De referendos e outras consultas |
|
Despois de pasado o referendo de Escocia, diante da próxima consulta popular en Catalunya e logo de escoitar voces que falan dunha eventual consulta en Galiza, quixera presentar aquí un mando de reflexións. Cando eu frisaba esa idade asustadora das preguntas que un neno fai sen se decatar da dificultade que os pais poden ter para respondelas, en público ou en privado, pregunteille ao meu pai: Pai, que é un referendo? ao que el non contestou, pois estabamos na rúa e seica esas cousas só se falaban na casa. En chegando ao piso da rúa Preguntoiro, pai aproveitou a hora da cea para nos explicar ao seu modo o que era un referendo. “Un referendo é unha votación onde todos os maiores de idade temos que votar o que nos manden os que mandan, para que eles sigan mandando e nós ficar como sempre, ou sexa tranquilos e sen sobresaltos”. A definición do meu pai se cadra non resulta canónica nin ven así referida en ningún texto, mais en analizándoa como ela merece (con cariño, por algo é do meu pai, o vínculo, xa saben, esas cousas de estirpes e de clans), contén unha morea de verdades. Ou cando menos non contén ningunha falsidade para aquel momento e lugar, pois vivíamos nunha ditadura. O que en min quedou gravado dende ese preciso instante é que un referendo non vale para nada, literalmente para nada que non lle sexa de utilidade a quen exerce o poder. E que a un referendo non se vai con incerteza, senón con seguridade. Pasados os anos, souben dos referendos plebiscitarios de Pinochet, gañados de antemán, dos referendo fallados para a independencia de Quebec (coido que foron dous), dos dous referendos da Dinamarca, tan seguidos, para votar o Tratado de Maastrich, e cando gañou a postura contraria ao goberno por escaso marxe, convocaron outro pouco tempo despois até que gañaron os do goberno pola mesma estreita marxe, mais a marxe deles é a que vale, faltaría máis, pois son os que gobernan. Pasou o mesmo en Francia e máis en Holanda. Cando non gañan os que teñen que gañar a cousa se repite, senón non hai xogo. Outro tanto acontecería se tiveramos votado “non” á entrada na OTAN, mais votamos “sí”, que é o que eles querían, e daquela todo ben. Manda sempre o que reparte o xogo. En Escocia pasou o que tiña que pasar, o que o poder quería que acontecese, que votaran, que tivesen ese desafogo, que xa eles, os valedores da democracia máis antiga do mundo, se encargarían durante a campaña de sementar o medo coa complicidade dos poderes reais, os fácticos, os de sempre. Os escoceses, presos na trampa democrática, arriscaron todo a unha carta e perderon. E non dubiden que se chegan a gañar as posturas independentistas, habería que repetilo, por fas ou por nefas, como cando por despiste ou desleixo o poder perde, como acontecera antes en Holanda, en Francia, en Dinamarca... Que vai pasar en Catalunya, pois que para xa o referendo nin se vai chamar así nin será vinculante, ou sexa que se faga ou non se faga o independentismo catalán non gañara polas boas. Se me equivoco xa o veremos, que bola de pitonisa non teño, mais coido que non lles van deixar votar (o mínimo) e, se votan, o poder central terá mil e un argumentos para acalar ese voto. Por iso aquí non convén ir pola mesma vía, pois son forzas perdidas, vidas talladas a metade pola frustración da derrota. Qué facer, pois. Non teño a receita, mais se un non ten a maioría social asegurada (como acontece, pois nacionalismo andará no máximo polo 30% dos votos) nin o poder económico do seu lado (xa sabemos onde cotizan as nosas grandes empresas, nonsi?), coido que deseñar unha nova xeometría estatal vainos coller no furgón de cola. Disimulen dende xa se non partillan a miña análise, mais eu non pretendo posuír a verdade absoluta. Son escritor e quéirao ou non, os meus textos van case sempre trufados de ficción. Se eu lles contara... Xavier Queipo
|
|