Os de abaixo

download pdf

Hai algúns días preguntáronme porque non falaba nos meus artigos desa forza emerxente que constitúe “Podemos”. Se for que eu estaba a prol ou en contra, se os vía como compañeiros de viaxe ou como inimigos a bater. Eu non souben ben que respostar –saberán que a dúbida non é necesariamente un mal compañeiro contra o dogmatismo- pois non dou entendido o seu discurso mais alá das obviedades, a súa narrativa máis alá das consignas, a súa forza máis alá das estatísticas, a súa praxe alén da propaganda, o seu liderado na fronteira co mesianismo. Non é que non teña opinión, senón que esta non está formada por non dispor das ferramentas necesarias de análise. Seguirei pois aquela estrofa dunha canción de Silvio Rodriguez, que un día quedou prendida na memoria: “Yo vivo de peguntar/saber no puede ser lujo”. E a existencia desta formación política plantéame máis preguntas que respostas, máis incertezas que esperanzas, más dúbidas que entusiasmo.

Hoxe durante a sesta reparadora do domingo, visitoume aquela personaxe entrañábel de Italo Calvino, o barón rampante, que logo dunha disputa familiar por non querer comer caracois e a tenra idade de doce anos, decidiu vivir o resto da súa vida nas árbores e dende alí escribir as súas ideas utópicas. Cando unha imaxe ben a memoria un non sabe ben que é o que significa, mais no noso pequeno país sen estado, a utopía será con certeza vivir nas árbores, é dicir, soñar cadaquén a nosa propia utopía e tamén, porque non a utopía colectiva e dedicarlle ao empeño as forzas coas que a nosa natureza nos agasallou. Noutras palabras, que cadaquén atope o seu centro de gravidade e que o atopemos tamén como comunidade.

A procura do centro de gravidade –unha preocupación particular- pasa pola identificación do noso lugar de equilibrio. No noso caso como comunidade (interior e exterior) non é outro que a lingua común, a que nos é propia e a que non debemos renunciar. Algúns (máis dos que quixeramos) non o ven así e persisten na idea de eliminar a lingua de noso da educación e das manifestacións culturais, que pretenden substituír por unha cultura importada, supostamente máis « avanzada ». Por iso teño dúbidas de quen non lle confire á lingua propia un papel fulcral no desenvolvemento da nosa idea de país, do noso anceio de democracia real. Do mesmo xeito que os mortos non queren flores, o que eles queren é compañía (Mia Couto), do mesmo xeito que nós non queremos só votar, o que nós queremos é democracia, dese mesmo xeito non entendemos un proxecto de futuro para Galiza sen ter a lingua propia como gonfalón que abra a alborada do futuro. Por iso mesmo apoio aos de abaixo, aqueles que se van manifestar o próximo día oito de febreiro en defensa da lingua de noso. Quixera que non fose só en defensa senón en vindicación permanente, en expansión crecente, en uso nos ãmbetos todos da nosa vida e do noso xeito de relacionarmonos coa nosa contorna.

Os de abaixo (“Los de abajo”, gozosa novela de Jorge Icaza) non queremos un país sen lingua propia, non queremos un goberno, por moi novo e avanzado que el se proclame (hai un certo cheiro arrogante a narcisismo), que non teña como alicerce o recoñecemento e a integración da diversidade. O iceberg ven dereito contra nós, ineluctábel. A montaña de xeo da que só se albisca na superfice unha pequena porción. A mesma montaña de xeo que fixo afundir o Titanic, que se pasea á deriva polos mares da incerteza.

Supoño que estarán tan confundidos como ao inicio con esta argumentación errática: Silvio Rodrigues, o barón rampante de Italo Calvino, Mia Couto, “Los de abajo”, de Jorge Icaza e o iceberg do naufraxio do Titanic (Der Untergang der Titanic-Eine Komödie, do xenial Hans Magnus Enzesberger). Non se anoxen, eu estou aquí para facer preguntas e “os de baixo”, os que me len, saben que para facer cestos precisánse os vimbios axeitados e non só, pois é preciso saber que facer cos vimbios. Daquela a miña opinión sobre eses politólogos que falan con consignas, que repiten até a náusea as mesmas mensaxes inanes é que poida que teñan os vimbios para facer un cesto, mais queda por saber se son os vimbios axeitados e se teñen a habelencia para tecelos.

Eu estou aquí para facer preguntas, para esperar acontecementos e comprobar se a praxe se corresponde co discurso. Eles non sei, mais nós, os de baixo, nòs podemos. Que sean felices.

Xavier Queipo, 1 de febreiro de 2015