“Piove, governo ladro”

download pdf


Hai unha semana estiven en Catania, Sicilia, sentindo o alento da Cosa Nostra na caluga. Non vou entrar en detalles, entre outras cousas porque non me está permitido revelar as circunstancias do meu traballo. Alí escoitei esta expresión « Chove, goberno ladrón », moi popular no sur de Italia. A expresión fai referencia a que cando chove as colleitas son mellores e daquela a parte que se leva o goberno é maior. Esta mañá, en Bruxelas chovia sen escándalo mais tamén sen acougo. Escoitaba « Acqua », de Ryuichi Sakamoto, o meu pianista favorito, que é quen de transmitir coas súas notas todo un abano de sensibilidades. Lembrarano, sen dúbida, pola banda sonora de « O último Emperador » de Bertolucci ou polo seu rol de capitán do exército xaponés de ocupación en Xava, no filme de Nagisha Oshima « Fuyio » (Merry Christmas, Mr Lawrence), do que tamén escribiu a banda sonora, (alí está un dos meus temas favotitos « Forbidden Colours », que logo cantaría, coa súa voz de veludo, David Sylvian).
Aí, na Galiza, chove que alimenta e non só auga, senón tamén ignominia (ifamia, se o prefiren, ou acción da canalla) A aproximación nostálxica do tema de Sakamoto e a aproximación reivindicativa da frase escoitada en Catania, xelificáronse nun sentimento : mentres chova o goberno seguirá roubando. Se cadra non no senso explicito de se meter os cartos no seu peto (imoslles dar o beneficio da dúbida), mais si roubando a nosa esencia, roubando os nosos dereitos, sometendo ao pobo, que arestora tomou a decisión (sabia ?) de empoleiralos no poder.
Nun sistema onde cada voto non conta igual, onde con menos votos que as outras forzas a dereita levou a maioría dos escanos, onde os emigrantes temos dificultades para votar (eu non puiden por unha cuestión de forma : tiña o carnet caducado, mais que podo facer si aquí no consulado -para que vale o consulado- non o podo renovar ?), non se pode dicir que os galegos votaran a maioría absoluta do PP. Por iso, mentres chova, mentres teñan secuestrada a vontade da maioría nesta aparencia de democracia, mentres o Parlamento non sexa un lugar para debater o mellor para Galiza, negociando os argumentos e as posibilidade de chegar a acordos entre as partes, senón un lugar para humillar  aos representantes lexítimos dos cidadáns, Ata entón : « governo ladro ».

Xavier Queipo