O vigor do híbrido

download pdf


Nestes días de alternancia de humores e de ventos, que máis parecera que transitamos pola primavera que polo verán, segue a polémica a propósito da designación de Filgueira Valverde como autor ao que se lle renderá homenaxe o vindeiro ano 2015 no Día das Letras Galegas. Expresei xa a miña opinión nas páxinas deste mesmo semanario e pouco máis teño que dicir. Só recordar aquí que a sabedoría se mide pola consciencia da propia ignorancia (Séneca dixit). Por tanto, a saída de nai dalgúns dos nosos “intelectuais” (académicos ou non) ao alcumar de “ignorantes” aos que discordan/discordamos da opción de propor a Filgueira, son mostra da ignorancia deles, que partillan con todos aqueles que negan a posibilidade de “discrepar” (neste eido específico ou en calquera outro). Todas as sociedades onde non se acepta a discrepancia de opinión, son, en esencia, totalitarias, quer por laminación intelectual dos seus membros, usando a propaganda e o medo como armas de control social, quer por represión, explícita ou insidiosa, das opinións “non-oficiais”.

O labirinto galego, como tantos outros labirintos deseñados polo paso do tempo, é difícil de abranguer na súa complexidade se non se posúen as armas precisas para a súa interpretación. No caso dos labirintos clásicos, xa se sabe, a fórmula máxica é dar co fío de Ariadna, necesario para saír deste “conundrum” e avanzar no vieiro da liberdade. Non é negando o debate, arrogándose dereitos áulicos e infalibilidades de escollidos polos Deuses (opcións típicas das castes feudais, relixiosas ou non), como se constrúe un país con futuro.

Mais deixemos “as letras” e pasemos “as ciencias” ou “os números” se así se prefire. O país desangrase polos pulsos, vai perdendo xente que emigra e non regresa. Fica así, carente da súa mocidade ilustrada, cada vez máis, en mans dunha xerontocracia inmovilista, que vive ancorada nunha serie de automatismos (inercias) e no pánico as necesarias mudanzas de rumbo (derrota), tanto no eido económico como cultural. Este inmovilismo, enténdase ben, non é patrimonio nin da dereita nin da esquerda, nin do galeguismo nin do españolismo. É, por desgraza, patrimonio de todos, como sociedade e como nación. É necesaria, pois, sangue nova para construír o noso futuro. Non podemos seguir perdendo poboación, sexa esta ilustrada ou manual, seguir perdendo recursos, seguir producindo cada vez menos, seguir pendents das subvencións (das esmolas enveleñadas). Quer aumentamos a poboación (o que está difícil coa emigración masiva dos máis novos) ou ben temos que intregrar na nosa sociedade a un nímero maior de inmigrants (aos que, por descontado, temos que atraer con condicións de vida ventaxosas). A decisión hai que tomala pronto, pois estamos a risco de ir esmorencndo progresivamente como país e convertirnos nun destino turístico de ruínas invadidas polo mato.

Por razóns que moito teñen que ver con pasadas crises econòmicas –agora distantes no tempo- tiven que abandonar Galiza hai xa unha morea de anos. Tiven así oportunidade privilexiada de ver o que acontecía no seu seo dende a distancia, cunha perspectiva distinta e se cadra menos onfálica. Observei así o progresivo abandono do campo, a permanente sangría do rural e a depauperación progresiva das cidades.

Gustaríame que a miña sociedade de orixe –a galega, fose plural e acolledora, solidaria e permeábel (como unha membrana), de xeito que evolucionase de tal forma que se algún día retorno ao lar de orixe, non me sinta como un estranxeiro. De xeito tamén que, sociedade centrípeta como ela foi e segue sendo, sexa quen de acoller no seu seo aos diferentes, con xenerosidade e visión de futuro, para construír así unha sociedade híbrida, con vigor e capacidade de resistencia aos cambios que xa chegan.

Xavier Queipo