As peras de Limburgo

download pdf

No entorno vense de inventar unha verba nova. Iso é sempre motivo de ledicia e satisfacción, pois a existencia dun sinal comunicativo novo, sexa na lingua que sexa, ten para min, como escritor e como cidadaán, un significado especial. A palabra inventada é peerfie. E qué significa peerfie?, pois un autorretrato comendo unha pera (mestura de peer/pera, e o xa coñecido selfie/autorretrato cun teléfono. A idea ten a súa orixe nas sancións rusas (como resposta ás sancións económicas da Unión Europea) que prohiben a entrada de produtos agrícolas europeos en Rusia.

Pois ben, na provincia de Limburgo, en Bélxica, a produción de peras destinábase en gran parte ao mercado ruso e, de súpeto, enténdase, quedaron sen mercado. En troques de laiarse pedindo que alguén lle solucione o problema (tan típico de noso), os belgas decidiron pasar á acción nunha campaña solidaria na que se fotografan comendo peras de Limburgo e subindo as súas fotos en facebook, para estimular aos seus amigos a que fagan o mesmo. Todo comezou na cidade de Peer, na mesma provincia de Limburgo, onde o alcalde chamou aos veciños a mercar e comer tantas peras como puidesen e a enviar fotografías nas redes sociais baixo o lema Perenaar eet peren, o sexa "Os de Peer comendo peras". A campaña leva bo ritmo ou, cando menos, comezou con moito entusiasmo. Calcúlase que cada belga terá que comer unha pera á semana para poder compensar as perdas potenciais dos agricultores do seu país. Facendo un cálculo aproximado unhas 52 peras, e, estimando a 130-150g a unidade, uns oito quilos de peras.

Estes días tamén, e como resultado de idénticas sancións comerciais, neste caso no sector da pesca, fálase moito do "marujito" ou "Patagonotothen ramsayi", un peixe de fondo que os nosos barcos capturan no Hemisferio austral e que, como produto conxelado, tiña boa saída en Rusia. O nome de "marujito", pode levar a equívocos, pois non é un "marujo pequeno" senón un peixe que, cando adulto, non adoita acadar os 40 cm., o que o converte nun peixe pequeno á par das pescadas austrais coas que adoita vir mesturado nos aparellos. Aqueles que gusten de fado lembrarán, a propósito, aquel "fado marujo", que cantaba Amalia Rodrigues co seu retrouso famoso: "Sempre que passa um marujo português / Passa o mar numa ameaça de carinhosas marés".

E nós os galegos, que podemos facer por mitigar/minimizar o impacto que para as nosas empresas (e, por tanto os nosos traballadores do mar) supón o bloqueo ruso? Coido que non queda outra que mercar e comer "marujito" ao forno, en caldeirada ou á galega. Xaora terei que calcular cantos quilos nos tocan por cidadán e ano e se, na fin, alguén se decide a propor unha campaña nos medios para fotografarse comendo "marujito" ou, no que xa é un clásico, fotografando a táboa servida.

Tamén hai outros produtos do campo que sofren ese bloqueo. Estímase que as perdas poden chegar os 17 M€ por ano e contan os máis prudentes, que o peor está por vir, cando os excedentes de leite que antes vendían a Rusia os gandeiros polacos e franceses, se destine ao mercado peninsular baixando aínda máis e a límites insostibles o prezo do leite galego.

Xa sei que o feito de nós incrementar o consumo dos produtos que sofren, directa ou indirectamente, o bloqueo non vai solucionar o problema, mais pode espertar a conciencia dos cidadáns e das institucións para así planificar unha estratexia común contra situacións de crise quer no agro quer na pesca, por unha guerra ou por unha desgraza. Para iso, xa saben, para as decisións estratéxicas, non hai nada mellor que o autogoberno.

Mentres este vai chegando, eu, que vivo en Bélxica, vou mercar unhas peras de Limburgo, mais que nada por colaborar.

Xavier Queipo