Marcha pela dignidade

download pdf

Isto ben a rego pois cada 25 de Xullo represéntase en Compostela a división das forzas nacionalistas e progresistas, que entre elas se negan, que se compoñen e recompoñen cunha capacidade asustadora para esquecer o obxectivo común, cunha capacidade, asustadora tamén, para primar os intereses propios por riba do obxectivo común que é celebrar a dignidade da reivindicación de autogoberno para Galiza.

Ben sei que existen tantos e tan variados matices na concepción dese autogoberno que resulta pouco menos que utópico pedir unha marcha unitaria (só unha e non media ducia, unha só, pois estamos orgullosos de reivindicar a nosa tolería cotiá, a nosa diferenza, o noso anceio dunha Galiza ceibe). Así e todo, e malia as diferenzas entre nós (lingüísticas, entre elas), coincido con outros compañeiros en reivindicar unha manifestación única, cada un coa súa idea de Galiza, con respecto, con dignidade, con anceios de construír e non de amosar as nosas diferenzas. Existimos, somos diferentes mais somos quen de traballar xuntos, de debater, de tirar cara adiante servindo ao pobo e non servíndonos do pobo. Ese é o matiz fundamental, dar o cento por un, escoitar a quen pide xustiza e dignidade.

Hai un par de semanas escribía eu nestas mesmas páxinas, falando do meu futuro retorno ao país: “gustaríame retornar e ver que a podremia mudou de vez, que a xente volve a confiar o goberno aos máis capaces e non aos máis ladróns, que a xustiza dou conta dos mangantes e que recuperamos a dignidade como pobo e sociedade”. Reafírmome niso, na recuperación da dignidade, como pobo e como sociedade. Parte dese anceio, é, sen dúbida, a aceptación da disidencia, da discordancia de opinións, da pluralidade e complexidade da nosa sociedade. Entendérono ben na meirande parte dos casos as forzas nacionalistas e progresistas do noso país cando logo das eleccións municipais acadaron pactos tácticos e alianzas estratéxicas para remover das bancadas do poder ás forzas máis reaccionarias, inmobilistas e laminadoras da conciencia e da dignidade galega que gobernaron e aínda gobernan (non esquezamos) este noso país.

Gobernan aínda. Compre non esquecelo pois poden facer moito dano. Cando unha fera se sinte acurralada pode perder o control da amigdala e do tálamo e caer nunha crise de desestructuración mental, de comportamento difícil de avaliar co só recurso da razón. Compre, pois, estar vixiantes e compre tamén recoñecelos como o maior inimigo a curto prazo e deixarse de lerias.

Fóra de matices, que existen e son importantes, neste preciso instante compre recoller o anceio por un cambio radical no xeito de facer política, no xeito de gobernar e de entender a democracia participativa. Despois virá outra xeira distinta, onde ao afondar no exercicio da democracia importen os matices, as esencias. Agora, coido en pensar que é tempo de bonhomía e bonfemía, se me permiten a verba inventada, de amosar a forza contra aqueles que impediron de xeito pertinaz o desenvolvemento en liberdade deste noso país (nin o tripartito de Laxe, nin o bipartito de Touriño gozaron de tempo abondo para afondar nos cambios).

Agora queda que os cabaleiros e as damas da Táboa redonda, os gardiáns do Grial, Xenebras e Arturos, Tareixas e Merlíns, Percivales e Breogáns, Gwains e Iolandas, Lancelots e Xosés, Xavieres e Martiños, Sabelas e Carmes, Leóns e Anas, e Irias, e Paios, e todos eles acorden marchar baixo o mesmo sol para amosar a forza que vai varrer o vello xeito de facer política. É tan complexo deixar un día os egos pendurados na casa? Éo saír ao mundo sen prexuízos nin exclusións?

Son consciente da dificultade do empeño e de que a miña visión do país, deturpada pola distancia, se cadra non dá para entender que non é posíbel. Tanto se si coma se non, quedo voso na conciencia de que outro ano máis o seguiremos intentando, para evitar que a montaña de xeo (iceberg) afunda para sempre o noso navío de fortuna.

Xavier Queipo