A TIRANÍA DA REALIDADE |
|
Hai un par de semanas eu escribía neste mesmo semanario unha reflexión sobre a mutación de mando na xefatura do Estado español. Falaba daquela dos nosos soños e as nosas rxpectativas como nacionalistas galegos. A realidade do estado español, como ben saben, non dá para moitas expectativas de cambio de réxime ou proceso constituínte a curto prazo. A realidade é tirana no senso de se impor sobre os nosos soños e aspiracións de autogoberno (coa fórmula que se queira, independencia ou estado asociado). Por iso comptre avanzar na contestación á realidade, mais dun xeito reflexivo e comenzando se cacaso pola análise da realidade social e política do nosos pequeno país sen estado (se cadra tamén da realidade antropolóxica e cultural, como compoñentes básicas desta anaálise). Non son eu, cos meus minguados coñecementos da realidade do país (hai 25 anos que vivo fóra desta sociedade, que só visito de cando en vez) nin cos meus magros coñecementos de ciencias políticas o que pode dar luz sobre estes asuntos de vital importancia. Van a seguir, así e todo, unhas reflexións sumarias sobre o meu modo de ver e entender os seguintes pasos neste camiño –difícil- cara ao autogoberno. Deixen que derive cara ao eido da bioloxía, onde, por razóns de formación desenvólvome con certa soltura conceptual. Entre as relacións tróficas secundarias, unha das máis interesantes ao meu parecer é a de « simbiose », aquela onde a asociación entre dous organismos adoita resultar beneficiosa para os dousi No noso país sen estado (Galiza, xa saben) coexisten dúas comunidades culturais que se ollan de esguello e apenas se relacionan entre elas. Están os que asimilados ao cen por cen pola « cultura española », pensan e viven cos únicos referentes da cultura castelán, ignorando cando non desprezando todo o que soe a « cultura galega ». Por suposto falan un castelán deplorábel como se lles tivesen transplantado a lingua de pequenos, cunha sintaxe e unha pronuncia que son regularmente obxecto de escarnio no resto do Estado español (onde, por certo a pronuncia andaluza é « simpática » e a galega « atrasada »). Tamén existe a banda contraria, refractaria a todo o que veña presentado como « cultura española » (enténdese na mente do que sofre marxinación, mais nin sempre é unha idea progresista). Ante esta manifestación de intolerancia biunívoca (xa sei que desproporcionada e máis agresiva dunha banda que da outra) unha actitude posíbel é a de tender pontes, tentar a « vía diplomática », o diálogo e o pacto sen renunciar ás posicións que consideramos xustas, sen ceder nin un milímetro nas sinais de identidade. Traballar nunha cultura común de non confrontamento. Isto é certamente utópico tendo en conta a desproporción de forzas (sobre todo económicas), mais a realidade se impón e se queremos vivir en paz teremos que nos entender cos nosos (por moi ruíns que nos parezan « os nosos »). Hai media ducia de anos que lin « A arte da guerra » de Sun Tzu, estratega chinés do século IV antes « da nosa era ». Nas súas reflexións verbo da confrontación na batalla a un inimigo máis poderoso en recursos e máquinas de guerra, ademais das técnicas de « guerrilla » para cultivar a técnica do dano selectivo sobre certos puntos sensíbeis das tropas inimigas, debilitando a súa estrutura e creando unha sensación de que somos máis fortes do que en realidade somos e minando así a moral do inimigo, gaba sen arroubo o valor dos infiltrados nas filas inimigas e o seu rol fundamental para crear nelas a confusión e a desorde. Así entendo eu que isto é unha guerra (non convencional, por suposto) entre dous mundos ou no interior dunha sociedade esgazada) e por iso precisamos pilotos e ideoloxía, exércitos afoutos e sub-comandantes espelidos, estratexias ben marcadas e batallas singulares. Pasou a xeira dos comunicados, da atomización da reacción fronte ao aldraxe e a inxustiza, da inocencia esmagadora de vontades. Só así, na brega cotián atoparemos o noso centro de gravidade para camiñar erguidos e insubmisos no camiño da nosa liberación. Xavier Queipo, Bruxelas, Xuño 2014.
i Hai varias definicións de « simbiose » na literatura que eu manexo, máis vou recoller aquí a que a min me semella atinada. « É a asociación de dous organismos que se benefician mutuamente sen ningún perxuicio. Os casos de simbiose poden ser permanentes, onde os organismos participantes reciben o nome de « simbiontes ». Algunhas especies son tan dependentes entre elas que ningunha das dúas pode sobrevivir por si mesma. É o caso dos líques onde o alga subministra enerxía e o fungo aporta soporte e protección. Hai moitos exemplos e non en todos eles unha compoñente aporta a enerxía e outra a estrutura, mais este é un exemplo canónico. Se dous organismos que viven en simbiose poden separarse e vivir independentes dise que esta relación é facultativa.
|
|