O embigo do mundo

download pdf

O antropólogo francés Bertrand Flornoy describe como se arquitectaba a cidade de Cuzco como centro neurálxico do Imperio dos Incas (kusco, na lingua quechua, significa “embigo”). No centro situábanse as dependencias do fillo do sol e emperador dos Incas. A cidade declinábase Así en catro barrios, onde habitaban os funcionarios que administraban as catro provincias do Imperio. De cada un destes sectores partía un camiño lousado, na dirección dos puntos cardinais. O imperio estendíase no seu apoxeo ata Colombia polo Norte, Patagonia polo Sur, o Océano Pacífico polo Oeste e os mananciais das sete lagoas onde nace o río Marañon, que logo será o Amazonas, polo leste. A administración non se levaba nin con papeis nin con taboíñas de barro cocido, como acontecía noutros imperios onde mandaríns e mais escribas gobernaban o mundo. Os funcionarios do Imperio Inca levaban as súas contas e estatísticas con fíos e cordas de cores que, por un sistema de nós, lles permitía dar conta ao seu señor, o Gran Inca, da magnitude das colleitas, da produción dos xacementos de ouro e prata e dos nacementos e decesos en cada curruncho do seu Imperio solar.

O noso embigo do mundo é Compostela e de alí, do gran centro administrativo galego, saen estradas que comunican coas catro provincias do reino. Os funcionarios gobernan con puño de ferro as vidas da xente do común, quer dende Compostela que por intermedio das delegacións provinciais. Os nosos "cholos" e "serranos" non van de poncho nin viven todos eles en pequenas choupanas onde afuman as súas vidas, máis os funcionarios aprenderon a gobernar cos fíos e as cordas anoados para informar ao seu señor, o Gran Inca que habita no Pazo presidencial e se move por toda a extensión do país, que considera do dominio privativo da súa casta. Cada fío e cada corda de cores constitúen unha liña no orzamento, e cada nó unha redución progresiva desa liña, que vai esganado sen remedio as clases menos favorecidas. Ata aquí as similitudes un pouco fantasiadas que constitúen a esencia do noso ser e existir.

É ben certo que a meirande parte das decisións que van modificar a nosa vida, ou cando menos as grandes liñas ideolóxicas e ornamentais que as dominan, non se toman en Compostela, nin tan sequera en Madrid, provincia periférica da Unión, senón en Bruxelas, onde o Consello de Ministros da Unión decide por nós (estraña medida da democracia) a quen mandamos armas de guerra e a quen sancionamos por malvados e atorrantes, con quen asinamos acordos de cooperación e se condenamos ou non, como entidade política, aos que masacran inocentes, sexa na franxa de Gaza, nas montañas do Iraq, ou nas chairas de Ucraína.

O poder canto máis próximo máis agrada ou anoxa aos que sofren das súas poutas lacerantes. Por iso o poder de Compostela, aínda que só sexa un poder administrativo e xestor das grandes liñas pactadas polos gobernos da Unión, é importante para nós os galegos. Eles son os que distribúen, os que recortan, os que anoan con fíos de cores as estatísticas esganando á poboación, a comezar, por descontado, polos menos favorecidos, os que non son da súa caste de “galegos de primeira”.

O último caso que coñezo de esta técnica de tortura é o dos brutais recortes nas prestacións que sofren os cidadáns chamados “dependentes”. Se eles son beneficiarios das axudas gobernamentais é por algo, porque os malpocados teñen unha eiva física, un quebranto da saúde ou unha creba económica, que precisan da necesaria solidariedade de todos. Mais eles tamén son cidadáns de primeira e merecen, enténdase, mellor goberno e mellor trato.

Merecen eles, e merecemos todos nós, dependentes ou non, que non nos sigan esganado cos fíos de cores dende Compostela, o embigo do noso mundo.

Xavier Queipo