Os meus irmáns musulmáns

download pdf

Quen pense que nesta artigo vou falar do “buenísmo”, da necesidade do diálogo, do encontro entre culturas, do choque entre civilizacións e todos eses lugares comúns, pode deixar de ler, pois non lle vai interesar o que a seguir vou contar.

Vivo nunha cidade dinámica, viva, vibrante aínda, na que levo moitos anos residindo e que malia o seu inverno de seis meses e pouca luz, malia a distancia das miñas orixes (culturais, lingüísticas, antropolóxicas), foi nos vintecinco anos aquí pasados lugar de encontro e de traballo, de enriquecemento cultural e lingüístico, de adopción de novos modos e maneiras de vivir, de acollida nos momentos menos satisfactorios.

O tempo pasou e mentres outros ficaban cegos as cores da miseria, da exclusión cultural, das estatísticas máis básicas, eu ía comentando cos amigos que a situación se deterioraba en varias comunas, que había unha masa importante da poboación coa que nunca coincidiamos nos festivais de música, nos recitais poéticos, nos bares de moda, nas celebracións de xénero, nos entroidos, nas festas públicas e privadas. Durante máis de cinco anos vivín na Comuna de Molenbeek, hoxe coñecida en toda Europa como feudo dos yihadistas asasinos de infieis.

Hai uns quince anos tiven que liscar do barrio de Molenbeek onde a convivencia se facía imposíbel, onde as mozas que se aventuraban soas polas rúas eran obxecto de asaltos e violación da súa intimidade, onde bandas de adolescentes de barba incipiente e maneiras de macarra, intimidaban aos rapaces flamengos ou aos expatriados que alí residiamos.

Molenbeek converteuse en base loxística e centro de adoutrinamento e de recrutamento de combatentes europeos en Siria. Proporcionalmente, Bélxica é o estado europeo que máis combatentes aporta a guerra en Siria. Eses grupos gozaron da tolerancia sen límite das autoridades municipais ou federais, por riba de todo preocupadas por manter a seguridade no propio país: “non facedes atentados aquí e nos deixamos falar aos vosos imáns por moitas soflamas hostís que eles prediquen. Nin a eles nin a rapazada de aprendices de guerreiros imos inquietar.”

Unha boa parte dos terroristas de París e o suposto coordinador desas accións, Abdelhamid Abaaoud, viñan de Bélxica, así como o terrorista do Thalys (2014), os asasinos do comandante Massoud en Afganistán (2001), os que atentaron en Madrid (2004), os que o fixeron xa por dúas veces este ano en París e os que hai dous anos asasinaron a un par de cidadáns que visitaban o Museo Xudeu e atentaron contra a Sinagoga de Bruxelas. Todos criados e adoutrinados en Bélxica, escapando do radar dos servizos secretos belgas.

Non hai bos nin maos neste filme de terror, ou si máis non son eu quen de determinar a prelación da maldade. Nin todos os musulmáns son todos eles uns salafistas radicais dispostos a estoupar levándose por diante unha multitude de infieis cun cinto de explosivos, nin son anxos que sofren da sen razón e da exclusión racista dos seus concidadáns rubicundos e cristiáns. Non, aquí o que existe é un problema estrutural, crónico, que foi medrando insidioso e hoxe ten solución difícil, polo que a este filme de terror non se lle ven maneiras de rematar cuns días de estado de excepción, por moitas tanquetas e militares en farda de camuflaxe que ocupen rúas e quintanas, protexan cinemas ou hamburgueserías de MacDonalds. Non, esta merda, e desculpen o exabrupto, está aquí para durar, é a nosa criación e non vai desaparecer dun día para outro. E, se alguén quixera que desaparecese e puxera os medios represivos para intentalo, ía conseguir só unha maior radicalización das partes, un caos maior e unha espiral de violencia difícil de atallar sen que corran hectolitros de sangue, ás veces inocente e outras nin tanto.

Non hai culpábeis específicos que se poidan sinalar co dedo acusador. A culpa é colectiva, do sistema político belga (e por extensión occidental) onde en xeiras de bonanza económica se acolleu a traballadores –magrebís na súa maioría- para sacar o carbón das minas. Viñeron traballar e non ocasionaron problemas maiores, pois viñan na procura dunha vida mellor para os seus e aquí atoparon traballo e acubillo, axudas sociais e un sistema que lles garantía unha pensión digna, unha educación para os fillos e unha sanidade universal. O problema chegou cando pasados os anos e metidos xa na terceira xeración de inmigrantes, estes deixaron de ter traballo e expectativas de futuro e sentíronse humillados polas guerras de exterminio no Iraq, pola destrución do Líbano, polos aconteceres político en Alxeria, Libia, Exipto e agora Siria. Manipulados polos cartos que chegan da Arabia Saudí e do Qatar para financiar aqueles movementos que ían destruír as alternativas laicas de estados de maioría musulmán (Iraq, Líbano, Alxeria –onde o intentaron e non o conseguiron- e finalmente Siria), a radicalización era cousa de esperar e así se produciu en poucos anos.

Cando eu aquí cheguei apenas se se vían rapazas coa cabeza cuberta e hoxe acontece todo o contrario, pois nos barrios onde elas viven non é posíbel que unha muller vaia pola rúa sen a cabeza cuberta se non quere ser albo de insultos ou agresións. Iso é unha realidade en moitas comunas de Bruxelas.

As estatísticas din que os individuos de relixión mahometana e de pel tintada, sexan eles da orixe que sexan, teñen os peores traballos, raramente acadan a formación universitaria e, en ben poucas situacións teñen un emprego que disputen cun cristián, sexa este louro o de pelo crecho. Non é ideoloxía, é un feito estatístico, cru, indiscutíbel.

As veces asáltame a dúbida e non sei que pensar, e nesas ocasións volvo a ollada aos meus amigos musulmáns, a Ahmed, a Addeshalam, a Karin, a Mawaran e aínda a Taha, que vai sempre un paso adiante bebendo cervexa. Foron educados no respecto as normas do Islam, como eu e a miña familia o fomos no respecto as normas morais católicas. Logo evoluimos, algúns máis e outros menos, analizamos e gardamos ou rexeitamos aspectos das nosas crenzas. Por iso, cando na cerna da alerta vermella, xorden voces de condena e de exclusión por unha banda e de culpa e flaxelación pola outra, sempre penso nos meus amigos musulmáns. Todo isto ten solución, so é preciso reflexión e tempo e non precipitación e nervios.

Xavier Queipo