Afropean |
|
Este sábado 17 de xaneiro, días antes do aniversario da morte de Martin Luther King, líder indiscutíbel nas reivindicacións cívicas e igualitarias dos que daquela eran negros (niggers) e despois serían denominados “afroamericanos”, tiven a oportunidade de asistir a un recital de textos literarios (poesía, slam, prosa, ensaio) que baixo o suxestivo título de ‘Litanies for survival” (Ladaíñas para a sobrevivencia), se celebrou no contexto da celebración “Afropean”. Para xa explicar que “Afropean” é a verba que empregan para se denominar a si mesmos os cidadáns europeos, residentes e moitas veces nados en Europa, que teñen as súas raíces na África subsahariana. A nova verba aprendida sería pois o equivalente europeo de “afroamericanos”. Falaron os “warrior poets” (poetas guerreiros) da barbarie do colonialismo belga no Congo e do colaboracionismo das elites locais como axentes necesarios para garantir a represión. Non foron compracentes senón reivindicativos. Iso era esperado. Mais o que eu non esperaba é que as mulleres e as súas reivindicacións feministas adquiriran un protagonismo tan marcado na velada literaria. Primeiro foi a poeta belgo-congolesa Lissette Lombé, que a coro partillou co público o dereito a non esquecer, logo chegou a nixeriana-finesa Minna Salami, admirábel e valente reivindicando a figura da escritora senegalesa Mariama Bâ, aquecendo motores para declarar que o acordar de África só pode chegar da man das mulleres. A elas seguiron a cantante belgo-namibiana Shishene, con voz de veludo e verdades como puños, reivindicando o dereito á diferenza de comportamento sexual, para rematar xaora coa nixeriana Obi Okigbo, reivindicando a poesía do seu pai Christopher Okigbo, se cadra un dos mellores poetas do século XX en África, falecido durante a guera civil nixeriana, o que na fin dos anos 60 se chamou entre nós a Guerra de Biafra, de infausta lembranza de nenos co ventre inchado pola desnutrición. Todas elas déronlle un pulo especial a unha velada magnífica que tiven oportunidade de vivir e que quero partillar con que isto lea. Aprendín moitas cousas este sábado sobre a situación de África e as consecuencias do colonialismo, sobre a poética da resistencia e sobre o papel das mulleres nos cambios sociais. Quedarei, así e todo, cunha frase que me impactou, quer por poderosa quer porque resume unha actitude que considero exportábel ao comportamento ante as inxustizas que estamos a vivir no noso pequeno país sen estado: “your silence will not protect you” (o teu silencio non te vai protexer). Co que está acontecendo no noso país, coa corrupción e o goberno despótico, a arrogancia dos menos diante da pobreza dos máis, a laminación progresiva das liberdades e a política de recorte de dereitos cidadáns, os silencios non son prudentes senón cómplices, a apatía é incapacitante, a non acción é destrutiva é o que compre é pois tomar a palabra, organizar a resistencia, avanzar no camiño do cambio posíbel. Entendo o silencio, a apatía e a non-acción como resultado do cansazo e da desilusión a onde nos levaron os gobernos e os desgobernos varios, mais o silencio non nos vai protexer, a apatía non vai frear a maré de recortes e a non-acción non nos garante outra cousa que o lento suicidio como pobo diferenciado. Non é hora pois de liortas entre machos alfa por ver quen leva máis votos ao seu poleiro, senón que é hora da unión fronte ao inimigo que é único e organizado. O demais son matices. “Your silence will not protect you” (o teu silencio non te vai protexer). Xavier Queipo Xavier Queipo
|
|