Tectónica nos parques |
|
O domingo pasado o tempo en Bruxelas era agradábel, abrira a grisalla que nos goberna durante seis meses ao ano e as raiolas do sol convidaban ao paseo. Daquela montei no tranvía que atravesa o bosque e cheguei ao parque de Tervuren. No parque a xente camiñaba, corría, xogaba á pelota ou paseaba en bicicleta nun continuo de razas e culturas, en pé de igualdade ou en confusión de identidades, nunca saberei. Pensei que aquel era un terreo neutral, onde os rapaces xogaban cos outros rapaces sen importar a etnia ou a relixión, sen reparar en diferenzas ou orixes. Pensei nos mozos e mozas, nas parellas de vellotes ou nos casais mixtos e as súas proles. Comprendín, de xeito intuitivo, a partir destas imaxes de grupos heteroxéneos partillando un espazo común, un abraio semellante ao ver as follas na súa panoplia de cores diferentes, na contemplación gozosa dos cisnes ou dos parrulos, das ocas e os gansos navegando na superficie dos estanques inmensos, que o mundo hai que comezar a velo e explicalo dende ópticas e puntos de vista diferentes, con axuda de lentes de aumento ou diminución, con vidros pintados ou calidoscopios inventados para a ocasión. Eses diferentes puntos de vista, o uso de aparellos para precisar ou ter unha visión máis de conxunto han facilitar a creación dunha imaxe máis real, máis nítida do que realmente acontece nesta xeira de grandes mutacións que nos ten tocado vivir. É certo que cada xeración pensa que o mundo muda sen parar. Mais desta volta os cambios son rápidos e continuos, e a sensación de vertixe aumenta co paso do tempo. Esa pode ser a razón de que haxa tantos concidadáns con trastornos do equilibrio emocional, tantas mortes violentas no seo das parellas, tanta confusión nas relacións entre as persoas e na nosa relación cos obxectos, sexan estes de desexo ou de uso cotiá. Terán constatado tamén a desaparición (ou cando menos o esvaecemento) das utopías, a radicalización das relixións, o aboiar de escolas de pensamento esotérico, a degradación progresiva dos coñecementos humanísticos e o incremento do uso da tecnoloxía polas masas (o teléfono intelixente como paradigma, enténdase cada vez menos teléfono), as illas de asociacionismo emerxente ou sentimentos vagamente solidarios, e así podería seguir para explicar o abraio diante dun mundo onde cada vez somos máis gregarios (imos a onde van os outros) e máis miméticos (facemos o que outros fan, de xeito irreflexivo mais tamén defensivo, para que me consideren membro dun grupo, para non me sentir illado, para sentir que son “normal”). Neste mundo caótico, onde as culturas se tocan e se mesturan é cada vez máis complexo falar e sentir dende un punto de vista único, dende unha identidade fixa. Terán escoitado, en particular nas artes e na música, as verbas mestizaxe, mestura, fusión; e o mesmo que na arte ou aínda na cociña, na danza e nas humanidades todas. Todo isto para chegar a onde? Pois quen sabe, se cadra a ningures, se cadra ao lugar onde nunca quixemos estar, alén da razón e do equilibrio. Mais regresemos aos parques, a eses lugares de encontro onde as culturas, como placas tectónicas se confrontan sen facerse mal, se xuntan nunha especie de reino dos lugares comúns, onde os nenos todos queren ser o futbolista famoso que defrauda a facenda ou o tenista do brazo de ferro que coquetea co poder, ou aínda o xogador de básquet que asombra ao mundo mentres amasa millóns ou se deita coas animadoras do equipo. Todos son iguais (ou case) mentres saen apañar cogomelos no faial do norte ou no salgueiral do sur, mentres se deitan nunha manta para partillar bebidas azucradas ou patacas aromatizadas con paprika ou con vinagre, mentres escoitan, todos eles, as mesmas cancións, xogan aos mesmos solitarios ou conectan os seus aparellos intelixentes por ver se alguén na distancia premeu nunha tecla para dicir “gústame” unha foto dunha fonte, dunha bancada na beira do estanque ou dun camiño que se perde nunha corga do bosque. Hai quen diga que o mar está subindo o seu nivel non tanto polo efecto dos gases senón pola tectónica das placas, ese movemento continuo e insidioso da codia da terra, o que noutrora formou outeiros, serras e vales profundos. No parque, entrementres, a tectónica cultural, a das placas que se encontran e se rexeitan, que se atraen e se mesturan, van facendo agromar unha sociedade distinta, untuosa, dócil, ben sinxela de gobernar pois perdeu a agulla de marear e se deixa levar por onde o vento empuxe. Todo isto para chegar a onde? Pois quen sabe, se cadra a ningures, se cadra ao lugar onde sempre quixemos estar, alén da razón e nun caos calmo do que non sabemos saír e se cadra nin queremos. Todo isto para lles dicir que se sintan orgullosos das súas diferenzas, abraiados polas culturas alleas, dispostos á mestura, a mestizaxe e a fusión, prontos para a exploración e o coñecemento, refractarios a toda exclusión, paladíns na aventura de ver o mundo desde prismas e ópticas diferentes. Todo isto para lles dicir que sexan felices e diferentes, que se sintan ben consigo mesmos, que non queiran ser coma ninguén, que intenten ver o mundo dende puntos de vista diferentes. Sairán gañado, abofé! Xavier Queipo
|
|