A complexidade do terror |
|
Cando isto escribo é sábado 14 de novembro de 2015, as oito da mañá. Dende que souben as primeiras noticias, a iso das dúas e media da madrugada, non son quen de durmir. París ven de ser atacada en seis lugares ao mesmo tempo por comandos suicidas de ideoloxía salafista. Os lugares escollidos, todos eles no este e nordeste de París, foron escollidos de xeito cirúrxico para sementar o terror na poboación. L’Estade de France, onde se xogaba nese instante un partido de fútbol, a sala de concertos Bataclán, onde mil seiscentas persoas asistían a un concerto de Heavy Metal, un restaurante camboxano, onde un comando sacrificou a catorce persoas e varias terrazas onde os terroristas abriron fogo contra a xente que gozaba do seu merecido descanso de fin de semana. O feito de que os atentados se produciran case en simultáneo e de que os terroristas se presentaran a cara descuberta, como puideron certificar as testemuñas presenciais, fai que estes atendados se nos presenten como unha evolución na complexidade das operacións terroristas en Francia. Non se trata xa de feitos illados coma a masacre do semanario satírico Charlie Hebdo, senón de ataques coordinados, nun día sinalado, e coa conciencia de que van morrer no atentado. Como transcendeu inmediatamente aos medios de comunicación ían a cara descuberta, signo inequívoco de que non lle importaba ser identificados e aínda máis levaban cintos de explosivos para se inmolar en canto a situación impedira a continuación da súa carnaxe e se viran cercados polas forzas especiais. Cando falo dunha data sinalada refírome ao 14 de novembro, primeiro día do segundo mes no calendario islámico. Hai unha razón teolóxica na escolla desta data específica. Os terroristas que seguen o salafismo, teñen prohibido o uso da violencia catro meses ao ano, en concreto nos meses un, sete, once e doce do seu calendario. O 14 de novembro é o primeiro día do segundo mes nese calendario, ou sexa que é o primeiro día que podían matar segundo as súas crenzas relixiosas. Dirase que os atentados de París foron o día 13 de novembro, mais isto ten explicación inmediata no feito que eles actuaron seguindo o fuso horario de Siria, onde foron instruídos e onde teñen as súas bases o autoproclamado Estado islámico (tamén coñecido por ISIS). Detrás destes atentados está a longa e poderosa man do salafismo que é o sistema de ideas que se articula arredor do islamismo en países como Arabia Saudita ou Qatar, que son os que financian na súa meirande parte a estes movementos terroristas. Segundo as testemuñas entrevistadas na primeira hora na canle francesa France 2 á saída da sala Bataclán, os que abriron fogo contra o público berraban que estaban alí para vingar aos seus camaradas de armas mortos en Siria. Temos pois diante nosa unha “exportación” da guerra de Siria en territorio europeo, resultado da intervención armada de Francia sobre territorio Sirio controlado por ISIS. Mais a complexidade vai algo máis alá, pois aliados privilexiados de Arabia Saudita e Qatar son, segundo informacións recollidas de diversas fontes, o Reino Unido da Gran Bretaña e os Estados Unidos de América. Certo que non se pode pensar que estes terroristas actúen ao mandado de gobernos occidentais (pensalo sería recoñecer un chanzo máis na complexidade do terror, que non quero acreditar sen probas bastantes), mais hai unha conivencia clara entre as potencias occidentais e as monarquías salafistas da península arábiga. Por certo, monarquías que manteñen relación privilexiada coa monarquía española, como se pode comprobar nas hemerotecas e nos rexistros audiovisuais. Cando isto escribo, penso na guerra de ideas, neste mundo de aparencia desideoloxizada, entre os que defenden un estado salafista guiado por unha interpretación extremista dos textos sagrados do islamismo, e aqueles que din defender os valores occidentais resumidos na máxima Liberté, Egalité, Fraternité. Esa guerra de ideas estase transformando nunha guerra aberta onde calquera lugar do planeta pode ser escenario de accións violentas. Claro que como tamén é unha guerra de propaganda, os lugares seleccionados serán sempre lugares estratéxicos cando non simbólicos. Din os especialistas que se esperan novos atentados nos días a seguir, ben en Francia ou noutros países europeos. Non vou agochar que vivindo nunha cidade onde o 25% da poboación é musulmán e onde se sitúan dous dos obxectivos estratéxicos para o terrorismo salafista como poden ser o cuartel xeral da OTAN e o Consello de Ministros de Europa, teño medo do que poida acontecer unha catástrofe, quer como actos terroristas illados, quer como modificación na convivencia entre as distintas comunidades ou a redución das liberdades civís. Estas son as primeiras reaccións, unha sensación de frío que percorre o espiñazo, unha reflexión sobre a complexidade técnica e ideolóxica do terrorismo, unha percepción de que sairemos perdendo no goce das nosas liberdades cívicas, e todo iso mesturado coa xenreira e co frío, outra vez co frío. Xavier Queipo
|
|