Escritores en Bielorrusia |
|
De cando en vez compre revisar o que acontece noutros lugares do mundo para entender a realidade do propio. Descansarei, pois, esta vez, de falar do país de noso para contarlles o que acontece nese país afastado que é Bielorrusia. Afastado dixen, mais non tanto na distancia xeográfica, que é fronteira coa Unión Europea, senón no coñecemento mutuo. O país non adoita ser noticia nos medios de comunicación de xeito que pensariamos que alí se vive nunha estabilidade mol, próxima ao nirvana social. Nada máis lonxe da realidade. Bielorrusia vive unha situación de ditadura ocupando o lugar 157 na clasificación mundial de liberdade de expresión. En breve, existe a censura. A finais de 2014, o goberno aprobou unha lei que considera os contidos en internet como parte do “mass media” e, por tanto, ten a potestade de censurar aqueles contidos que poidan atentar contra os intereses do estado. Por suposto non se fai público cales son os intereses do estado e, como consecuencia, toda a información é filtrada antes de que poida ser diseminada por calquera medio de comunicación, incluída a rede. A propaganda pro-soviética asolaga, pois, a vida política e cultural do país. Parte desa propaganda consiste en facer crer a poboación na supremacía do ruso sobre o bielorruso, que é presentado como unha lingua menor, de potencialidades limitadas. A situación da lingua bielorrusa deteriórase co paso do tempo e o número de xente que é quen de se expresar correctamente, entender significados complexos e escribir respectando as normas gramaticais diminúe de xeito progresivo. As editoriais deixaron de ter a súa función comercial para se converter en imprentas que non distribúen nin venden libros. Os libros son entregados aos autores (nunha especie de autoedición facilitada), deixándolles a estes a responsabilidade de vendelos nas presentacións públicas e nas librarías amigas. Os dereitos de autor son algo pouco menos que descoñecido e marxinal, reservado en exclusiva para os escritores do réxime que, por descontado, escriben en ruso, a lingua de poder. Se cadra este é o noso presente/futuro se os nosos gobernos pro-españois persisten na súa teima de desprestixiar a lingua propia e facilitar o predominio da lingua castelá, con argumentos do máis variado rexistro, onde o carácter práctico escolla, o prestixio social e económico da lingua máis expandida e o carácter residual da lingua galega, son os argumentos máis usados. No noso país, por descontado, tamén vivimos un proceso no que a propaganda oficial –coa axuda do goberno central amigo- fai engulir a poboación a supremacía do castelán sobre o galego, que é presentado como unha lingua menor, de potencialidades limitadas. No noso país, tamén de xeito obvio, o número de xente que é quen de se expresar correctamente, entender significados complexos e escribir respectando as normas gramaticais diminúe de xeito progresivo. Todo isto vostedes xa o saben e non fago aquí senón constatar o obvio. Como dixen ao inicio, de cando en vez compre revisar o que acontece noutros lugares do mundo para entender a realidade do propio. Vivimos nunha ditadura, branda comparada con outras pasadas, democrática, se así queren entender un sistema onde hai dereito a voto cada catro anos e despois se goberna por decreto. Mais tamén insidiosa, pois vai penetrando non só nas estruturas sociais senón tamén nas mentes dos cidadáns, terríbel pois é progresiva e tenaz, e, se non lle procuramos remedio, cada vez máis destrutora da cultura propia. O feito de que proliferen as pequenas editoras, que actúan como entidades de resistencia, e as que dende aquí saúdo con simpatía e solidariedade, fai temer que esteamos cada día máis próximos a lugares afastados como bielorrusia, onde prima a censura e o control total do estado sobre o sistema cultural, a difusión de contidos, a información e, como corolario, sobre a liberdade dos cidadáns. Por iso, meus, que agora estades chegando ás portas do poder, sabede que temos postas en vós as nosas esperanzas de democracia e equidade, de respecto e liberdade, verbas maiores cuxo significado real queremos recuperar. Xavier Queipo, xullo 2015
|
|