O labirinto sirio

download pdf

Non procuredes a verdade nos xornais. Non está, ou cando menos non está na súa totalidade. Mentres os líderes europeos reparten cotas coma se estiveramos nun mercado de escravos para as plantacións de cana de azucre (algúns non esqueceron aínda o seu pasado imperialista, outros quixeran retornar a el!), máis de dous millóns de sirios viven en Turquía, Xordania ou no Líbano. As cifras son aterrecedoras, pois máis dun millón e medio están distribuidos en Turquía, e digo distribuidos pois nos campos refuxiados vive apenas unha oitava parte do total. E se falamos do Líbano, hoxe os sirios constitúen o 25% da poboación do Líbano. Diante destas cifras, as que se manexan na UE duns centos de miles son anecdóticas. Esta é unha parte da verdade, segundo puiden ler no número de Outubro do Turkish Herald. Se en troques de procurar esa fonte de información lemos The Guardian ou The Economist, alí veremos reflectida a confusión de movementos, siglas e faccións que se moven no taboleiro desta guerra sen cuartel e sen medida.

Tal parece que esta é unha guerra que comezou cunha gran mentira, segundo Amnistía Internacional ou Rights Watch International, ao facer a Bachad-El-Hasad responsábel da matanza que rematou co plan de paz de Kofi Annan, mediador elexido polas Nacións Unidas e pola Liga Árabe para pór freo a este conflito nos seus inicios. Unha guerra con máis actores implicados dos que un podería imaxinar, se o que consultamos son fontes rusas, fontes oficiáis sirias ou documentais que circulan en Youtube, que situarían aos Gobernos do Reino Unido (antiga metrópole de Siria) e aos EEUU, como forzas occidentais; e as monarquías de Qatar e da Arabia Saudí como instigadores e financiadores desta revolta coa complicidade de Xordania e Turquía, logo da sharia dictada por un dos seus líderes espirituais (ou guerreiros). As mesmas fontes que situarían ao Omán, Irán e Arxelía como os únicos aliados no mundo árabe que aínda lle quedan ao goberno de Siria.

Onde está a verdade é complexo de definir, e menos aínda agora que Rusia entrou na ecuación bombardeando, indiscriminadamente segundo uns e selectivamente segundo outros, as varias faccións que compiten neste taboleiro de desgrazas anunciadas.

Un pódese facer unha morea de preguntas diante dunha guerra que leva aberta dende 2011. Lembren a “primaveira árabe”, que nos venderon como algo revolucionario que ía situar ao Islam no século XXI. Lembren o que aconteceu en Exipto ou en Libia e, en menor grao, en Túnez. Os tres países convertéronse en estados pouco menos que incontrolábeis (en particular Libia), onde non se ten avanzado nin na estabilidade política nin na económica. Lembren tamén o despropósito das dúas guerras do Golfo, das masacres do Kurdos, da crecente intervención de Turquía (por certo membro da OTAN e candidato a entrada na UE) en todos estes procesos. Saberán tamén que alguén financia as armas e os salarios que reciben os combatentes mercenarios contra o exército regular, e que esas armas transitan a través de Xordania ou entran directamente por Turquía.

Porqué Siria? Pois moi claro, logo da destrucción do Líbano e do Iraq, nacións fantasma, o único reducto de laicismo no Oriente Próximo é Siria, aliado do Irán e contrario aos excesos salafistas das dinastías da península arábiga. Siria, que plantou cara a Israel (e por tanto aos EEUU e os seus aliados británicos), que aceptou no seu territorio máis de medio millón de refuxiados palestinos e case outros tantos do Iraq.

Complexo? Certo, complexo e labiríntico, pois eu aínda non consigo entender cal é agora présa de mudar a El-Hassad, en troques de procurar unha paz negociada. Este enredo e particularmente a súa cronificación trouxo como resultado a migración masiva de cidadáns do Levante a Europa durante os meses de verán, onde a climatoloxía por terra e por mar pode axudar a un tránsito menos azaroso. Este éxodo xustifícase, en parte, polos problemas que os refuxiados teñen no Líbano (onde molestan), e mais en Turquía e Xordania onde amais de non lles outorgar o estatuto de refuxiados foron reducindo progresivamente as cantidades destinadas á axuda humanitaria, de xeito que moitos deles (os que non consideran tal, senón “convidados temporais”???) levan meses con graves carencias de mantenza e acubillo dignos.

Este enredo non fixo senón comezar (aínda que estea rematando o seu primer lustro) e a situación vai ir a peor. Temos, pois, que repensar a nosa política de axudas, o noso intervencionismo militar, a nosa acollida aos refuxiados. Se cadra resultaría hixiénico (antes de acumular merda racista nas nosas cabeciñas malcriadas), facer un exercicio de memoria cultural da nosas guerras grandes e pequenas, dende a Primeira Guerra Mundial até a Guerra dos Balcáns, dende a Guerra Civil Española até a Segunda Guerra Mundial, para tratar de topar ese eixo que conecte o que consideramos casa e o qua considermos exilio, para pensar nós os Europeos, por separado e por xunto), na acollida recibida noutros países.

Non procuren a verdade nos xornais. Non está, ou cando menos non está na súa totalidade. Eu mesmo non sei se o que escribín é a verdade ou só unha interpretación posíbel ou nesgada da realidade, logo de eu destilar a información dos varios bandos e de falar coas Organizacións non gubernamentais que coidan dos refuxiados en Bélxica. Non sei, se cadra preciso dunha Ariadna que me dea o fío condutor para atopar a saída deste labirinto.

Xavier Queipo