Eleccións

download pdf

Cando saia do prelo este texto as eleccións ao Parlamento do Estado español estarán a uns días vista. Tempo de reflexión. Eu xa votei por correo, tendo en conta a miña condición de trasterrado. Fíxeno por xente que eu considero honesta e que, partindo desa súa condición, coido en pensar que me poden representar. O demais é conversa.

Disimularán que xa non fale máis das eleccións e que non pida o voto para esta ou estoutra formación, pois diso e non doutra cousa levo falando nos vintedous artigos que xa publiquei nestas páxinas de Sermos Galiza no ano 2015.

Fagamos memoria: faleilles dos meus amigos musulmáns, das migracións, da complexidade do terror e do labirinto sirio, que é o mesmo que falarlles da miña idea da política exterior, de non mesturar relixión e (xeo)política e das consecuencias terríbeis dese confronto no que algunha responsabilidade teremos como parte da sociedade occidental. Falei tamén de cultura como forma de resistencia cando no artigo titulado “Afropean” din noticia da existencia dos poetas anticolonialistas do Congo coñecidos como “Black Warriors” ou daqueles outros escritores na procura da dignidade racial; ou mesmo cando no artigo “Poesía e insurxencia”, reflexionei sobre a jazz-poetry de Ferlinghetti e a arte da insurxencia, o sub-comandante Marcos e a súa revolución inconveniente. Fun nese eido cultural algo adiviño (herdanza da miña bisavoa materna) cando lles contei no mes de xuño da situación dos escritores en Bielorrusia e máis de tres meses despois apareceu nas noticias que lle concederan o Nobel de Literatura, contra todo prognóstico, a unha escritora xornalista dese país. Conteilles como sufre a clase traballadora en “Os de abaixo”, onde explicaba tamén que nós non queremos só votar, o que nós queremos é democracia, do mesmo xeito que non entendemos un proxecto de futuro para Galiza sen ter a lingua propia como gonfalón que abra a alborada do futuro. Dun xeito se cadra máis descontraído fixen o mesmo no artigo titulado “O peso da pobreza”, onde referíndome a un pobre de pedir reflexionaba en que o peso da súa pobreza non encontraba equilibrio no peso da miña empatía. Escribín tamén no artigo “Mazá con queixo azul” verbo da necesidade de continuar reflexionando sobre as tecnoloxías e as novas formas de vida que elas poden traer, ou pensei falarlles da necesidade de tomar as rendas deses cambios de paradigma cando escribín “Reinventar o país”, ou resetealo coma se fose unha computadora que non vai pois ten os programas obsoletos, ten a memoria RAM minguada para as necesidades cotiás ou precisa de novas aplicacións para confrontar este presente en mutación constante e acelerada. En dous artigos, coido que sentidos, expliqueilles porque Filgueira non (“Filgueira e os seres estraños”) e Manuel María, si, por descontado (“Lembranza de Manuel María”). Faleilles de máis temas, algúns complexos e outros festivos, algúns traídos a rego pola actualidade e outros produto dun soño ou dunha recordación. Conteilles aínda segredos de como sinto e penso, algúns politicamente correctos e outros se cadra un bocado máis heterodoxos.

En definitiva, escribín durante este ano e nos anos precedentes da miña visión do mundo, ou cando menos de como é que eu o percibo, e tamén Galiza, a cultura, a política exterior, a orde pública, a economía, a cultura global ou a do noso sistema, como entendo a dinámica dos sistemas complexos, os retos tecnolóxicos do futuro que xa chega ou os desequilibrios entre nacións ou no interior da nosa propia.

Non lles vou falar de eleccións nin recomendar o voto, nin tan sequera apostar por este ou estoutra, pois xa o levo facendo varios anos nesta mesma cabeceira e noutras que a precederon. Cando me declarei a prol do diálogo en “Marcha pola dignidade” ou “Unha proposición honesta”, tamén estaba indicando o que sería para min a candidatura ideal que non puido ser (e alá cadaquén coa súa parte no trasacordo). Fiquei chafado despois do non acordo e por iso se cadra hoxe quero procurar un pouco de sosego e pensar que sempre serán posíbeis alianzas tácticas despois das eleccións pois estas non son –non poden ser- un ritual cada catro anos sen outras consecuencias.

Abrirase unha xeira nova a partir do 20 de decembro, iso seguro, e temos que atopar, nas novas coordenadas, un alicerce para avanzar por unha Galiza liberada. Aí está Uxío Novoneyra chantado nun outeiro do Caurel, esperando para cruzar os queipos dos vales e os curutos das serras deica arribar a unha Compostela liberada. Aí está Manual María na Terra Chá e a mesma Rosalía nas veigas de Padrón, e Otero Pedraio paseando polas rúas da Compostela da miña nenez, e así todos eles á espera de que deamos un sinal de partida, de que ergamos a cabeza ben alta e persistamos no empeño.

Eu xa votei en conciencia por xente que eu considero honesta e que coido en pensar que me poden representar. No compromiso cotiá é onde se exerce a democracia. O demais é conversa.

Xavier Queipo