Mazá con queixo azul

download pdf

Nunha revista de divulgación, desas que un escolle para ler ao mediodía, cando por razóns que non se agochan un está só no comedor do choio, entre xuntanza e xuntanza, leo un artigo do doutor Zhou Hong verbo da inter-conectividade 5G. O artigo titúlase How 5G is pushing back the boundaries of the network? e non sei por qué raio foi chamar a miña atención, mentres dou conta duns filetes de salmonete con puré de legumes e dunha mazá con queixo azul. O caso é que eu –serio e introspectivo neste día de decisións complexas- comecei a arrodear cun círculo de tinta varias sentenzas do texto, se cadra para deixar traza da miña perplexidade, para ter tema de conversa cos colegas do choio –con ocasión dun café e para desviar o suxeito do presente rutineiro ao futuro engaiolante- ou aínda para escribir un artigo sobre o abraio do futuro que nos espera, segundo, enténdase, a visión do doutor Zhou Hong.

Conceptos como ultra-low latency (latencia de baixa intensidade), connecting experience ou telemonitoring, comezaron a bailar diante das miñas retinas e a producir unha sensación de abraio e de incomodidade. O abraio viña de caer na conta de que a capacidade de conexión (ou se cadra debería dicir de conectividade, corríxanme os expertos en telecomunicación) da banda ancha vai experimentar en breve unha multiplicación da orde dos millares, e que a situación e ao mesmo tempo a sensación de estar permanentemente on-line/conectado, é algo que experimentaremos, de xeito ineludíbel, nos anos que xa chegan. A incomodidade, xa saben, é a reacción lóxica a aquelas previsións que falan de que a nosa vida vai mudar sen que nós podamos ter dereito/posibilidade dunha escolla diferente, esa sensación invulgar que se experimenta cando as pautas de comportamento propio –de xeito instantáneo ou insidioso- son modificadas sen posibilidade de intervir na toma de decisións. Esta resistencia non está ligada exclusivamente coa idade –aínda que a idade poida constituír, sen dúbida, unha compoñente importante, un vector que puxa nun senso, digamos reaccionario, para ser claros- senón coa inseguridade de asistir, de xeito pasivo, a unha serie de cambios drásticos no noso xeito de estar no mundo.

É sabido mais acontece, en maior ou menor grado, esta resistencia aos cambios ven amplificada pola velocidade exponencial a que as modificacións acontecen nestes últimos anos e, tamén, pola perspectiva de que esa velocidade non se vai deter senón incrementar. Tamén unha obviedade, pensar que cada vez teremos menos oportunidade de levar o leme das nosas vidas, nesta deriva –caótica?- de mutacións constantes. Mais en todo este proceso, sempre é preciso conservar a capacidade de reflexión, de análise, de observación do que en realidade está acontecendo, non sexa que como individuos e como sociedade esteamos camiñado cara a un futuro de maior control social (xa o parece) e diminución drástica do albedrío (limitado ao illamento negador da realidade, como antesala da loucura) ou de laminación progresiva das liberdades (o que tamén semella estar na óptica dos tempos). Mais se damos unha oportunidade ao optimismo, tamén se pode opinar que os cambios van nunha dirección axeitada(para quen?), que van facer a vida máis doada e máis longa (de quen?) e até hai quen diga que van propiciar, no decorrer dunha ducia de xeracións, a posibilidade da inmortalidade(de quen e para qué?). Como se ve hai un amplo espectro de opinións, de salvagardas e dúbidas, de optimismos e mesianismos que anuncian o inminente Armagedon. Será preciso seguir reflexionando sobre isto ao tempo que se renova o interese por analizar/experimentar/pensar nas novas formas de vida que o 5G e os sucesivos niveles de interconectividade poden proporcionar. Sen medo, sempre ollando a realidade a fite, de xeito que cando o abrente do día clarexe as campas íngremas e as paredes das fachadas de pedra, sintamos o arume vigorizante do café/do té/do chocolate de cada mañá (convén ter alternativas, axuda a mellorar a dieta e fuxir das rutinas incapacitantes).

O artigo do doutor Zhou fala de age-friendly environments, ou sexa de ambientes que facilitarán a vida dos idosos, e nesa perspectiva semellan –esperemos- un canto de sereas e non un canto de cisnes. Para rematar esta reflexión informar se cadra que os filetes de salmonete estaban secos e foran mal descamados, o puré de legumes tiña sal amais para o meu réxime de limitación de sodio e que, unha vez mais, constatei que a combinación de queixo azul con mazá é unha combinación gloriosa e recomendábel para unha dixestión eficiente, disque pola capacidade para estimular a secreción de pepsina, mais esa é outra historia, a do comer consciente. Mentres, co coidar lixeiro, van pensando nestas reflexións, deséxolles que sexan felices, pis diferentes xa o son se até aquí chegaron na lectura.

Xavier Queipo