Física recreativa

download pdf

Estes días fálase moito de unidade das forzas nacionalistas. Benvido sexa ese pulo, que ten como obxectivo primeiro acadar un Grupo Parlamentario Galego no Parlamento do Estado español. Eu xa deitei nestas páxinas de Sermos Galiza as miñas opinións ao respecto. Estou, con certeza, a favor dese pulo necesario, dese alento renovador da política galega. Entendo, por descontado, as voces que chaman a reflexión arredor de" unidade, para qué? Entendo tamén a urxencia dalgúns que se refiren a este como un “último round” no combate pola soberanía. O momento require, de certo, de solidariedade e visión desapaixonada, que faga agromar as moitas ideas que en común existen entre os nacionalistas, deixando de lado, a prol do obxectivo común, as diferenzas de enfoque.

As forzas (os vectores do cambio): Temos a forza, dise, é con certeza esa forza (ou forzas) existen nun sector concienciado da sociedade galega. Mais existen tamén forzas antagónicas e outras que puxan en direccións distintas de xeito quer ordenado quer caótico. Compre lembrar aquí a multiplicidade de forzas no taboleiro de xogo e que estas son elementos vectoriais, cunha dirección e un sentido e, na fin, que nin todas elas son iguais na súa magnitude. Os que traballaron algunha vez en equipo saberán da importancia de remar na mesma dirección e de xeito coordinado para facer avanzar a traiñeira confrontando as resistencias da auga, do vento, das correntes e das ondas. Esa coordinación non é doada. Endemais hai que contar que hai e haberá forzas que intenten impedir o avance desta iniciativa de unidade. Lembren que cando varias forzas se confrontan, o resultado é un novo vector resultado da adición e da subtracción das diversas forzas. Breve, acumular forzas é unha acción necesaria para mudar o mapa e conseguir avanzar nunha dirección e nun sentido marcado.

A confusión (termodinámica): Fálase tamén estes días de confusión, de caos, da diversidade de convocatorias, iniciativas e pulos, e de que estes poden levar a una terríbel decepción, a confluencia parcial das forzas nacionalistas en varios vectores diferentes. Ven na nosa axuda a teoría da termodinámica, que fala que para a construción dunha nova orde é necesaria sempre a existencia dun nivel importante de entropía (desorde). A desorde non debería, pois, asustarnos senón todo o contrario, que xurdan voces diverxentes (ou cando menos non confluentes) é habitual antes dun cambio de paradigma (cambio de estado). Para que o xeo se converta en auga ou esta en vapor é necesaria unha excitación brutal previa das moléculas do auga. Benvida pois a confusión, pois ha traer unha situación distinta. Por certo que é necesario “pilotar” ese cambio, mais para iso está a política de alianzas, a confluencia da que antes falabamos.

O tamaño de grao (concepto ecolóxico extraído da física aplicada á fotografía): Os amantes da fotografía saberán que cando falo de tamaño de grao refírome a fotografía analóxica, cando de esta característica dependía a nitidez do resultado do revelado. Na fotografía dixital este concepto estaría referido ao “pixelado” das imaxes. Na ecoloxía poderiamos falar do mesmo concepto, mais en termos de escala na que avaliamos un ecosistema. Na paisaxística funciona de xeito moi doado de comprender: Galiza ten unhas paisaxes preciosas a gran escala (tamaño de grao grande), mais se un entra no detalle, aquel bosque magnífico ten no seu interior vertedoiros de entullo, refugallos non reciclábeis, especies invasoras, camiños trazados sen xeito, marcas dun incendio forestal recente.... Temos que considerar, pois a perspectiva e analizar se cando pensamos que a maioría da sociedade galega reclama ese cambio de rumbo, ou é esta unha alucinación de quen tomou unha fotografía cun tamaño de grao errado. Compre non esquecer que as forzas inmobilistas ou antagónicas do nacionalismo están aí vivas, ás veces visíbeis e outras agochadas na confusión do mato. (Ollo o que pasou en Boimorto, non vaia ser que sexa un síntoma e non unha anécdota da posición que tomarán algunhas forzas se ven ameazada a súa hexemonía como alternativa aos gobernos conservadores).

Como resumo dicir que benvido sexa ese pulo pola unidade, beizón para aqueles que actúen de boa fe e con ánimo de levar a traiñeira ao obxectivo (esa ceavoga que faga afrontar o novo largo noutra dirección e co ánimo de que a meta, esa Galiza liberada de Novoneyra, está máis próxima, que é posíbel, éo, mais só se vogaramos dese xeito coordinado e afouto.

Disimulen a metáfora da traiñeira, se cadra "masculina amais". Non eramos un país matriarcal? pois ben, daquela que lles parece que a patroa da embarcación sexa unha muller afouta e destemida, que marque o ritmo das padexadas e anime aos remeiros a dar o cento por un, esquecendo esa característica "tan masculina" de "marcar o territorio". Ánimo, compañeiras, sabede que isto non vai mexer un milímetro se vós non estades na primeira liña de fogo, se vós, dalgún xeito, non liderades o proceso!

As batallas serán duras, comezando polas escaramuzas e as traizóns nas propias filas, mais se queremos chegar a meta (o obxectivo táctico) é necesario de deixarse de andrómenas e padexar na mesma dirección.

Xavier Queipo