O mundo á nosa espera

download pdf

Hai quen pense que os que agora habitamos a Terra seremos as últimas xeracións en morrer de morte natural (ou sexa por enfermidade). Os que así falan contan que para finais do século XXI existan ordenadores que non precisen do silicio, senón que empreguen átomos e daquela se rexan pola teoría cuántica e o principio de indeterminación de Heisenberg, aquel que contrapón velocidade e posición, xa saben, o que estudaron en secundaria. Outros sosteñen que os computadores serán xenéticos ou ópticos, mais todos os científicos coinciden en que terán unha potencia infinitamente maior que os actuais, que non son senón xoguetes en comparanza co que nos espera.

Antes diso, por volta da metade de século, teremos internet en todo tempo e lugar nunhas lentes de contacto que proxectarán as imaxes na retina, falaremos coas paredes, que serán pantallas de ordenador, poderemos mudar obxectos de forma e lugar, micro-drones percorrerán o noso sistema circulatorio facendo traballos de mantemento e proporcionando as drogas necesarias nas células diana. Poderemos prever o cancro nas primeiras mutacións das células, pois haberá sensores situados en cada recuncho da nosa casa, nas roupas e no corpo. Non haberá problemas para reconstruír órganos danados ou fabricar outros novos a partir de células nai totipotentes. Poderemos tamén ter xuntanzas con outros humanos presentes en forma de holograma, que serán visíbeis co uso de lentes mais que non estarán diante nosa senón en efixie.

Todo isto e moito máis será o mundo que lles espera as próximas xeracións. As ideas que anticipaban series como Star Wars ou Star Trek, xa pronto van ficar obsoletas. Cando menos iso conta Michio Kaku no seu libro Physics of the Future (the inventions that will transform our lives) logo de consultar a unha longa lista de Profesores de Ciencia entre eles varios Premios Nobel.

O libro merqueino nun aeroporto cando nunha escala entre dous voos me din de conta que tiña dúas horas de espera e nada de sustancia para ler. Xa logo comecei a lectura con fruición: o futuros dos ordenadores, da robótica, das comunicacións, da medicina e da saúde... e eu alí lendo como un pampo...

Rematado o libro non sei que pensar. Non sei se quero vivir no futuro ou se quixera retornar ao pasado. Do que estou certo é que teño problemas para vivir no presente. Xa coñecen a miseria ética na que vivimos, coa corrupción rampante, coa desigualdade entre clases regresando aos momentos máis escuros da historia da humanidade, con manipulación informativa e as masas nun frenesí de consumidoras de infelicidade.

Se cadra o mellor retornar aos versos de Celso Emilio, aos de Cortázar ou Octavio Paz, estes dous últimos nacidos ao inicio da Gran Guerra e por tanto de centenario. Si, de seguro o mellor, cando menos nesta tarde fría de primavera.

Xavier Queipo