Distopia? |
|
Hai uns días viaxando en avión e lendo un xornal deses que algunas compañías ofrecen aínda antes de embarcar, din cun artículo de opinión que falaba dun futuro sen memoria. Referíase á tendencia progresiva que se encontra na sociedade tecnoloxizada á pérdida de memoria individual ao tempo que van medrando as memorias de datos. Estabamos chegando a destino e non tiven o coidado de gardar o artigo para unha consulta posterior, mais anotei no meu caderno de peto: “futuro distópico, procurar significado”. Días despois sentei diante do ordenador e procurei a definición de distopia, termo que eu coñecía exclusivamente dos meus estudos de medicina (distopia testitucular, cando un dos testículos se sitúa fóra da súa ubicación habitual). O meu concepto era pois estritamente topolóxico, de algo que se sitúa fóra de lugar. Para a miña sorpresa (un, felizmente, non deixa de aprender cousas novas cada día, aínda que o proceso contrario tamén se dá), “distopia” aparecía reseñado como antónimo ou contrario de utopía e cunha connotación sempre negativa. Existe mesmo un sub-xénero literario (para entendermonos, fóra da polémica sobre a existencia ou non de xéneros) da ciencia ficción, o da “distopia” entendida como descrición dun futuro negativo. Serían paradigmas deste tipo de obras “1984”, de Georges Orwell e “The Brave New World”/”Un mundo feliz”, de Aldous Huxley. Procurando unha definición canónica, atopeina nun diccionario inglés (case sempre mellor situados cando un fai unha procura na rede e non especifíca a lingua) e di así: “An imaginary place or state, which the condition of life is extremely bad as from deprivation, oppresion or terror as in The Brave New World”. As claves eran pois a idea de imaxinario, o caracter negativo e a presenza de escaseza, opresión ou terror como características mais sobranceiras desta utopía negativa. Pensei, como corolario, nunha especie de escenario apocalíptico ou de degradación progresiva da condición humana por exceso de poboación, fame, contaminación, control social e totalitarismo. Pensei no meu país, que é o que fago por ver de concretizar as ideas abstractas sobre o futuro da condición humana. E pensei no me país pois é onde espero pasar os meus días cando disfrute da condición de pensionista (que a pouco que faga cálculos non a vexo tan afastada). Pensei na cultura, que é o eido que máis me toca como escritor en galego. Pensei na lingua como paradigma do feito cultural propio e pensei nos centros comerciais, como terreo de caza dos “comandos compradores”, se cadra influído por ese calvario que constitúen as festas do Nadal. Os síntomas eran claros, camiñabamos directamente cara a unha “distopia cultural”, cara a unha perda de memoria colectiva levados polos vagallóns inconmensurábeis da globalización mais brutal onde os centros comerciais se convertiron en templos do consumo e da uniformización das sociedades. Non hai máis que visitalos en varias cidades galegas, peninsulares ou europeas para ver unha continuidade nas marcas e nos produtos que alí se ofrecen. Hai unha pequena fiestra de posibilidades de superar conscientemente esta tendencia estimulando a conciencia dos consumidores e favorecendo o consumo de produtos artesanais ou de pequenas empresas. O caso da lingua é mais grave, pois se desaparece o seu uso cotiá en grandes proporcións da poboación (o pouco uso que dela fai a xente nova é particularmente preocupante), vai desaparecer o noso xeito de ver o mundo, a nosa cerna e o noso futuro como pobo e como entidade diferenciada. Non teño a receita para revertir esta tendencia por moito que lle dea voltas ao caletre. Gustaríame ter a solución, mais non a teño e coido que ninguén a ten a non ser que se dea un proceso de autoidentificación colectiva (xa sei que o termo soa unha chisca rancioso) coa lingua de noso. Preocupa que os produtos culturais en galego (libros, discos, produccións fílmicas, etc) representen unha porcentaxe mínima no mercado cultural galego. Preocupa a posición pasiva cando non contraria de certas “mentes benpensantes” no noso panorama intelectual, o derrotismo nas institucións que deberían estar aí para dar pulo á nosa cultura, a belixerancia negativa dos gobernantes, a sensación de que chegamos a un punto de non-retorno. Pensei todo isto dun xeito algo egoísta, pois o diagnóstico que non quixera para a sociedade á que teño a intención de regresar é que camiñamos cara á unha “distopia cultural”. Pensei tamén de xeito colectivo (custa algo máis, mais con esforzo chégase a ter unha conciencia de clase e de país) e gustoume pouco que non se estea dando un proceso de autoevaluación (“autocrítica”, ten connotacións negativas, de autopunición pública que quixera evitar) e paréceme impropia a posición de descargar a responsibilidade en toda a sociedade. Non somos culpábeis todos, e aínda non sei se hai culpábeis (as categorías extremas repugnanme), mais estou certo que hai “facilitadores”, “colaboracionistas”, “negacionistas” e “executores”. Tamén sei que hai “suxeitos pacientes” e “suxeitos activos”. Non teño receitas, xa dixen. A nivel individual e dende a distancia, o único que eu podo ofrecer é o compromiso persoal de seguir producindo en galego, de seguir vivindo en galego, de seguir apoiando as iniciativas culturais en galego, de usar, máis aínda se fose posíbel, o galego como lingua prioritaria para as miñas relacións persoais e profesionais. Ese “ o compromiso para o ano que xa chega. Compromiso que espero que partillen comigo na medida das súas posibilidades e no seu entorno. Que sean felices e diferentes en 2015 e, alén diso, que o sigan sendo no futuro. Xavier Queipo
|
|