Filgueira e os seres estraños

download pdf

A grande festa das Letras galegas mortas colleume traballando a prol das letras galegas vivas. A miña opinión sobre a celebración deste día foi expresada e publicada en varios medios e ocasións. Non compre, pois, insistir no asunto non vaia ser que pensen que eu son alguén de ideas fixas e teimas recorrentes.

Ao señor Filgueira Valverde, un grupo de confrades que se xuntan na rúa Tabernas de A Coruña decidiron dedicarlle o día das Letras Galegas, cando xa levaba morto e soterrado dende 1996. Xa nos esqueceramos del, das súas luces de adral e as súas sombras invasoras, e velaí que con bombo e redobre soubemos que este ano 2015 sería o ano de Filgueira. Xa a meirande parte dos seus inimigos morreran ou xa o tiñan esquecido. Non era pois máis que un mal recordo, unha lembranza que o paso do tempo axudaba a esfuminar, un pesadelo que alá vai e déixao ir. Velaí que aqueles que traballan no mesmo Sínodo das Letras onde el traballou decidiron elevalo a categoría de autor ao que se dedica a celebración en 2015. A partir dese momento os seus amigos, os seus descendentes, a xente que tiña por el unha simpatía probada, ben por cuestión de sangue ou ideoloxía, tivo que contemplar con arroubo como expuñan na praza pública as súas vergonzas, como o trataban polos nomes os peores e o facían responsábel da morte dun amigo, dunha colección de loas ao ditador Franco e dunha navallada brutal que marcou aquela normativa do galego aprobada na transición dos anos 80, que dividiu aos galego falantes en dúas opcións lingüísticas antagónicas. Eu non sei se esas acusacións son verdadeiras ou falsas e dalgún xeito tanto me ten pois de seren certas son irreversíbeis, máis foron reavivadas en polémica cotián dende o intre mesmo no que se soubo a súa designación.

Fraco favor lle fixeron os seus confrades a Filgueira e fraco favor as Letras Galegas. Se lemos “Quintana viva”, que xunta en pouco máis dun cento de páxinas o mellor da súa produción literaria, comprobaremos, con arroubo, que o homiño tiña un vocabulario razoábel e un xeito “pulcro” de escribir, mais non atopamos nel nin un escrúpulo de literatura que mereza pasar á historia da nosas letras.

Hai quen pense que é tempo perdido falar deste tema, pois hai problemas maiores e máis importantes no panorama cultural galego. Teñen toda a razón con eles e doulla, non coma unha dádiva, senón como recoñecemento da súa capacidade analítica. O que acontece é que este particular asunto das Letras Galegas convertese cada ano ou ben nunha oportunidade perdida (no máis suave dos casos) ou nunha explosión de metralla contra a liña de resistencia dos autores contemporáneos. Cando, ende mais, como neste caso, aparecen esas sombras tan alongadas da implicación política do suxeito, daquela o asunto agrávase pois supón a confrontación nas fileiras de quen debería marchar unido nuns momentos cruciais onde a verba “resistencia” designa, espero que temporalmente, a realidade cotiá das nosas letras e a nosa cultura. O momento en que todas e cada unha das vontades deberían traballar na mesma dirección e sentido para conseguir atravesar estes tremedais de incerteza. Pois non, neses momentos, é cando os confrades da Rúa Tabernas, sementan a discordia, espantan a unidade, e mandan sinais de “non pasarán” contra aqueles que alentan opcións normativas diferenciadas. Todo, tal parece, por un prato de lentellas. Non sei se son ácratas ou sectarios, conservadores ou reaccionarios, mais teño claro que son seres estraños a nós, herméticos e bifrontes que coma se fosen posuídos por un delirio febril non deixan de remar con rumbo errático.

Eu non son moito de insultar, pois coñezo das miñas imperfeccións e desatinos, como sei de certo tamén que todos e cada un de nós, aquí e en Roma, temos lugares escuros, sombras que pairan sobre os nosos comportamentos e mesmo ditos ou accións que nos son atribuídas sen nós ser os autores. Non son moito de insultar, mais desta volta tiven que medir as palabras ao límite para non caer no exabrupto, mal raio os fenda que andan a xogar co lume sagrado da estirpe!

Xavier Queipo