Reinventar a estratexia, reinventar o país (Caos, desprendemento e calma)

download pdf

Se cadra en máis dunha ocasión tiveron un problema coas súas computadoras/os seus ordenadores. Neses casos os servizos de atención ao usuario informático, quer na empresa, quer na administración aconsellan sempre apagar o aparello e prendelo outra vez logo duns segundos. Adoita funcionar na meirande parte dos casos. Esa manobra (reboot), que se realiza sen modificar os programas do ordenador se pode considerar unha posta a punto leve “soft reset”. Noutros casos o ordenador require dunha posta a punto de maior intensidade “hard reset” con modificacións nos programas e na memoria RAM para que o aparello funcione outra vez. O país, enténdase, non é un ordenador senón algo ben máis complexo, pero precisa unha posta a punto de grande intensidade, un apagar a luz, modificar varios programas internos e afrontar unha nova etapa con espírito renovado.

Xa non é a primeira vez que falo nestas páxinas do caos como etapa necesaria para mudar o rumbo do país. O país non marcha, está atoado na bouza e non hai xungada de bois que consiga zafalo, afunde como entidade antropolóxica e como unidade política, corre serio risco senón de desaparición si de integración total nunha entidade maior, nun mundo onde, como recordaba Pasolini falando de aculturación nos seus “Escritos corsarios”, o que non conseguiu o totalitarismo (franquismo/fascismo/nazismo/stalinismo/maoísmo) o vai conseguir a ditadura central do consumo, ou, se así o prefiren, a dinámica perversa produción/consumo.

Como sociedade e como nación estamos programados para a procura da estabilidade e da seguridade. Ese apego aos obxectos, as tradicións, as formas de entendérmonos a nós mesmos, ese afecto as estruturas sociais, aos tópicos sobre o noso comportamento e a publicidade que deles se fai adoitan ir parellos a dependencia desas ideas e obxectos. Imos acumulando así historias, mitos e lendas nas que o que menos importa é que sexan verdadeiras ou falsas senón que nos dean seguridade e estabilidade, que constitúan unha zona de conforto onde vivir sen preocupacións maiores. Temos que baleirar os nosos arquivos mentais de todo iso que impide o noso avance, de todo o que constitúe inercia e, porén, de todo aquilo que nos vai levar, máis unha vez, ao fracaso como comunidade e como pobo diferenciado. E falo da cultura, da organización social, das ideas, das crenzas, da ciencia, da economía, do modelo de información e aínda das tecnoloxías que modifican o nosos comportamento. Non hai que ter medo, hai que ter, como logo se verá, capacidade de análise e calma.

Para ese empeño non é abondo un impo espontáneo, unha elección máis ou menos onde acadar este ou aquel resultado de mérito. Hai que adoitar a determinación teimuda do boi e a paciencia da eiruga, que descansa e reordena as súas estruturas internas, que remodela o seu metabolismo ao completo no período de diapausa até se transformar en crisálida e a seguir en bolboreta. A calma non pode ser infinita, pois o tempo é unha variábel importante neste proceso. É necesario non tomar decisións precipitadas mais tomalas na mesma, pois o proceso de “reinicio”, de “reinvención” ou de “posta ao dia”, como queiran denominalo é necesario comezalo xa.

A onde vou eu co caos (o ciclo das mutacións, mais tamén a física termodinámica), o desprendemento (puro budismo destilado) e a idea da metamorfose das eirugas en bolboretas (antropomorfización do comportamento animal). Pois todo isto para dicir a quen conta estar en primeira liña, aos candidatos ás primarias ou os que non precisan primarias pois son escollidos polas cúpulas ou por aclamación dos acólitos, que hoxe máis que nunca é necesaria unha substancial transformación estratéxica para camiñar cara adiante. Precísase unha profunda reorganización (das conciencias, das vontades, das organizacións sociais, dos partidos, do sistema), redefinindo o modelo de país e de estrutura organizativa do estado.

E este impo sustancial é necesario xa, dende agora mesmo sen esperar a que a realidade supere unha vez máis a ficción, sen esperar unhas eleccións. O cambio de ciclo está aquí e hai que aproveitalo ou perder para sempre a esperanza de ser nós. Seremos outros, mais deixaremos de ser nós.

É necesario aventar preconceptos, renovar actitudes, modificar esquemas, abrir o entendemento a outras fronteiras da percepción, arquivar para sempre verbas baleiras xa de contido, esgotadas polo uso impropio. É preciso pensar en termos de futuro e deixar atrás as rémoras que lastran o noso avance.

Non existirá nin tan sequera a posibilidade remota do autogoberno se non existe unha república. O demais é conversa. A existencia dunha república laica, onde se recoñeza o dereito de autodeterminación dos pobos que a constitúen é unha condición necesaria, do mesmo xeito que o é que esta vontade de autogoberno estea viva nunha maioría da poboación do país, senón é que estamos falando do sexo das eirugas (por certo, asexuadas).

Xavier Queipo

Bruxelas, Novembro 2015