Un futuro feudal? |
|
Hai un par de días e logo de ter alternado o seu engado cunha media ducia doutros libros máis transportábeis (lóxica do desprazamento), rematei a lectura dunha das obras clásicas da literatura xaponesa: La Novela de Genji da escritora xaponesa do século XI Murasaki Shikibu. Considerada pola súa grandeza merecente dun posto de honra na literatura mundial como El Quijote, Macbeth, ou A la recherche du temps perdu, por poñer tres exemplos senlleiros de tres literaturas europeas. Nove séculos antes que Freud, Murasaki adiviñou que todas as transaccións eróticas son dalgún xeito formacións substitutivas de afectos anteriores. Ademais dos interminábeis xogos eróticos e da permanente dinámica dos sentimentos expresada en series de poemas improvisados, que actúan como alimento e alicerce do desexo, o libro describe con precisión o sistema feudal do período Heian xaponés. Poucos meses antes rematei a lectura dun romance portugués actual, “O Reino”, dun colega biólogo metido a escritor e que describe o noso século XII, a sociedade feudal onde se movían as intrigas de Xelmirez e as liortas entre Afonso Henriques e Afonso Reimundez, que levarían pola cobiza de un e o mal cálculo do outro a separación do condado portucalense da Galiza e o consecuente declíneo dos galegos como nación separada. Sen chegar ao refinamento das cantigas xaponeses da época, foi xeira abondosa en trobadores (homes e mulleres), que cantaban os amores galantes e as crebas do corazón ferido. Salvante as distancias entre as dúas culturas o sistema era basicamente o mesmo, a explotación do pobo -campesiño na súa meirande parte- por unha caste de terratenentes. A separación abismal entre minorías xerarquizadas e o común dos mortais, xente asoballada e anónima. Mentres os nosos pasaban os días a loitar entre eles e contra os almorábides ao sur de Coimbra (dos que tantas verbas gardaría o portugués moderno), no Xapón organizaban o luxo en grandes comitivas e festivais para celebrar os cultos do Shinto e do budismo, coincidentes no tempo. Mais en esencia, nas dúas extremas do mundo, o sistema era o mesmo. Despois de ler esas novelas, unha noite de insomnio –teño só dúas ou tres por ano, mais son terríbeis, se cadra pola falta de costume- pensei nas diferenzas sociais no tempo que nos tocou vivir, en como esas diferenzas van medrando día a día nunha regresión cara a unha desigualdade feudal, que avanza como unha epidemia. Se cadra esaxero, levado pola paixón do insomnio e da narrativa. Se cadra non se trata de feudalismo (aínda que a tecnoloxía semella levármonos nesa dirección) senón dunha nova forma de estrutura social que ten como corolario a navallada brutal entre o poder adquisitivo das distintas clases sociais. Xa sei que os máis vellos lembran tempos de maiores desigualdades, mais durante as últimas décadas nos foramos acostumando a un mellor equilibrio distributivo, a ter unha clase media numerosa, a pensar que tiñamos espantado para sempre a pantasma da fame e da exclusión. Por razón de traballo levo viaxando por Europa mais de vintecinco anos e adoito visitar as mesmas cidades, Londres, Dublín, París, Roma, Madrid, Copenhague... Segundo as miñas observacións non sistemáticas mais continuadas (levo un caderno de viaxes dende 1989) a presenza masiva de mendigos sen teito que durmían nas rúas comezou en Londres cando Margareth Thatcher chegou ao poder no Reino Unido. Logo seguiron os seus pasos outros países e hoxe é unha presenza cotiá nas rúas de todas as capitais de Europa. O liberalismo económico semella, pois, a ideoloxía que sustenta este cambio a peor, esta volta atrás, estra fractura social. Se cadra para moitos dos que len este artigo o que eu fago é constatar o obvio, mais se é así, porqué hai unha porcentaxe maior da xente nova disposta a votar os que defenden o liberalismo económico? Por qué levamos dúas lexislaturas de (des)goberno dos amigos da Thatcher/Merkel, por non falar da longa xeira antes do bipartito? Por qué non se consegue –se é obvio- convencer aos votantes para saír desta situación? Será o feudalismo o que nos espera na volta da esquina, modificado e posto ao día nas formas e nos rituais, mais feudalismo na mesma? Eu non debería ter insomnio, non trae máis que preguntas sen resposta? Xavier Queipo
|
|