Migracións

download pdf

Onte estiven no parque Maximilian, aquí en Bruxelas, visitando o campamento de acollida (?) dos migrantes sirios e afganos que aquí chegaron este verán e que continúan a chegar, aínda que agora máis devagar. Achégase o frío e a chuvia xa fixo a súa aparición, ou sexa que a súa situación, se non hai unha solución coordinada e urxente non vai facer máis que empeorar.

Cando un emigra, neste caso non pola necesidade económica ou polo afán de descubrir mundos novos, senón pola urxencia de fuxir dun ambiente que o oprime ou o persigue, que son estas as tres razóns canónicas para emprender unha migración, non sabe moi ben o que lle espera do outro lado das fronteiras. O intúe, mais non o sabe con certeza.

Contarannos que non existían fronteiras en Europa, que logo dos acordos de Schengen, semellaba un continuo, onde un se podería mover sen pensar en trámites ou rexistros humillantes. Agora demóstrase coa dureza das imaxes e dos números que isto era rematadamente falso, e senón que llo conten os refuxiados que fuxen da opresión e das guerras que –dalgún xeito- nós, como europeos, contribuimos a avivecer co lume das nosas bombas aliadas do poder americano.

Con todas as reservas que convén adoitar cando se extrapolan conceptos ecolóxicos á sociedade, que son moitas, poderiamos dicir que cada individuo ten no lugar onde vive o seu propio “nicho ecolóxico”, resultado das interaccións co medio e cos outros membros que partillan a mesma contorna. Desde que un nace, integrado nunha familia, nun clan ou nunha comunidade, comeza a se adaptar a un nicho determinado. Adquire de seguida un “estatus” de pertenza, que se pode caracterizar polos seguintes indicadores: Sedentarismo, estabilidade, conduta herdada / tradición, e rede de relacións e/ou influencias.

Pola contra, cando un desenvolve a súa actividade fóra do nicho orixinal (cando emigra, e máis cando adquire o estatuto de refuxiado) os seus indicadores de pertenza non funcionan, senón que xurden outros contrapostos: Movemento, invasión dun nicho alleo, xeración de entropía sistémica, conduta a descubrir / descoñecemento da tradición, ausencia de rede de relacións / influencias.

Un individuo dunha rexión afastada, como é o caso que nos cocupa, con outro sistema de valores, crenzas, e tradicións, como é que se adapta? Pois ao inicio mal, pois é considerado por moitos membros da sociedade de acollida como un “invasor”, que vén rachar co suposto equilibrio social, para o que representa unha “carga” económica e unha fonte de incerteza.

Así é todo o nicho non é un concepto estático, senón que varía e se adapta de xeito diacrónico. Así un emigrante/refuxiado logo de vivir varios anos nunha sociedade de acollida, ten máis posibilidades de que o seu nicho se pareza cada vez máis ao dun nativo. As variábeis desa evolución son moitas, algunhas dependentes do propio individuo (capacidade de socialización, absorción da cultura, nivel lingüístico) ou do propio medio (recepción por parte da poboación nativa, refuxio en microhábitats, contacto co lugar de orixe).

Esas variábeis, difusas na súa maioría, teñen que ver coa relación (interacción) do individuo co medio: o malestar na cultura propia, a fascinación polo foráneo, (que logo pode xerar reaccións positivas ou negativas), a imitación das entendidas como culturas, sociedades ou individuos de éxito (relación privilexiada cos media, bonanza económica, imaxe icónica), e teñen o gregarismo como corolario destas actitudes miméticas.

Esta saudade biolóxica sería modificada para se converter nunha saudade antropolóxica, de nostalxia polo tecido social abandonado, pola rede de influencias e amizades. Os individuos residentes presentarían vantaxes verbo dos non residentes (errantes, migradores, exiliados, segundo os casos) pois manterían vivo o seu sistema de relacións (network). Os emigrantes/refuxiados veríanse confrontados no intre teórico do retorno coa dificultade para a re-integración na súa rede.

Se lles falei disto, foi coa intención que analizar un fenómeno social dun xeito obxectivo. Noutras palabras, quixen contarlles, que as condicións de vida que lles esperan aos refuxiados non van ser doadas, por moito que o sexan máis que as da sociedade da que fuxiron por mor da guerra. Queda moito por facer, moita solidariedade por agromar e moitos prexuízos por rachar.

Xavier Queipo