Letras galegas : Senescencia e responsabilidade

download pdf

O mes de xullo adoita comezar coa designación pola RAG de quen será o centro das celebracións das Letras Galegas no ano próximo. Van pasando os anos e cada vez recibo con menos pasmo esta designación. En varias ocasións mostrei o meu desafecto porque se dedique o Día das Letras a un autor morto e cantos mais anos leve morto, peor. Transmítese coa escolla dun “dinosauro” a idea de que as letras galegas son algo do pasado, unha especie de regreso aos tempos inmemoriais, algo que non ten nada a ver con xente viva, activa, anovadora, aberta ao mundo…

A lista das candidaturas adoitan ter un ou varios autores (homes e mulleres) cunha obra interesante, un ou varios personaxes con obras limitadas (escuálidas, mínimas, de calidade dubidosa) e algúns outros candidatos onde é difícil atopar consenso na súa cualificación (case sempre no eido da antropoloxía cultural ou da etnografía). A escolla, pois de Filgueira Valverde, como corresponde a unha institución senescente, non debe asustar, pois é case sempre conservadora. Neste caso, enténdese por “conservadora”, aquela que convén a administración pública (Xunta de Galiza), pois a administración é máis ou menos largacía nas subvencións/axudas dependendo da identidade do homenaxeado. Noutras palabras, o autor escollido deberá non resultar “incómodo” nin para o Conselleiro de Cultura (que así poderá ler discursos laudatorios sen arroubo) nin para o Presidente da Xunta (que non terá que ler discursos nin facer comentarios sobre alguén que detesta).

Se queren que lles diga a verdade, dependentes como son os presupostos das institucións culturais galegas (RAG, Consello da Cultura, Instituto Ramón Piñeiro, etc) da boa sintonía que eles teñan co poder autonómico, as decisións da RAG non me sorprenden en absoluto. Tampouco me sorprende que adianten varios nomes de posíbeis candidatos, situados no espectro do nacionalismo radical, do feminismo ou aínda do reintegracionismo. Chama a atención que sendo os académicos na súa maioría os mesmos que propuxeron candidatos e votaron no ano pasado e nos anteriores, as listas de candidatos varíen tanto dun ano a outro, como se as neuronas senescentes dos nosos académicos estiveran a padecer curtocircuítos que lles impediran un exercicio de lembranza e coherencia. Son miraxes, engados para os seres inxeis que aínda cren que a votación vai dar como resultado algo que non estaba programado de antemán. Qué posibilidades tiña este ano Carvalho Calero, apestado “reintegrata”? E Xela Arias, “feminista, contestataria e, en certo senso, marxinal”? Que oportunidades Manuel María, politicamente nas antípodas do poder da Xunta e defensor da lingua como poucos? Ningún deles tiña a mínima oportunidade, sexamos honestos.

Cando a escolla non foi pactada co poder, o galego saíu beneficiado. En épocas recentes lembro os casos de Roberto Vidal Bolaño e de Lois Pereiro, este último n particular pola súa aproximación a mocidade, que de súpeto puido experimentar que as letras galegas non eran un fenómeno da Era Terciaria, e os escritores falaban de cousas próximas e comprensíbeis. Esta popularidade do galego, ou do autor que a represente, non semella constituír a prioridade da RAG, sempre afastada do que pensa e quere a cidadanía que fala e defende o galego e máis próxima a compracer ao poder estabelecido. Segue apostando con forza por personaxes onde o aspecto literario non constitúe unha actividade maior, senón vicaria, de pouco fuste e nula capacidade de innovación.

Neste caso, o ilustre polígrafo tiña o seu interese centrado no Pai Sarmiento, nas cantigas de Alfonso X, e na prosa divulgativa sobre antropoloxía cultural galega. Diante dos candidatos citaqdos con anterioridade e dende o punto de vista literario foi, pois, a peor escolla posíbel para o país e para a lingua galega. A responsabilidade é pois da RAG, que está a facer un fraco favor as letras galegas. Eles saberán en que banda xogan, a quen lle están facer un favor. Eles non van rectificar… pois viven instaurados na arrogancia que dan os cargos vitalicios (cuestión a revisar de contado) e na teimosía propia do sectarismo insidioso. Eles non van rectificar…Madia leva!

Xavier Queipo