Poesía e insurxencia

download pdf

Nos domingos saio a pasear para estricar as pernas e o intelecto, anestesiados ambos polo traballo cotián. Non poucas veces é neses paseos onde atopo razón para lles escribir estas prosas, que terán os seus seareiros e os seus detractores, de seguro, e unha maioría de indiferentes, que é o que adoita acontecer coas entregas de opinión, que algúns len por querenza e outros por envexa, mais a meirande parte non dixire, por indixestas ou contrarias ao seu catecismo de ideas preconcibidas. Non é unha queixa, é unha constatación. Pois ben, este 15 de marzo, despois dos atentados na Dinamarca e coa resaca aínda dos de París e das redadas policiais en Bélxica, entrei nunha libraría disposto a pasar o tempo. Dos milleiros de libros do andeis, chamou por min “Poetry as insurgent art”, de Lawrence Ferlinghetti Na apertura do libro, unhas citas de Yeats, Brecht e o sub-comandante Marcos, esa tan coñecida que di así: “Pedimos perdón polos inconvenientes, mais isto é unha revolución”.

Europa anda estes días revolta pola aparición do goberno da Syriza grega nos consellos de ministros da Unión, tan bipartidistas eles, tan amigos de cortar o bacallau a dous, sen inxerencias de estraños. Nun xogo de espellos deformantes entran e saen da sala de xuntanzas facendo declaracións do mais estraño, que si se pode, que un acordo parcial, que de ningunha maneira, que o problema é económico e non político ou viceversa. Vai lá saber o que eles pensan e se corresponde no mínimo co que din, ou só se trata de mensaxes simples, dilatorias, a metade escuras para os cidadáns que asisten atónitos a ruptura do vínculo entre eles que é, segundo os tratados que se deron a eles mesmos, o da colaboración leal. Non vexo lealdade en por a Grecia contra as cordas, en tutelar unha débeda que aumenta ao esganar a economía, en persistir nunhas políticas que outros, máis avisados, abandonaron hai tempo, con resultados positivos.

Europa anda estes días revolta tamén polos atentados e a sensación de que esta guerra larvada chegou para ficar. Por unha banda máis atentados, mais homes de caqui nas rúas (nunha bo síntoma), máis leis restritivas, menos liberdades, menos dereitos, máis medo e, por suposto, máis racismo, que é o que medra cando os argumentos se amalgaman nunha papa pegañenta: os que piden máis seguridade, máis policía, ou sexa, os que preferiren a inxustiza á desorde (tendo como referencia única a “súa orde”, “os seus privilexios”, "as súas tradicións” e “o seu xeito unitario de ver o mundo”). Falo de amalgama, pois os racistas aproveitan para facer voar as bandeiras da exclusión, da intolerancia, do dogma, do medo, que teñen campo abonado na crise económica e no desemprego que non deixa de medrar (consecuencia lóxica da dinámica do sistema).

Grecia é unha escusa, mais o medo que eles teñen, os ultraliberais e os socialdemócratas é que nunha economía “grande” chegue ao poder unha forza que eles consideran perigosa, non tanto por atacar ao sistema (que no fondo non o fan), senón polo descoñecido do seu comportamento futuro, porque fican sen o control que levaban partillando dende que se creou a Unión (antes Comunidade, e antes aínda CEE, nun continuo aggiornamento para preservar o poder). Pois non, que non teñan medo, isto pode ser un inconveniente, mais isto non é unha revolución.

E en todo isto, que ten que ver a poesía, Ferlinghetti e a arte da insurxencia, o sub-comandante Marcos e a súa revolución inconveniente? Todo, pois como di o propio Ferlinghetti nun dos seus aforismos: “mentres exista o descoñecido, existirá a poesía”. E se algo hai neste panorama de contestación incipiente, de crise crónica, de rexurdimento do racismo, de liñas de forza que se cruzan, é que non resulta doado predicir que vai acontecer. E como dicía o mesmo autor noutro aforismo atinado: “A poesía decosntrúe o poder, e a poesía absoluta deconstrúeo absolutamente”. É, este, por tanto, un momento poético de maior tenor. Compañeiros poetas, ao choio! Quén dixo medo!

Xavier Queipo, 15 febreiro 2015.

Xavier Queipo