Negociación necesaria

download pdf

Estas eleccións ao Parlamento europeo produciron un cambio substancial no mapa político da Unión. Non só porque vaian estar sentados nel un número considerábel de deputados da extrema dereita xenófoba, senón tamén porque tamén o van estar unha morea de euroescépticos, de aqueles que non só non cren nesta Europa, senón que non creen en ningunha outra Europa posíbel fóra das fronteiras nacionais. A correlación de forzas mudou tanto que os partidos maioritarios, que adoitaban partillar de xeito rotatorio a presidencia do Parlamento como bos aliados que son (nin amigos nin socios, senón aliados), van ter que gañar a confianza da cámara, quer para levar adiante a elección da nova Comisión Europea quer para presidir o propio Parlamento.

Comeza agora, dende xa, a negociación das alianzas entre grupos parlamentarios para acadar unha maioría que permita formar unha Comisión Europea e poñer a andar esta nova lexislatura dun Parlamento que vai gañando poder en cada lexislatura. Comeza agora a negociación e por tanto a hora de vender caros os votos de cadaquén, de mentir para confundir ao adversario, de ensaiar falsas lealdades para conseguir o poder. Son estas, se cadra as características máis importantes dunha negociación política: a mentira e a lealdade finxida. Non é esta hora de “purismos”, de “enroques”, de “quixotismos” ou doutras “marimbadas” polo estilo, senón o momento de sacar partido da posición de debilidade na que se encontran as forzas maioritarias.

Dende a perspectiva da esquerda (nacionalista ou federalista) hai que comezar a poñer sobre a mesa de negociación os votos dos grupos parlamentarios. Naqueles grupos heteróclitos (onde as afinidades non sobrancean sofre as diferenzas de intereses estratéxicos) isto vai resultar complexo, mais para iso está a renartería que se lles supón aos líderes, para facer crer que se cede sen ceder, para difundir o ruxe-ruxe de que se cadra votamos por B, en troques de por A, para que A suba a súa oferta de compromiso e obter, senón o cento por un, si cando menos unha parte substancial do que se pretende. As posicións maximalistas (quero a independencia ou non quero nada, quero unha Europa federal ou non quero nin escoitar falar de alianzas) son suicidas.

Dirase que Schultz (PS) e Juncker (PP) son a mesma cousa. Esa é a visión natural dende a esquerda real non socialdemócrata, que coñece as posicións tantas veces tépedas do PS e considera que PP e PS son manifestacións políticas da mesma clase, con matices, mais coa mesma ideoloxía de base. Unha visión menos sectaria faríanos reflexionar e non negar o voto a unha das opcións, senón sentarse a negociar coas dúas formacións, tensando as liñas vermellas de cada un deles (que non andarán sobrados de votos).

Faleilles de “liñas vermellas”, ous sexa reivindicacións mínimas por debaixo das que non estamos dispostos a ceder nin un milímetro. Partir do programa completo, negociar capítulo a capítulo, liña orzamental a liña orzamental, deixando para o fin un grupo reducido de reivindicacións si ne qua non. Mais nese proceso convén xogar con cartas marcadas, deixar entender que o PP ofrece 1000 para que o PS ofreza 1200, pedir 1400 para obter finalmente 1100.

Estar do lado dos vencedores será a mellor estratexia para logo poder esixir, para marcar o territorio, para publicitar os acordos e seguir avanzando, devagar mais sen retroceder un paso nas reivindicacións propias. Xogar ao “todo ou nada” non serve máis que para ficar illados de por vida, para sentir a impotencia de que ningunha das nosas posicións van ser respectadas. Pois hai que contar que a ultradereita apostará polos seus aliados naturais (cos que xa estiveron amigados nalgunhas alternativas comúns en certos estados da Unión).

Se cadra pensan que isto que lles digo vai contra a ética política ou contra a tradición, mais precisamente por iso, porque vai contra a tradición e contra as derrotas pasadas, non compre outra solución que avanzar, que xogar de farol, que vender cara a pel de cada voto. Se así non fose, o PP e o PS van chegar a un acordo entre eles para salvar Europa e daquela será unha Europa de mínimos, de recortes crecentes, de miseria ética e de empobrecemento social. Ogallá me equivoque de vez, sinceramente.

Xavier Queipo