os rufiáns das tabernas, para que engaiolen as nenas en amores de príncipes encantados, e fagan soñar os rapaces aventureiros co que nunca viron... nin verán". É probable que cada lector ou lectora fique prendado dunha distinta. Por iso a cada viaxeiro lle corresponde "unha historia diferente, para que se expanda polo mundo e abraien os señores dos palacios e os rufiáns das tabernas, para que engaiolen as nenas en amores de príncipes encantados, e fagan soñar os rapaces aventureiros co que nunca viron... nin verán".
|
A illa dos cangrexos violinistas Contos |
||
Moi pretende saber máis sobre os tímidos habitantes da súa illa, os cangrexos violinistas, e non cederá no seu empeño ata acadalo.
Para alcanzar este obxectivo, Xavier Queipo amósanos que tan importante é a sabedoría dos maiores como a capacidade de aprendizaxe por un mesmo, algo que tanto valoran os máis pequenos e cos adultos debemos saber alimentar.
As ilustracións de Jesús Cisneros apuntan máis que definen, nun desenvolvemento narrativo que acompaña a un discurso textual a través dunha sutil ensoñación onde as imaxes se impoñen sobre textos que, nalgúns casos, desvanécense entre composicións de grande poder evocador, suxestivas e nun atrevido pero elegante xogo de luces e sombras.
Un fermoso álbum que nace del ansia de coñecemento, sempre presente nos nenos e que nunca deberían perder os adultos.
|
Felices e Diferentes Crónicas radiofónicas. Editorial Laioventos, Santiago 2009 |
||
Reúne as colaboracións de Xavier Queipo entre outubro de 2006 e outubro de 2008 no programa Diario Cultural, que Ana Romaní dirixe na Radio Galega.
Unha ollada crítica sobre a cultura galega e universal, sobre libros e filmes, mais tamén sobre atentados ao patrimonio e anomalías do (des)goberno no noso “pequeno país sen estado”. Se non tiveron oportunidade de escoitalo non se perdan estas reflexións que les han axudar ás súas propias, pois como di Queipo, “non se me contenten con análises alleas e extraian as súas propias conclusións, que así os quero, intelixentes e espelidos, felices e diferentes.”
|
Cartas marcadas Galaxia de libros LITERATURA Illa Nova, Vigo | ||
O novo libro de Xavier Queipo establece un xogo dobre co lector, xa que se trata duns textos difundidos previamente na web culturagalega.org, do Consello da Cultura Galega, que se publican despois nun libro. Texto electrónico e texto impreso para dous tipos de lectura e momentos diferentes. As Cartas marcadas, de Xavier Queipo non teñen nada que ver coa idea de "xogar con avantaxe" senón co concepto de "marca" referido ao tipo de tema do que se trata, que está ben definido: a escritura e a lectura. Os libros e o seu universo. A experiencia da literatura como escritor e lector, comezando por un texto sobre a lectura titulado simplemente "Ler", pasando seguidamente á teoría cinética dos gases en "A ficción, fábrica de realidades" para seguir cos temas máis diversos, coma os libros que levar cando se viaxa, a autoironía do autor en "A cita, ese síntoma", reflexións sobre a literatura nos cadernos de bitácora, as semellanzas entre certos conceptos de astronomía e a literatura na blogosfera, os escritores galegos biólogos ou a arte de editar. Así ata vintecatro textos. Unha frase escoitada ou unha cita subliñada serven de punto de partida para unha argumentación posterior. A lembranza dunha paisaxe, unha prospección nocturna nos labirintos da memoria, unha foto atopada entre as páxinas dun libro ou simplemente unha idea que agroma van compoñendo devagar un libro diferente, apaixonado e sincero. |
Artico 2.0, Galaxia, Vigo 2011 Versión nova e ampliada do texto co que Xavier Queipo obtivo o Premio da Crítica Española 1990 | ||
A pegada do mar e dos océanos xeados é unha constante na narrativa de Queipo, que experimenta coa escritura baixo a sombra tutelar de Borges e Jack London, de Conrad e Francisco Coloane. Libro de libros e de océanos, relatos de viaxe, ficcións que descobren personaxes e historias ignotos, mundos polo de agora inexplorados |
Extramunde Edicións Xerais de Galicia, Vigo 2011 Premio Xerais de Novela 2011. | ||
Con esta novela o autor demostra que a vontade de estilo non está rifada coa eficacia narrativa. Queipo é quen de enfiar unha historia que nos atrapa ata o final, que nos leva da Galicia inquisitorial ata Macao nunha viaxe marítima polos océanos Atlántico e Índico percorrendo terras remotas. Sendo como é unha novela de viaxes e de aventuras, Extramunde ofrécenos tamén un convite a tentar entender a nosa condición humana, a pescudar no que somos e en porque o somos, e a aceptar con humildade e afouteza o que hai nas nosas vidas de azar e continxencia. Organizada en catro partes, é na primeira delas, O santuario dos embruxados, onde Queipo acada as máis altas cotas de expresividade grazas a un singular e sobrio rexistro que agocha moitas horas de traballo na procura da palabra precisa. A partir de aí, a viaxe na nau dos tolos cobra outro ritmo, máis moroso, o da cotidianeidade dos periplos oceánicos, pero tanto ten: a lectora está xa entregada a personaxes e historia, e non hai volta atrás: avanza canda eles disposta a compartir o seu destino final, sexa este cal for (Dolores Vilavedra, no suplemento Luces de El País). |