Estado laico ? |
|
Hai xentiña que nace espelida e outros que imos descubrindo o mundo devagar, ben por eivas na educación, ben por herdanzas pouco afortunadas. Levoume anos –moitos- descobrir con abraio que a política dun goberno se resume no orzamento e na lexislación que publica (chámese DO, BOE ou DOGA). O demais é conversa. As promesas electorais, os programas, as declaracións, os comunicados e as roldas de prensa, as campañas, os congresos, as primarias, as asembleas e demais manifestacións públicas son só anécdota, ocorrencia, circunstancia, ou sexa, conversa. O orzamento, ademais dos grandes números contén un monte de apartados e liñas que especifican –as veces nion sempre con claridade- onde se van gastar os fondos públicos. É documento complexo, mais para quen saiba ler e teña o tempo e a capacidade analítica bastante (recoméndase o traballo en grupo), trátase dun documento transparente. Canto maior o estado, máis complexidade: máis axencias estatais, delegacións territoriais, institutos tecnolóxicos, confederacións hidrográficas, consorcios, empresas de titularidade estatal, embaixadas e consulados, servizos secretos, exércitos e organismos armados varios, etc, etc. Se teñen interese boten unha ollada nas liñas orzamentais que se dedican a Casa Real e á Igrexa Católica, engadan tamén as cantidades que estas institucións non pagan, pola graza de Deus, e verán se vivimos ou non nun estado laico e democrático. O organo onde se publican as normas, decretos, leises e todo o que constitúen as decisións do goberno do estado e mais do parlamento, incluíndo nombramentos, premios, subvencións, etc, tamén é documento complexo, que os vellos administradores adoitaban repasar cada día para estar ao tanto das posibilidades de negocio, das axudas a esta ou aquela actividade, da recalificación dunha finca en polígono de tiro para uso militar ou do nombramento dun inimigo como gobernador nesta ou nestoutra provincia. Publicáronse hai uns día no Boletín Oficial do Estado os conteúdos da asinatura de relixión e con eles saltou a polémica nalgúns medios, mais diría eu que en tono menor, pois a tal publicación debería ter revolucionado á opinión pública. Dicir que non se pode ser feliz sen Deus (negando a grande infelicidade que, se existira, levaría inflinxido ao común dos mortais), que todo o que no mundo existe se explica pola súa magnánima capacidade de criación e que hai que avaliar o ben que os escolinos rezan na escola, son afirmacións moi graves, que poñen ao Estado español (onde estamos inseridos) nunha situación equiparábel as teocracias islámicas. Fun educado na relixión dos meus país, cuxa práctica abandonei polas moitas contradicións que fun descubrindo no seu argumentario e na moral dupla da súa xerarquía. Respeito aos crentes na súas opcións ideolóxicas persoais, mais non gusto de imposicións de liña oficial de pensamento. A relixión é, ben sei, unha compoñente fundamental da antropoloxía cultural. Ritos, mitos e celebracións caracterizan a todas as sociedades que no mundo existiron e, por iso, é importante o seu estudo. Dixen estudo e por iso entendo a súa análise comparada, quer das relixións monoteístas quer daquelas outras panteístas ou nas que o camiño da salvación non se concreta nun culto particular, senón nun estilo de vida. Logo a relixión que cadaquén practique ou non é unha cuestión ligada ao clan familiar onde viva e, en chegando a idade adulta, claramente ligada á espiritualidade individual que cadaquén queira adoitar. O feito de que a materia de relixión católica sexa alternativa á educación cívica, indica o pouco respeito que se ten nas altas instancias do poder quer as relixións non católicas quer á educación cívica, primando que un escolino saiba declamar de les a les unha Salve ou un Painoso en troques de coñecer como debe de se comportar en sociedade. É o estado e o goberno que temos que aturar e mentres, a multitude anestesiada, debate sobre o penalti no último minuto ou a cola de cabalo dun político emerxente, sobre se a diputada estaba xogando no hemiciclo ao Candy Crush ou ao Frozen, ou sobre outras naderías similares. Non sei se temos o goberno que merecemos, espero que non. O que sei é que quer os orzamentos do estado quer o BOE indican que non estamos precisamente nun estado laico, e iso preocúpame. Xavier Queipo
|
|