Os nosos soños

download pdf


Estes días a polémica está servida en bandexa de prata logo da abdicación de El-Rei, e o máis que posíbel ascenso ao trono das Españas do ata agora Príncipe Felipe, co nome de Felipe VI. Os argumentos en favor desta práctica de continuismo ou da creba democrática que suporía a celebración dun referendo verbo da posibilidade de instaurar unha república, xa foron desenvolvidos ata a náusea por opinadores ocasionais ou comentaristas afoutos. Mesmo apareceron as primeiras consultas demoscópicas sobre o apoio que as distintas posicións poderían acadar no caso de se celebrar o tal referendo, que, por descontado, non se vai dar a curto prazo, pois existe un pacto entre as forzas maioritarias do Parlamento para que iso non aconteza.

Sen novos argumentos da miña parte, vou ensaiar construir o cesto da miña opinión con tres bimbios literarios extraidos dos andeis da biblioteca. Citarei textos de Kurt Vonnegut, de Octavio Paz e da poeta hindú, exiliada en Noruega, Easterine Kiri Irali, co desexo de que o cesto saía o mellor posíbel.

Na súa novela “Matadero cinco” Kurt Vonnegut di:

Na parede do seu escritorio Billy tiña unha oración pendurada, que lle axudaba a seguir vivindo (…) Dicía así: “Concédeme, señor, serenidade para aceptar as cousas que non podo mudar, valor para as que si podo mudar e sabedoría para distinguir as unhas das outras”".

No seu longo poema en prosa “Los trabajos del poeta” (en “Águila o sol”), Octavio Paz di:

Difícilmente, avanzando milímetros por año, me hago un camino entre la roca. Desde hace milenios mis dientes se gastan y mis uñas se rompen para llegar allí, al otro lado, a la luz y el aire libre. Y ahora que mis manos sangran y mis dientes tiemblan, inseguros, en una cavidad rajada por la sed y el polvo, me detengo y contemplo mi obra: he pasado la segunda parte de mi vida rompiendo las piedras, perforando las murallas, taladrando las puertas y apartando los obstáculos que interpuse entre la luz y yo durante la primera parte de mi vida.”

No artigo 48 da Constitución Europea en verso, Easterine Kiri Irali di:

(...) mataron os nosos soños/mais os nosos soños, teimudos, resistense a morrer”

Pois ben, oración aparte e iluminación divina non asegurada, dende a serenidade e a reflexión coido en pensar que:

  1. non hai razón que indique que, co tempo, o tipo de estado non se poida mudar, de monarquía a república, de estado unitario a estado federal ou mesmo a confederación de estados, ou que se dea unha remodelación terrirorial coa escisión dalgunhas comunidades, hoxe integradas a contrapeito no Estado español.
  1. O labor necesario para acadar os obxectivos marcados (os nosos soños, cadanseru o seu) será difícil e de lento percorrido, precisará de teimosía e clarividencia e, finalmente, eses obstáculos entre nós e a luz poderán ser eliminados.
  1. Os nosos soños son nosos, e mesmo que intenten asasinalos con verbas tan pouco claras como razón, pragmatismo, necesidade, legalidade ou democracia (así, con minúsculas de sistema ideal nos seus plantexamentos e imperfecto nas súas formas), os nosos soños van resistirse a morrer con teimosía e afouteza.

Os comportamentos políticos e as consecuencias immediatas dos mesmos (a súa evolución e corolario) constitúen unha materia difícil senón imposíbel de predicir. Por tanto, entendan este artículo como de ficción, pois ten orixe na literatura e se cadra non é máis que iso, literatura.

Xavier Queipo