download pdf

CEO ESTRELADO

Facía ben tempo que non observaba un ceo tan estrelado. Iso encheume esta noite de gañas de escribir. Como cada febreiro e aínda non sei moi ben o porqué, dáme por escribir poesía. Deben ser os ciclos vitais, que teñen unha explicación ligada coas hormonas e outros facilitadores metabólicos. Todo isto para dicir que hoxe teño unha noite melancólica, pensando nas estrelas, nos que non están e noutras tristuras varias.

Cando acontece iso, daquela mellor o vaso medio cheo, aínda que sexa de auga, e tirar para diante coa afouteza que se lle supón a un home entrado en anos. Hai días falaba neste espazo de razóns para o optimismo e de primaveras vividas entre tanta escuridade. Sei que algunhas familias teñen xa feridas de difícil cicatrización (paro, emigración, desafiuzamentos, estreituras e xa sen medias tintas, fame). Diso non se sae con receitas de contención e resignación nin tampouco cos recortes programados polos acólitos dos que predican dende os púlpitos. Destas desgrazas só se sae morto ou loitando cos cairos afiados. Non se preocupen, non vou chamar á revolta nin a revolución; hoxe verbas privadas do seu uso por repetidas e inanes.

No sistema que nos toca sufrir a saída semella non lineal senón complexa, unha especie de macro volume de revolución con múltiples compoñentes e sen dirección fixa. Por forza terei que me explicar a risco de ser considerado un hermético ou un prosma sen remedio.

As constelacións veñen na axuda, cos seus brillos de estrelas vivas e mortas, incandescentes ou perdendo forza de xeito irremediábel. Hai ideas caducas (estrelas mortas, estrelas perdendo forza) que compre non acordar (producirían só sufrimento) como serían as solucións armadas ou a violencia xeneralizada, a sabotaxe institucional ou a radicalización no discurso político. Desas compre fuxir por ineficaces. Hai outras ideas en ascenso (estrelas vivas, estrelas refulxentes) que compre estimular ou explorar sequera (se cadra producen algún resultado positivo a medio prazo, aínda que non estea garantido) como serían a reactivación da solidariedade e da militancia cultural, a participación consciente nos procesos políticos e a aposta polo autogoberno.

Saiban, en todo caso, que as cicatrices desta xeira escura que nos tocou vivir non se han curar nesta xeración senón, como moi cedo, na seguinte.

Sei que dito así soa quimérico cando non romántico, mais disimulen que hoxe é día especial pois ía ben tempo que non observaba un ceo tan estrelado.

Xavier Queipo