download pdf

Último round

Este ano 2014 celébrase entre outras efemérides, o centenario do nacemento en Bruxelas de Julio Cortázar, un dos máis grandes escritores que deu o século XX. Lembro agora que nun dos seus libros titulado “Último Round”, Cortázar recollía algunha das pintadas (graffiti) que constituiran o ideario básico do Maio do 68 francés. El tiña entón 54 anos e estaba na plenitude da súa carreira literaria. Unha das mensaxes que máis se repetiu na Facultade de Letras en Nanterre foi: “Sexamos realistas, pidamos o imposíbel”. Hai uns días nas vacacións de inverno (eufemismo para obviar calquera referencia relixiosa ou sectaria, en esencia caras da mesma moeda), paseando polas rúas de Vigo puiden ler unha outra mensaxe pintada na parede: “O imposíbel sempre leva algo máis de tempo”.

Saír desta lameira onde estamos embouzados semella para algúns imposíbel, como imposíbel era rematar coa longa noite de pedra, e ben sabemos que logo vivimos curtas máis intensas primaveras. Ou sexa que desta tamén imos saír coa testa erguida. Se cadra aínda me alcanza nesta idade serodia unha nova primavera. Por ela combato cada día a sabendas de que só existe un tipo de revolución, que é a revolución permanente, a entropía necesaria para que se produzan os cambios de estado (non é a primeira vez que a física, que eu cría cando mozo materia árida e difícil, proporciona unha metáfora para todos os públicos).

Hai uns días, o que semellaba imposíbel cumpriuse e así temos entre nós a traducción do Ulises de Joyce ao galego (tarefa pouco menos que quimérica) e pechamos así unha gaveta que abrira Ramón Otero Pedrayo, petrucio da xeración Nós. Con este paso, pequeno se cadra para o entender dalgúns, máis grande para os seus protagonistas, chantamos unha pedrafita no camiño da normalización do noso sistema literario e abrimos as fiestras a novos proxectos e realidades.

Non sei se este feito é un síntoma de recuperación ou un gromo verde na árbore senlleira da nosa cultuta, mais o que estou certo é que poderá dar novos pulos a aqules que pensan que se pode acadar un obxectivo con dedicación e teimosía sen estar sempre á espera das remuneracións recibidas pola administración política. Para xa, o poder entende a remuneración por traballo feito como “subsidio”, “subvención”, “axuda”, “bolsa” ou calquera outra acepción no limite do pexorativo. Mais non, a cultura ten o seu valor e os que non o saiban ver así non estarán gobernando un país senón xestionando un presuposto.

Ese é sen dúbida o maior problema do noso goberno autonómico, que non desenvolve políticas de país, nin culturais nin educativas, nin sanitarias nin fiscais, senón que está aí, exclusivamente, para xestionar un presuposto. Dá coraxe ver como o presidente desquere ao país e ás súas xentes, como esmaga as ilusións das novas xeracións, como traizoa ás mentes ben pensantes, como prefire a inxustiza á desorde.

Mais, xa saben, o imposíbel só é aquilo que leva un pouco máis de tempo. Sexamos, pois, realistas e pidamos o imposíbel.

Xavier Queipo