Que vergonza!, Que estupidez!, Presidente

download pdf

No número do 30 de Marzo, a revista de divulgación científica New Scientist, publicaba un curioso ensaio de Sally Adee sobre a estupidez (Stupidity : Why are humans so varied in their mental abilities). No sábado 13 de Abril, o escritor Manuel Rivas, publicaba no diario El Pais un artículo de opinión sobre o mesmo tema, titulado “Estupidez”. Eu levaba días dándolle voltas a escribir esta colaboración arredor do tema das viaxes á neve do noso Presidente da Xunta. A confluencia de ambas lecturas fixo que me decidira a escribir esta colaboración, sen insistir en temas que xa foron tratados en detalle polos numerosos xornalistas e representantes da oposición que opinaron sobre este feo asunto. Digo feo, pois ninguén quere ver ao seu Presidente, ao que elixiron os galegos para gobernar o noso pequeno país sen estado, empoleirado na ruindade, teimoso nas súas dúbidas e inseguridades, arrogante no desprezo de aqueles que o escolleron para dirixir as rendas do goberno, indigno con aqueles que exercen dura máis equilibrada oposición.

Pensei non insistir nas frases épicas que pronunciou na rolda de prensa que deu no día a seguir, pois algunhas delas sementaron máis dúbidas que certezas: “Había nieve”, entre as máis graciosas. Precisamente por iso, porque o asunto non ten graza ningunha, como ben expresaron os portavoces dos grupos parlamentarios da oposición durante as súas intervencións do Martes de Antroido no Parlamento Galego. Cada un no seu estilo, máis todos con argumentos coincidentes, subliñando as implicacións éticas e a dobre moral da que fai bandeira o Presidente, cando cualifica de ocio as súas excursións cun coñecido Proscrito das Rías Baixas. Logo pensei en centrar os meus argumentos nunha frase de Gustave Flaubert (non en van un dedícase a escrita): “A terra ten os seus límites, mais a estupidez humana carece deles”.

No seu informe do New Scientist, Sally Adee explica como se pode ter un coeficiente de intelixencia medio ou superior á media, mais aínda así cometer actos estúpidos, cando por falta de avaliación dos riscos, eliximos mal sen ter unha noción de que realmente estamos facendo unha mala escolla (A nosa arrogancia nolo impide). Tanto máis intelixente é unha persoa máis desastrosos son os resultados dos seus actos estúpidos, pois non só son inesperados polos demais, senón tamén por el propio, que daquela tería que sentir unha vergonza maior (O feito de que o Presidente non amose vergonza nin arrepentimento en público, dá para pensar que non sería tan intelixente como el cre). Quen ocupa un cargo público con responsabilidade orzamental, como era no momento das fotos o de Secretario da Consellería de Sanidade, non pode deixar que o fotografen na compaña de alguén que é altamente sospeitoso (no momento das fotos) e convicto (con posterioridade) de delitos contra a facenda e a a saúde públicas (contrabando de tabaco e de estupefacientes, respectivamente). Non pode dicir tampouco que non se deu de conta que existisen as fotos ata varios anos despois. Iso si que é unha manifestación de estupidez das grandes, pretender que a xente engula esa mentira, pois son fotos tomadas por un membro do grupo no que el viaxaba, a bordo do iate e naqueles lugares nos que había neve.

Distraído do seu razoamento lóxico tal vez por causas emocionais, que xunto co medo ou a ansiedade (estres) adoitan ser as máis importantes compoñentes de erro no xuízo, o Presidente cometeu un erro estúpido. Ou mellor dito unha serie de erros estúpidos, en forma de viaxes, chamadas, fotos e contactos, que agora nega e renega con teimosía de neno a quen lle quixeran quitar o seu osiño de veludo (neste caso o poder).

Non rematou a infamia como el pretende. Nos repetidos erros de xuízo a infamia magnificase coa negativa a asumir as súas responsabilidades, como si todo valera, como se nada importase. Endemais foi traizoado, non polos que el indica que quixeron chantaxealo coas fotos (non presentou probas e se as ten que recorra aos tribunais de xustiza), senón por aqueles que interesadamente sacaron as fotos e as gardaron nunha gabeta para o seu uso posterior.

Este asunto descubre, pois, unha faceta do Presidente que descoñecíamos. Podiamos estar en desacordo coas súas propostas programáticas ou maiormente coas súa praxe ao comando da Xunta de Galicia, mais non sabiamos que era estúpido. Os motivos son os seguintes: a) o seu xuízo non leva a distinguir as compañías coas que se move ao tempo que ten os santos compagnons de ousar atacar a outros políticos (caso do ex-vicepresidente do Goberno bipartito, Anxo Quintana) por feitos de moito menor calado que os que el protagonizou, b) di que as fotos non constitúen un elemento de delito. Por suposto que non, tomar o sol nun iate ou viaxar a onde “hai neve” non constitúe en si delito, mais éo o que as fotos contan e el nega, o que debe ser xulgado, precisamente o contexto c) despreza a intelixencia do común cando intenta desviar a atención sobre outras persoas e cando ten o coallo de dicir descoñecer que o seu compañeiro de viaxes se dedicaba a actividades presuntamente delitivas, como se o contrabando de tabaco fose unha actividade lícita e saudábel (el que traballaba daquela como número dous da Consellería de Sanidade), d) ten a indecencia de dirixirse ao Parlamento máis en ton acusatorio que reclamando, se acaso, comprensión aos seus erros de cálculo e prudencia, e) négase a dimitir cando é a única opción ética válida, e finalmente, f) pretende dar leccións de lexitimidade insultando á cidadanía e aos honorábeis parlamentarios.

Non todo está dito nesta saga da putrefacción, máis tarde ou cedo o que ha de vir chegará. Para non lle amargar a lectura despídome cun fragmento do poema “Neve”, do poeta português Eugénio de Andrade: “Nenhum muro, nenhuma porta/só a voz que chamava, doce/e pequena voz, a querer partilhar comigo/o inverno, a neve, o mundo/amanhecendo, anoitecendo, branco”.

Que gozen coa primavera que xa chega.

Xavier Queipo