A desaparición do silencio

download pdf

A xente, os políticos entre eles, xa non teñen tempo para pensar, xa non fan máis que repetir consignas e lugares comúns, mensaxes que ben se poden deseñar nunha camisola. A capacidade de reflexión é ben sabido precisa da introspección e esta do silencio.

Esa capacidade de introspección comezou a perderse cando desapareceu o silencio, cando a palabra primeiro e a música logo, asociadas ou non a imaxes, foron invadindo a nosa contorna, o territorio propio e xa logo as rúas e os espazos públicos, de xeito que xa non se concibe un centro comercial sen música, unha casa onde non estea prendida a televisión, ou a radio, ou a música que sae do ordenador ou dun aparello calquera, e agora, hai pouco, cuestión de anos, os sons comezaron a invadir tamén o terreo individual, a introducirse na barreira do eu, a penetrar como agullas lacerantes a través dos ouvidos, de xeito que xa non existe o silencio senón coma un concepto metafísico, algo esotérico e fóra da realidade tanxíbel, como as nubes de electróns ou a ondulatoria catastrófica da auga antes de comezar a ferver. Xa non paseamos a orella descuberta intentando captar o pulso das estacións, escoitando a xente que atravesa ao noso paso e fala nesa cacofonía de linguas que hoxe constitúen as cidades.

Negar o silencio é unha arma letal para contrarrestar a individualidade, para evitar a reflexión, pois a infusión de información satura os circuítos e impide ou cando menos retarda o pensamento, a reflexión, a dúbida, e por suposto a contestación. O próximo paso será o acceso a internet por medio de lentes de contacto que enviarán imaxes directamente á retina (o que nos deixará un dos ollos inservíbeis mentres esteamos conectados). Iso, que semella unha vantaxe para estar ao tanto de todo canto acontece no mundo, converterase nunha obsesión, como hoxe xa é moverse ancorado nun teléfono móbil sen o que se colixe non podemos vivir.

Se reflexionaramos un pouco –todos, eu tamén- dariámonos de conta da necesidade que temos de repensar o noso país, as nosas relacións con outros países ou entidades económicas supranacionais. Mais non temos tempo para iso e só repetimos dogmas, baseamos os nosos argumentos no último opúsculo consultado (breve, de preferencia) ou nunhas estatísticas das que descoñecemos a fiabilidade, a porcentaxe de erro e as variábeis que inflúen no cálculo de varianzas, graos de liberdade, desviacións típicas e outros parámetros necesarios.

Qué máis dá que sexamos unha das autonomías que mellor resistiu a crise, o caso é que estamos empobrecidos, que os dereitos sociais foron recortados e que camiñamos cara a unha sociedade máis inxusta? Qué máis dá que digamos ao catro ventos que a nosa pertenza a Europa é un desatino, que mellor sos que mal acompañados, se a meirande parte dos galegos van votar opcións que apoian a idea de Europa e, xa mesmo, imos ficar con cara de parvos? Que máis dá que levemos tras de nós unhas siglas progresistas se na fin defendemos a monarquía, amparamos a corrupción e negamos o dereito de autodeterminación?

As tres últimas preguntas van dirixidas, por certo, a tres opcións políticas distintas, as tres representadas na nosa sociedade, no noso parlamento e as tres aspirantes ao noso voto nas próximas eleccións ao Parlamento Europeo. Reflexión, silencio, se cadra pensar é necesario.

Xavier Queipo