Ética do consumo

download pdf

A sociedade que nos ten tocado vivir está inzada de trampas, de trapalladas, de miraxes que contribúen á nosa manipulación permanente. O eido do consumo de bens e servizos non é unha excepción á regla nesta serie de celadas que o capitalismo –agora amosando a súa faciana máis salvaxe- nos tende na súa lóxica binaria de produción/consumo, que non é outra que a lóxica binaria explotación/manipulación. Nas dúas fases os xestores do sistema saen gañando. Na primeira, está claro, pola explotación das clases traballadora e a extracción da plusvalía a partir da suor dos traballadores. É certo que se produciron avances sociais e que o nivel de explotación non é agora o mesmo que hai unhas décadas, mais coidado, pois os dereitos dos traballadores están en retroceso evidente: os contratos son precarios, as subas salariais non se corresponden co valor do producido e a inestabilidade no emprego –co corolario tantas veces dramático do desemprego crónico- son síntomas dunha deterioración diacrónica das condicións de traballo. Na segunda, os axentes do capital estimulan o consumo para poder recuperar así a parte do león dos salarios que lles outorgaran aos traballadores. Manipulan á opinión pública, adormecen a xente coa publicidade e coa criación de “necesidades” espureas, sen interese para o que consume, mais das que xa non pode prescindir. Nada que vostedes non saiban, pois a análise é canónica (un servidor non é especialista en economía, senón un biólogo que pensa, que escribe e que tantas veces adianta teorías ou observacións que os máis non comparten).

Nesta situación hai que actuar pois nas dúas frontes, loitando para consolidar os dereitos adquiridos, como moi ben saben os compañeiros das organizacións sindicais e practicando un consumo reponsábel, consciente, medido, para evitar darlle un gaño maior ao inimigo. Xa sei que o inimigo é tantas veces opaco, está tan agochado baixo o enxaretado dunha rede de corporacións e multinacionais, que resulta difícil dar con el. A non ser que, como nalgúns casos, se nos amose sen arroubo, como inimigo organizado, socialmengte refractario aos cambios e negador dos dereitos dos traballadores e, non poucas veces, cunha conciencia de explotación digna do conservadurismo máis rancio e reaccionario. Estes días, por exemplo saiu á luz que un directivo dos grandes almacéns mais emblemáticos do estado español (logo de que o partido socialista obrero español malvendera Galerias Preciados ao capital venezolano) foi candidato pola falanxe española en varias ocasións e, por tanto, participa da ideoloxía que sustenta esa formación política. Os que concorden coas ideas da falanxe poderán moi ben seguir mercando neses almacéns, mais os que se sitúen nas antipodas desa ideoloxía non deberían, por unha cuestión ética, pisar as súas instalacións (como é o caso de moitos amigos que eu teño, socialistas e nacionalistas declarados eles, asíduos clientes senón promotores directos ou indirectos das compras en semellante lugar).

Dirán algúns que a condición de falanxista do directivo non é condición suficiente para a deserción desa arcadia do consumo. Direilles que terían razón se esa non fose senón a punta dun iceberg, que agocha o 90% da súa masa baixo unha aproximación paternalista (e, por tanto, machista) ás relacións entre patróns e empregados.

Puxen ese exemplo, pois as noticias confirmaron esa militancia, mais a cuestión non é o detalle, que só ilustra sen pretender ser exhaustivo. Coido en pensar que como consumidores temos que intentar en todo momento e lugar non lle dar a gañar ao inimigo, pagar o prezo xusto e, cando se poida escoller, intentar un consumo responsábel. Podemos seguir apáticos e derrotados, non querendo ouvir, nin ver, nin falar, como eses famosos macacos da historia, mais tamén podemos tomar unha decisión activa, informarnos (observar que non é ver, escoitar que non é ouvir) e tomar a palabra do xeito que sexa máis doado, consumindo de xeito responsábel.

Custa traballo, seino, mais a liberdade sempre custou traballo, non é nada que nos veña dado nin ao que haxa que lle ter medo. Algúns dirán que para min é moi fácil, pois hai vintecinco anos que vivo fóra e non teño que confrontar co dia a dia da vida no país. Certo, mais tamén é certo que aquí onde eu vivo observo e mais escoito, falo con feitos e tomo as decisións que considero máis doadas. Pódome trabucar –quen non- mais o único que lles pido a os meus amigos é un pouco de coherencia, unha pizca de reflexión, unha dose elemental de ética.

Xavier Queipo