INSTRUCCIÓNS PARA NON TER UNHA LEIRA NA CABEZA


download pdf

Hai anos, un dos nosos máis preclaros escritores afirmaba que “os galegos temos unha leira na cabeza”, dando a entender así unha tendencia ao minifundismo levada aos seus extremos máis aterrecedores. A idea gustoume como referente e velaquí que propoño a seguir un mando de ideas e instruccións básicas “para non ter unha leira na cabeza”. Sei que a idea de instruccións é contradictoria co fin que se persigue, o de deconstruír unha serie de certezas que temos acamadas no fondo dos nosos circuítos neuronais, mais para iso están as contradiccións, para facer xurdir faíscas, para producir sarabullos, para dar saltos cualitativos e para facer que nos sintamos libres de rectificar.

  • Viaxar é fundamental, proporciona puntos de vista diferentes e variadas perspectivas, axuda a superar a idea de refuxio onfálico e terra prometida, a celebrar a diferencia xeográfica e o concepto raquítico de país arcádico.
  • Fuxir dos dogmas, do populismo máis reaccionario que quere ver no propio o paradigma da perfección. Fuxir das figuras-berraco posuidoras de verdades universais ou de carácteres de raza pura.
  • Celebrar as dúbidas, non como condición permanente, que sería suicida, senón como motor da reflexión e do pensamento, que se quere libre.
  • Non confundir deporte e nacionalismo. Non aspirar a laminacións cerebrais tales como entender un éxito deportivo individual como éxito colectivo, ou como ter unha selección nacional propia, de fútbol ou de dominó, de natación ou de petanca.
  • Fuxir do patrimonialismo cultural como da peste bubónica ou da lepra máis deformante. Non permitir que ninguén se apropie da cultura ou se converta en referente, na pintura abstracta ou na antropoloxía cultural, na ciencia básica ou na literatura potencial.
  • Eliminar do acervo propio frases grandilocuentes e mentiras indemostradas elevadas á categoría de dogmas. Non dicir nunca “temos o mellor marisco do mundo” ou “Galicia é un paraíso natural”. Lembrar que en cuestións de gusto non hai certezas, senón percepcións. Ser conscientes da grave deterioración que sofre o noso país.
  • Convivir cos que opinan diferente, ou son diferentes, ou se expresan dun xeito diferente. Valorar a diversidade biolóxica e humana, de comportamentos e actitudes. Ser permeábeis a outras ideas e outras percepcións do mundo.
  • Ser claros na exposición das ideas e dos sentimentos. Rexeitar o tópico da escaleira. Eliminar progresivamente esa tendencia absurda á fala con sentido dobre, con intención avesa, con manía traidora, de interpretación difícil e vocación oraculista, propia do medo e a inseguridade.
  • Emigrar se fose necesario, mais coa conciencia clara que é por necesidade económica ou por ansias de novos horizontes, por tedio ou por persecución política. Non consideralo unha condena histórica, ou unha necesidade xeneticamente imposta, de pobo condenado á diáspora.
  • Esquecer a violencia, en calquera das súas formas, na verbal ou na física, na ritualizada ou na virtual. Non matar por unha linde, por un carballo, por unha mellora ou por un sentido do honor mal entendido. Procurar o consenso nas decisións difíciles.

Se chegou até este parágrafo sen descualificarme, sen condenarme á fogueira reservada aos heréticos, sen ter unha mala palabra para os meus ascendentes, xa terá camiñado un bo treito no accidentado periplo de “eliminar a leira que ten na cabeza”. Se non é así, e xa me puxo a feder, voulle dar un argumento máis para que continúe gozando e autosatisfacendose: saiba que é probable que como di o retrouso dunha canción “hai un galego na lúa”, mais saiba tamén que, se é así, o máis probable é que estea colocando os tubos do aire acondicionado para que outros podan vivir mellor ou que, se cadra, xa mellorou de status para se converter en empresario dun lupanar ou dunha moblería.

Para finalizar, nobreza obriga, dicirlles que aínda non me liberei da leira, que sigo falando con intención avesa e sentido dobre, que estou inzado de contradiccións e asolagado polas incertezas, que me paso a vida revisando dogmas e liberando lastres ideolóxicos, que emigrei, regresei e fun expulsado por segunda vez, que viaxei polo mundo e experimentei percepcións diversas e que se escribo instruccións é porque a terra trema baixo os meus pés, aquí, nesta terra prometida, nesta querida e maldita terra.

Xavier Queipo