download pdf

Contra as eleccións?

Vivimos nun terríbel paradoxo: cremos, e así o declaramos, aquí e en máis dun centenar de países do globo, que as eleccións son a esencia da democracia participativa e ao mesmo tempo rexeitamos aos cargos electos. E para encadear paradoxos, mesmo que corruptos confesos, volvemos escoller os mesmos cargos electos. E para engadir unha nova complexidade ao paradoxo volvemos rexeitar en público e mais en privado aos cargos electos, que constitúen, agora, o noso máximo problema, ao tempo que declaramos sen dubidar un instante, que as eleccións son a expresión da vontade popular e porén, cerna da democracia, que, por suposto, é o mellor dos sistemas posíbeis. Esta é unha espiral de sen sentido que hai que parar de vez.

Recentemente em Irlanda se produciu un experimento interesante. Trinta e res cargos electos e sesenta e seis persoas escollidas ao azar constituíron unha comisión para reformar certos artigos da Constitución. Esas noventa e nove persoas traballaron en conxunto escoitando opinións de expertos, de grupos de influenza (lobbys na terminoloxía anglófona) e finalmente decidiron as reformas. O que os políticos profesionais non se atrevería mudar, por exemplo, o matrimonio homosexual, foi decidido e agora está no proxecto da nova constitución irlandesa. As persoas de a pé non están pensando nas próximas eleccións e por tanto poden dicir o que pensan, o que para eles é racional, non pensando no seu cargo nin en se será reelecto ou non. En Bélxica houbo recentemente outra experiencia o que se denominou o G-1000, onde un milleiro de cidadáns discutiron en grupos de traballo unha serie de propostas para lle presentar ao Parlamento do seu país, para poñer algo de sentidiño nas reivindicacións de autogoberno das partes confrontadas (flamencos, valóns e Bruxelas, como cidade estado). O resultado, unha serie de propostas que contribuíron a crear um mellor ambiente entre as partes confrontadas e avanzar en problemas que semellaban non ter solución.

A democracia pode avanzar coa participación dos cidadáns e estas experiencias en países relativamente pequenos son un exemplo. As eleccións nunca foron pensadas para ser democráticas, senón para substituír á nobreza hereditaria por unha "nobreza" elexida (véxanse os casos do Reino Unido da Gran Bretaña e os Estados Unidos de América, paradigma das democracias mais antigas do planeta); Fálase de clase política, e iso é o que son unha clase separada da realidade social, unha clase que ten como único argumento o seu empoleiramento no poder.

Contra as eleccións? Non necesariamente, mais si a necesidade de crear alternativas de participación democrática dos cidadáns para evitar situacións como as do Parlamento galego, onde or un mando de votos que lle deron uns escanos de mais, o partido do goberno fai e desfai cando en realidade representa a unha minoría (maioritaria, mais minoría) do país.

Queda como proposta, que 2/3 do parlamento se escollan ao azar e que para aprobar calquera lei sexa necesaria unha maioría de 2/3 dos votos do Parlamento, que non se poida repetir como cargo electo e que estes teñan que render contas da súa actuación. Arriscado. Por cero mais arriscado é tamén este sistema no que unha caste de políticos profesionais se perpetúa no poder e non hai mais opcións que votar sempre aos mesmos, nunha espiral de sen sentido que ten á sociedade aferrollada o desinterese e no desgoberno. Pode haber outras opcións, que eu estou ben lonxe de posuír o don da clarividencia, mais esta é unha.

Xavier Queipo