Cómo pode a Academia saír reforzada da crise actual

download pdf


É con tristura que contemplo os rifirafes que se produciron estes últimos días na Academia Galega, unha institución que considero fundamental para a persistencia da lingua galega. Vaia tamén dende o incio o respecto e admiración que profeso polo seu actual presidente e por algún outro dos que o precederon. Aos académicos non os coñezo a todos, mais non teño motivos para dubidar da súa honorabilidade.

Tal parece que hai quen confunde transparencia informativa e transparencia contábel con público axuste de contas. Isto prodúceme tamén unha sensación de tristura aceda. O feito de que certas declaracións –coido que dsafortunadas- desataran unha confrontación entre institucións, nomedamente co Consello da Cultura, fai que a tristura se agrande e pase a categoría de desacougo.

Pediría pois, aos distintos contendentes nesta liorta verbal, que se gardasen de airear os seus trasacordos. Sería bo que sentasen nunha mesa e falasen de como saír deste conumdrum institucional co menor dano para as institucións, para a cultura e para a lingua galegas. As augas teñen que voltar ao seu leito e canto antes se fagan as reflexións e os axustes necesarios, mellor.

O silenzo non é a mellor das tácticas de comunicación, mais tampouco é unha boa táctica prestar ouvidos ao que outros dixeron e actuar de xeito sanguíneo, en quente, abrindo feridas que logo van tardar tempo en cicatrizar. Os inimigos da lingua e da cultura galegas están a gozar con esta situación e non resulta responsábel dar armas ao inimigo.

Coido que unha institución pública, sexa esta no eido da cultura ou en calquera outro, precisa de se adaptar aos tempos en que vive se quere seguir realizando a función para a que foi deseñada. E se non se adapta o seu destino é a morte lenta ou o anacronismo funcional. Polas informacións de que dispoño a actual dirección da Academia viña traballando neste senso, o da modernización da institución.

En todas as institucións, sexan estas grandes ou pequenas, adoitan producirse situacións conflictivas verbo da contratación do persoal. Para abordar este asunto é doado dotarse dunha serie de mecanismos administrativos que garantan, sen opacidade, a contratación de persoal, incluíndo aquel que desenvolve funcións limitadas no tempo ou ligadas a un proxecto específico. Non sei se estes mecanismos existen arestora, mais se non existiran, a modernización institucional pasaría por instauralos sen demora.

Adoitan producirse nas institucións, asemade, situacións nas que a xestión das distintas liñas orzamentais non resulta clara. Para isto é necesario tamén instaurar unha serie de mecanismos administrativos que garantan o control exhaustivo do gasto e someterse regularmente a auditorias internas e/ou externas. Isto constitue tamén un rasgo de modernización.

Ademais da transparencia en materia de contratación e control orzamental, unha institución debe posuír tamén un servizo de comunicación axeitado aos tempos actuais, onde a transparencia informativa constitúe un valor democrático de aceptación universal.

O mecanismo de proposta e elección dos candidatos, que, tal parece polas manifestacións públicas destes últimos días, leva a unha especie de faccionalización tribal, debe ser revisado para garantir que estean presentes na academia os profesionais mellor formados e máis prestixiosos nos campos de actuación da institución. O caráctar vitalicio dos cargos debe, tamén, estar regulado, pois se ben non é doado estabelecer un límite de idade, si é necesario establecer límites de compromiso (mitigando o absentismo) e de capacidade (evitando que eivas relacionadas co deterioro da natureza humana, permitan ocupar un posto a alguén que perdeu as capacidades físicas ou mentais necesarias para contribuír ao traballo da institución).

Estou certo que tanto o equipo directivo como os académicos son conscientes da necesidade destas adaptacións. Polas informacións de que dispoño xa están traballando ou teñen intención de traballar neste sentido. Por iso é se cadra o momento de crear un grupo de traballo (unha task-force) para abordar con responsabilidade estos e outros temas de revisión urxente.

Despois, se cadra, podería chegar a “refundación” da Academia, evitando certos tics obsoletos como a denominación “Real”, a non ser que sexa a institución monárquica quen, co seu orzamento, financie a institución.

Vai todo o dito con todo o respeto para a institución, e co único obxectivo de reflexionar sobre unha saída a esta situación de crise. A Academia ten, agora que foi sacudida por unha treboada mediática, unha oportunidade de saír reforzada desta situación embarazosa.

Xavier Queipo