O Colonialismo insidioso

download pdf

Non sei se existe unha definición canónica de “colonialismo insidioso”, máis vou tratar de explicar cal é o concepto que eu manexo, coa esperanza de que, se este concepto fose errado, algún dos que me le presente argumentos encontrados ou precisións académicas, que para iso estamos para aprender día a día.

Se cadra non lles gusta a verba, « colonialismo », que reservan, tal vez, para situacións de conquista a lume e ferro (África e Sudamérica como paradigmas) seguidas dunha imposición pola forza de usos e costumes. Se cadra prefiren « asimilación », « dominación » ou outras como « adhesión » ou « invasión ». Non vou entrar en polémicas por unha verba de máis ou de menos.

Eu entendo por colonialismo insidioso aquel no que o colonizado (o asimilado, o invadido, o adherido, o dominado) se vai convencendo progresivamente da bondade natural do colonizador, que impón a súa cultura (a súa lingua, as súas leis, a súa relixión, etc…) polo ben do malpocado do colonizado, para que este saía do seu atraso secular e se incorpore ao mundo contemporáneo, asumindo os valores éticos e morais do colonizador. É insidioso, pois vai avanzando de pouco a pouco (no noso caso leva gañando terreo dende que perdemos a nosa independencia como comunidade separada, xa van alá máis de cinco séculos), non ten grandes fitos históricos, senón que vai gañado as vontades dos colonizados devagar (ás veces ese ritmo se incrementa ou descende, como en todos os procesos crónicos).

Evitar o dano feito é difícil, pois hai algúns « outeiros » perdidos para sempre no avance das tropas inimigas pola complicidade dos traidores, máis imponse a « resistencia activa », comezando pola lingua, pola negativa a que calquera funcionario (da sanidade ou da educación, do transporte ou do escritorio do Concello) intente que mudemos o noso rexistro lingüístico. Ser conscientes da riqueza do noso xeito de ver o mundo (a nosa lingua, espello do noso xeito de pensar) e actuar en consecuencia sen submisións.

Por iso cando chegan as eleccións, un ten que saber de qué bando está: dos colonizadores ou dos colonizados (se prefiren algo máis actual: da troika ou do nacionalismo emancipador). Se un candidato da dereita galega dí en público como dixo Millán Mon, do PP, no coloquio organizado pola Revista Luzes o pasado 8 de maio en Vigo, que non fala en galego porque o fala mal e quérelle moito á nosa lingua para falala, pois xa saben en que banda está. Se un candidato socialdemócrata (José Blanco, do PSOE), nega no mesmo coloquio o dereito de autodeterminación, pois xa saben tamén de que lado do río Leteo está, sen que eu lles teña que dar máis indicacións.

Teño o privilexio de ter relacións de amizade con membros das tres alternativas nacional galegas que se presentan a estas eleccións ao Parlamento Europeo. Noutras palabras, teño a meirande parte dos meus amigos e coñecidos na banda dos colonizados e resistentes (ou se o prefiren dun xeito máis clásico, dos bos e xenerosos). Por iso mesmo non vou cometer o erro emocional de lles recomendar o voto por unha opción política nacionalista ou outra.

Saiban que para o avance do colonialismo insidioso non hai mellor opción que votar a un dos partidos que se dividiron o poder en Europa, que pactaron a rotación na Presidencia do Parlamento Europeo, que sen rubor “colocaron” aos seus colaboradores directos (chámanlle correlixionarios ou amiguiños se así o prefiren) xusto antes de pechar o Parlamento para comezar a campaña. A opción da abstención tamén lles vale, pois a lóxica destas eleccións de circunscripción única sempre vai rematar por os favorecer.

Daquela, e xa para me despedir, simplemente quixera mandárlles esta mensaxe: fáganse vostedes a pregunta: “de que banda do río estou?” Logo desexarlles que sexan coherentes entre a resposta a esa pregunta e o voto emitido, mais nada. Ben, si, que sexan felices.

Xavier Queipo