OUSADÍA |
|
A fundación “Premios da Crítica de Galicia” ven de facer pública unha proposta de programa cultural estratéxico para o período 2013-2023, amais de reivindicar que se redacte e tramite unha Lei de Mecenazgo. Suscribo o seu programa como suscribo as preocupacións da plataforma “Queremos Galego” e as liñas directrices deseñadas hai tamén uns días polo Consello da Cultura Galega e que tivo a consideración de facerme chegar Xulio Ríos, ese luxo “asiático”, que tan ben se mexe na promoción e na difusión da cultura galega como na análise da situación política na China, o seu campo privilexiado de traballo. Cando este tipo de propostas institucionais (no caso do Consello da Cultura) ou privadas mais representativas dun sector estratéxico para a cultura galega (caso da Fundación ou da Plataforma) se aventan en períodos electorais están pedindo unha resposta, unha clarificación, unha mensaxe de retorno. Os distintos grupos políticos que se presentan ás eleccións teñen pois a obriga ética de se pronunciar, ben a prol das ditas propostas, ben matizándoas con aderezo de gusto, ou ben rexeitándoas por entrar en contradición cos seus planos para o futuro. Os cidadáns precisamos ter noticia das opinións en materia cultural (sector estratéxico para Galicia) que defenden e están dispostos a levar adiante os que contenden para representar á cidadanía no Parlamento de Galicia. Máis alá dos grandes principios, asemade contruídos con verbas tan pomposas como baleiras, precisamos coñecer cal é a opinión sobre o futuro da cultura galega dos que van ter a ousadía de nos representar no Parlamento de Galicia. Digo ousadía, pois non hai máis que escoitar á meirande parte deles para se dar de conta que é o que se agocha tras o pelexo de ovella e o gaguexo nunha lingua que desprezan. Ousadía, pois, por non ser merecentes da acta de deputados. Digo ousadía, pois éo das maiores levar no programa a modificación do Estatuto para eliminar ou deturpar o Artículo 5.1, que recolle explicitamente que a lingua de Galicia é o Galego. Digo ousadía, pois interrompen os mitíns para bradar contra a agresión do “español” polo galego, cando non declaran sen ambaxes, ser o galago unha lingua de atraso e o castelán unha lingua de progreso. Digo ousadía, pois téndoa mamado de pequenos, usan a lingua cun desleixo propio de amantes desencontrados. Ousado é tamén este artigo, pois semella meter no mesmo saco a todos eles. Non é a intención, pois sei tamén que entre os que se presentan están aqueles que son bos e xenerosos, mais eses teñen aínda máis a obriga ética de se manifestar, de usar os seus gabinetes de prensa para algo útil, para crear opinión e informar aos cidadáns. Xavier Queipo, Bruxelas 29 de Setembro de 2012
|
|