Licenza para matar

download pdf


Cando me preguntan sobre lingua galega, adoito dicir que eu son un usuario. Un usuario literario e non necesariamente un usuario avantaxado. Non vou explicar as dificultades que o galego ten para se converter en lingua de prestixio no propio territorio, na Galiza. As derivacións diso son tamén coñecidas e nin o espazo é o acaído nin o que isto escribe se sinte con capacidade de síntese bastante para tal empresa.
O outro día, falando cun galego de nación, que non de expresión, díxome una frase incómoda: "el gallego no es una lengua, ni siquiera ellos saben como se escribe". "Ellos", por suposto se refería non tanto aos que fan uso do galego, como aos "galeguistas", antagónicos dos "españolistas". E esta é a gran mágoa do galego, que nin os seus fillos o queren ("escribir na lingua que ninguén quería", que sostiña Rosalía, referencia de prestixio).
Poñamos como exemplo a verba que define ao país como entidade política e atoparémonos catro formas gráficas: "nación", que fun informado que é a normativa, "naçom", que aparece nas comunicacións públicas dalgunhas tendencias do nacionalismo, "nazón", que se non me trabuco é como está na letra do Himno Galego e aínda "nação", para aqueles que consideran que galego e portugués son a mesma lingua. Entendo que estas formas poden coexistir pacificamente, cando menos temporalmente, mais que nun momento teremos que tomar a decisión de que conflúan nunha única.
Xa sei que é asunto complexo polas implicacións políticas e aínda socioeconómicas dos cambios necesarios, mas isto non pode seguir así. Non podemos permitirnos esta "licenza para matar a lingua", pois significará como causalidade unha "licenza para matar o país". Chega, e dígoo con xenreira contida, de ser nós mesmos os nosos maiores inimigos. É intolerábel que non haxa un acordo entre as distintas partes. É máis intolerábel aínda que iso non se produza por personalismos mesquiños, por teimosías históricas, por defensa de cadeiras, veleidades ou prebendas.
Coido eu, como usuario, que é necesario procurar unha solución a este imbroglio, que non deixa de dar argumentos contundentes aos inimigos exteriores e interiores. Así é preciso sentar as partes en litixio permanente, que estas escollan os representantes menos agresivos e máis abertos de cada opción (evitando vellas malquerenzas entre egos hipertrofiados), que se nomee un coordinador dos traballos que facilite o diálogo e que se elabore unha lista de diferenzas e de coincidencias, por moi desparellas que as listas sexan. A partir de aí, se a filoloxía é unha ciencia e non unha cábala onde cada "chamán" fai as súas predicións, con tempo e paciencia para incrementar as coincidencias e diminuír as diferenzas, poderemos acadar unha solución. Nesa esperanza quedo.

Xavier Queipo