Hai un par de días, estando de visita por Terras de Iria, visitei a Praza de Abastos de Padrón. Había peixe de calidade, carne de vitela para que a miña nai declinase unha receita maxistral, bacallau salgado en múltiples presentacións para levar na miña bagaxe de regreso a Bruxelas, pementos de Herbón, por descontado, traficados nuns canastros inmensos que as pementeiras traían outrora facendo equilibrios nun mulido e que agora chegan en furgoneta, froitas de todo tipo e verduras acabadas de colleitar: unha delicia. Mais o que non había era clientes para mercar aqueles produtos. Contei cinco, o que correspondía a un cliente por cada dez postos. Esquecimos mercar pan. Daquela detivémonos no camiño de regreso nun supermercado situado nas aforas de Padrón, onde as caixeiras tiñan cadansúa fileira de clientes á espera. A contradición entre a ausencia de clientes na Praza e a inflacción deles no supermercaXavier Queipodo pareceume un síntoma dos tempos e contradictoria coa experiencia que eu teño no meu país de acollida, Bélxica.
En Bruxelas todos os domingos acudo puntual ao mercado da Praza de Flagey, próximo ao meu barrio de Matongué, onde despachan peixe traído do Mar do Norte e carne de Flandes, legumes das hortas de Valonia e viño de Córcega ou do Languedoc, froitas e especias traídas de África, magníficas bolachas de Ottigny e pan con sementes dunha granxa biolóxica. O mercado está vivo, con xente de todas as idades e etnias diferentes. A xente aproveita que os produtos están frescos e a bo prezo (mellor que nos supermercados) e enche os seus carriños de rodas, que sobordan riccotta e tomates secos, filetes de bacallau fresco e ás de raia, allos porros e cebolas espectaculares, cogomelos salvaxes e pan con sete cereais, xenxibre moído e rambutáns... en definitiva, todo o que non poden conseguir nos supermercados ou o que nestes está a un prezo absurdamente elevado.
Comparando as dúas situacións paréceme aberrante o que acontece nos nosos mercados de abastos, a deserción que sofren de clientes, que xalogo se arremuíñan gozosos diante das caixeiras do supermercado. Non será a epidemia de obesidade, de hipertensión e outras epidemias resultado dunha hixiene alimentaria deficiente? Non será que os produtos tratados cun longo etcétera de aditivos producen como efecto secundario esas enfermedades que xa acadan a categoría de endémicas? Non será que cultura é algo máis que ler un libro ou escoitar unha sinfonía, que admirar un cadro ou contemplar unha escultura? Non será que a comodidade e o desleixo que se observan no eido do consumo de alimentos se reflicte na comodidade e no desleixo verbo da nosa propia cultura? Non será que somos o que comemos e que levamos camiño de nos converter nunha grea indiferenciada e mimética, sen personalidade propia?
Xavier Queipo
|