Entropía necesaria

download pdf

Permítanme que, revisándome a min propio, retome algúns argumentos xa utilizados hai catro ou cinco anos nun artigo aparecido no semanario A Nosa Terra, finado polo acoso dos poderosos e se cadra tamén por unhas pingas de idealismo. Naquel tempo eu lera na revista « Nature » un traballo científico baixo o título « Life is complicated », tiven un déjà vu e pensei no que me aprendera meu pai, un compostelán de nación, verbo dos distintos tipos de xente que no mundo hai. A súa filosofía –que con abraio descubría agora da man dunha científica apousentada en California- consistía en dividir a xentiña en tres categorías: complicada, simplificadora e separadora.

A xente complicada nin sempre era ruín. Dáballe inmensas voltas ás cousas: medía, avaliaba e ponderaba con coidado todas as circunstancias antes de se pronunciar. Era lenta máis na fin resultaba agradábel tratar con eles, pois tendo unha chisca de paciencia os resultados estaban garantidos.

A xente simplificadora, á que todo semellaba cousa feita, tampouco era ruín, mais o seu idealismo, disfrazado de optimismo contra toda proba, resultaba un pouco arriscado. En non poucas ocasións xeraba malentendidos ou situacións de saída difícil. Con paciencia era posíbel extraer deles o mellor e asegurar unha relación duradeira.

Pola contra, a xente separadora era verdadeiramente ruín, pois non pretendía construír senón destruír, non procuraba chegar a acordos senón rachar canto antes, non acadaba resultados pois fuxía ou facía fuxir aos seus aliados potenciais.

En Compostela como Concello (e dalgún xeito tamén en Galiza como nación) temos experimentado gobernos simplificadores, con máis idealismo que experiencia e tamén gobernos separadores, que conseguiron non tanto quebrar a sociedade en dúas (xa o estaba) senón agudizar as contradicións entre as partes. Precisamos pois un goberno de xente complicada, analítica, ponderada e agradábel.

Dá a impresión que coa marea alta de "Compostela Aberta" e os apoios que poida ela sumar teremos ese goberno de xente analítica e agradábel ao trato, pois van ter que facer encaixe de Camariñas para amalgamar a sociedade e rachar coa quebra institucional e de confianza que se asentou no Concello logo dunha morea de escándalos fedorentos. O que vai para Compostela, a miña cidade de orixe e formación, que tiven que abandonar noutra xeira de crise para poder subsistir, vale tamén para outros concellos onde trunfaron as diversas agrupacións de forzas políticas que perseguiron –con éxito en moitos casos- retirar do mapa de goberno aos corruptos organizados.

Eu xa estou rematando a sexta década da miña vida e xa vin subir e baixar mareas, tanto no meu país como no país onde resido dende hai case vintecinco anos. Por iso son optimista e sei que esta entropía, nalgúns casos próxima ao caos, é positiva, pois vai mudar o rumbo da nosa sociedade. Se cadra, pola teoría da compensación, hai un regreso a vellas formas de gobernar logo dos primeiros cambios. Eu quero ser optimista e pensar que esta entropía vai xerar un cambio de estado. Disimulen a aproximación simplista á teoría das catástrofes de Renè Thom ou aos conceptos básicos da termodinámica, mais eu son cego as cores dos idealismos simplificadores e non sei ver o mundo doutro xeito que intentando comprender a súa complexidade.

Quédame pouco para o retiro, se cadra tres ou catro anos no máximo e non me quero afastar do mundo nin me recluír nunha cabana ao fondo do xardín (entre outras cousas porque na casa non teño horta nin eirado). Por iso gustaríame retornar e ver que a podremia mudou de vez, que a xente volve a confiar o goberno aos máis capaces e non aos máis ladróns, que a xustiza dou conta dos mangantes e que recuperamos a dignidade como pobo e sociedade.

Non é hora, pois, de idealismos simplificadores nin de sectarismos absurdos, de inaccións que deturpen o avance do cambio institucional que semella que se achega. Non é tempo tampouco de perrenchas de opcións separadoras, que cal nenos malcriados se cren o centro do mundo, os gardiáns do Grial e agochan a cabeza de pura xenreira negando a realidade que teñen diante dos seus ollos.



Xavier Queipo