A discusión do orzamento

download pdf

Ás veces escoitamos queixas abrouxadoras verbo da actuación dos nosos rexedores, sexan estes estatais, autonómicos ou locais. Aínda nalgúns eidos laborais as queixas van dirixidas ao director do instituto, ao coordinador das actividades dos funcionarios ou da empresa para a que traballamos. A meirande parte das vindicacións salariais ou aquelas que se sitúan na esfera da escolla política das inversións son atinadas, mais a meirande parte das veces as queixas chegan tarde, pois unha gran parte das actuacións dun gobernante ou dun xestor están xa marcadas a ferro nun documento único que é o orzamento.

É no orzamento das administracións, ou das empresas onde se define a “política a seguir”, de persoal, de investimentos ou de axudas. Ou sexa, que logo da aprobación do tal documento pouco queda por facer de xeito “legal” para modificar esas orientacións políticas. Na empresa privada existe unha maior flexibilidade orzamental, mais nas administracións públicas, todas as cartas están sobre a mesa cando se aproba o orzamento anual. A gran batalla política é pois a discusión, emenda e posterior aprobación das contas. Aí están indicados os ingresos e activos de financiamento, deseñadas as liñas de gasto para axudas sociais, o orzamento da sanidade e da educación, os investimentos públicos en materia de prevención de incendios forestais, de infraestruturas viarias ou de axudas públicas para esta ou aquela actividade cultural, social, relixiosa ou profana. Os gobernos adoitan ter uns fondos de reserva para catástrofes, desgrazas, imprevistos ou como lles queiran chamar, mais a meirande parte dos gastos (e porén as prioridades, os obxectivos e a carencias) están xa anotados nese macrodocumento que é o orzamento xeral. E se así non é, é que está mal redactado e precisa dunha clarificación ou posta ao día.

Noutras palabras, cando se discute sobre o estado da nación, da autonomía ou do goberno municipal todo é conversa se os orzamentos xa están aprobados. Precísase, pois, que os parlamentarios ou os edís teñan unha competencia na análise do tal documento. Non digo eu que todos eles teñan que posuír como propia esa capacidade de análise, mais cando non a teñan de seu o que precisan é procurala quer nos membros das súas bancadas, quer nos asesores da formación política á que representan, sexan membros dun partido político, dunha coalición ou saídos dun proceso asembleario e aberto. Para o caso, tanto ten.

É verdade que as liñas orzamentais nin sempre teñen unha definición clara e directa do destino dos cartos. Nese caso a batalla está na clarificación, en procurar que apareza de xeito prístino e sen reviravoltas se eses cartos son os que se van dedicar a financiar un vídeo dun cantante ou a instalación dun barco nunha rotonda, por pór dous casos recentes.

Gobernar é difícil cando as entradas en caixa (impostos, cesións de patrimonio, taxas diversas) son minguadas e as saídas non poden ir alén desas entradas (ou sexa non existe a posibilidade dun endebedamento nin a curto nin a longo prazo). Non estou con isto xustificando os recortes, nin o “dogma” do non endebedamento, senón chamando a atención de algo que para min é fundamental, a necesidade de dar a batalla cando eses magros recursos teñen que ser asignados a tal ou cal actividade. O do endebedamento, recoñezo, é algo que supera o meu humano entendemento pois o meu saber sobre economía é mínimo, mais teño escoitado que un nivel de endebedamento limitado non só non é prexudicial senón que é necesario para a boa xestión e o funcionamento dunha administración.

É moi fácil deixárense engaiolar pola dificultade dos números, pola ambigüidade da definición das liñas orzamentais, pola falta de claridade nas partidas, para logo chegar e laiarse por isto ou estoutro, cando xa é tarde e o documento foi aprobado (tarde piaches!, en linguaxe coloquial). É moi difícil estar ao tanto e seguir a enxeñería orzamental, cando os interventores ou os auditores permiten ou pasan por alto como faltas menores o tráfico de capital entre liñas orzamentais, mais para iso debe estar o control das institución (quer o do Parlamento quer o do Tribunal de Contas).

Non vou insistir máis, que coido que xa quedou claro o que quería dicir. Se cadra engadir que para ben discutir un documento (orzamento neste caso) é preciso ter unha alternativa preparada. Xa saben, señores da oposición o que lles queda, traballar arreo para ter unha alternativa e non andar logo laiándose en conversas de café.

Xavier Queipo

Bruxelas, Marzo de 2015

Xavier Queipo