download pdf

A arte da distracción

 

Señor Presidente (con maiúscula, por representar vostede unha institución necesaria) vostede presume de ser un bo xestor. Mais gobernar un país non é só facer cadrar as contas, senón planear as políticas de futuro, poñelas en práctica e xalogo render contas ao Parlamento (aínda que estea o seu partido en ridícula maioría), informar aos cidadáns e corrixir o tiro alí onde as políticas deseñadas non tiveran o respaldo dos cidadáns e dos seus representantes.

Xa sei que os seus técnicos falan de porcentaxes e números, de medias e desviacións estándar (eu tamén estudei estatística cando vostede usaba aínda pantalón curto, e sei que a estatística é unha das artes de enganar con números, de salientar o ficticio, de presentar modelos inauditos, de manipular os datos). Mais o importante non é que nos dea conta se somos o número cinco ou o tres no ranking da miseria autonómica (as veces aínda comezando polo fondo da táboa), o importante é que conte cando se vai repoboar o agro e incrementar a súa produción, cando os fillos dos meus pares terán traballo, cando non teremos que emigrar (o seu partido xa me fixo emigrar dúas veces). O importante, señor presidente é que nos conte cómo e cando imos recuperar a felicidade como pobo diferenciado e como país autónomo. E se non é quen de iluminar ao país, de facer que os negocios que pecharon as portas abran outra vez, que as familias que foron desafiuzadas recuperen as súas casas, que os desposuídos de toda caste e condición acaden condicións de vida digna, vostede non é un presidente, non é un servidor público, non é tan sequera unha boa persoa.

As súas cifras de xestor da miseria non me valen, os seus alardes de conseguidor de migallas non me chegan, as ínfulas de gobernante que impón a súa vontade e non chega a acordos cos que pensan diferente non me convencen.

Xa sei que é máis sinxelo falar que gobernar, mais tamén é máis sinxelo impor que dialogar, xogar ao despiste que escoitar a quen só pide xustiza e dignidade. Como pode un presidente durmir unha noite só se sabe que hai nenos que chegan á escola sen almorzar, como pode descansar un minuto e retirar as subvencións as persoas dependentes, como pode acougar un instante só mentres o flaxelo do paro deixa na rúa a milleiros de familias e vostede se contenta con ensinar as estatísticas do ben que nos (lles) vai. É dunha obscenidade abraiante ese xeito de distraer a atención do que realmente importa. Non sei que aplicación terá no seu smarthphone, mais imaxino que ten algunha que produce estatísticas como rodas de muíño, que fabrica miraxes de datos alterados, que produce medias e varianzas á vontade, que minimiza os erros de medida, que anula a diversidade, que procura a laminación cultural e intelectual dunha comunidade.

Señor presidente, tanta ocultación, tantos números e porcentaxes non poden ser bos para o rego sanguíneo. Cóidese. Precisa repouso, afastamento da primeira liña, curas termais e cataplasmas para recuperar a saúde. Non ve que de tanto agoniarnos con resultados ficticios, vostede mesmo se está crendo un salva-patrias, un xestor macanudo, un político intelixente. Cóidese. Precisa repouso, algo de ioga e moito té verde, menos acólitos e máis tempo para pensar no que fai e, sobre todo, no que non fai.

Como despedida déixoo cunha sentenza do libro do Tao, lectura que lle aconsello: “gobernar un estado é como fritir un peixe pequeno, debe estar tenro por dentro e coruscante por fóra”. Cóidese. Precisa descanso e mais tempo para pensar no que non fai.