Unha cunca de té ( léase tchá)

download pdf


Conta unha lenda chinesa que atopándose o fillo do sol mal disposto, unha folla de té veu caer na cunca de auga quente que el ía beber por consello dos seus coidadores. Consumida aquela infusión, o Emperador sentiuse mellor e, xa logo, recuperado ao completo. Ese sería o inicio milenario da infusión de té como medicina, pois é ben sabido dende entón o seu valor como asentador do corpo e sandador das máis variadas enfermidades. Esta anécdota, simple e probabelmente falsa como todas as lendas, ilustra o carácter fantástico da evolución do comportamento humano.


Temos mala sorte, o fillo do sol que goberna os destinos de Galiza ten unha chea de síntomas dunha enfermidade terríbel, a do esquecemento. A enfermidade, sen que se saiba aínda moi ben por qué razón estendeuse tamén pola corte dos seus mandaríns, afectando tamén aos eunucos que o rodean e lle fan festa. A situación, que pode semellar ridícula, ten consecuencias terríbeis, xa que privados da memoria gobernan sen gobernar, improvisan mentiras para acalar o errático do seu desgoberno e non reparan en medios para encirrar a todos aqueles que ousan contradicilos ou mostrar o camiño certo, ignorando consellos das institucións que os arrodean, dos Consellos e das Academias, dos cidadáns organizados e dos representantes electos dos traballadores. Unha desgraza.


É necesario que caia unha folla de té nas cuncas dos nosos gobernantes, que se sintan mellor armados para combater a enfermidade que eles teñen, que é a da negación do país, a da negación das raíces e o acervo transmitido polos antepasados.

Xavier Queipo