Unha proposta honesta

download pdf

Hai quen pense que os males sempre veñen de fóra do país, ou cando menos esa é a esencia do discurso que nega calquera posibilidade –mesmo táctica- dunha alianza con forzas españolas e/ou españolistas. As primeiras son aquelas que teñen o seu centro e disciplina en calquera parte do Estado español salvante as comunidades chamadas históricas; as segundas son forzas políticas xurdidas e/ou organizadas con bases galegas que non teñen a autodeterminación como un dos seus obxectivos.

Con este panorama a chamada candidatura de unidade que ten como obxectivo táctico acadar un grupo parlementario galego no Congreso dos Diputados de España, leva malas trazas. Fálase xa, con certo desdén da posibilidade de dúas candidaturas onde se integren as forzas políticas nacionalistas, cando non dun pacto estatal entre Izquierda Unida e Podemos.

A miña proposta é establecer unha mesa de negociación a varias bandas (todas as que estean dispostas a negociar), coordinadas por un moderador nacionalista máis independente da disciplina dos partidos. Podería ser alguén da plataforma en favor da unidade que propiciou o a iniciativa do “novo banquete de Conxo”, que ten como obxectivo a unión das forzas progresistas e nacionalistas baixo unha única candidatura.

Ese coordinador sentaría na mesa as diversas forzas e logo dunha rolda de xuntanzas con cada unha das forzas estabelecería unha lista de máximos e outra de mínimos, marcando as liñas vermellas que cadaquén considera que non se poden transpasar. A partir desas listas de acordos e trasacordos, comezaría a fase de negociación multilateral. Poñamos que unha muller con prestixio político, co seu carácter pragmático e sen esa idea de “marcar o territorio” tan propia dos machos alfa, sentara na mesa os que voluntariamente estivesen verdadeiramente dispostos a avanzar. Se alguén se descolga desa negociación, que se saiba quen é e por qué, cales son as súas razóns. Os negociadores de cada unha das partes non poderían ser os seus representantes máximos, queimados como eles están polas súas fobias e confrontamentos persoais, algúns deles públicos e difíciles de obviar cando se sentan con outros machos alfa. Son xenreiras antigas e complexas de ultrapasar, pois a vontade resístese a aceptar acordos con tal ou cal persoa (mesmo que sexa polo, hipotético, ben do país).

Sei que a proposta resulta cando menos inxel, mais cando menos ten a vantaxe de poder ser transparente e clara. Tanto traballo costa deixar de lado o propio orgullo, o interese sectario ou persoal para avanzar polo ben da nación? Tanto non pensar de xeito egoista?

Existen antecedentes na transición política española, cando en Galicia se negociaron as bases constitucionais da nación galega (supoño que moitos dos líderes hoxe en activo gardan memoria diso). Esas bases foron asinadas non só polas forzas nacionalistas mais tamén por forzas que na altura eran consideradas españolistas (o Movemento comunista, a Liga comunista revolucionaria) ou mesmo monárquicas (o Partido Carlista de Carlos Hugo de Borbón Parma, se a memoria non falla).

E se non sae, non saíu, mais polo menos sabemos por qué non foi adiante, quen mantivo o pulo negociador e quen desistiu caprichosamente ao primeiro trasacordo. Teño poucas esperanzas –admito- de que una verdadeira negociación (cedendo no superfluo e mantendo firme o pulso no fundamental) se vaia producir de xeito multilateral. Entendo –enténdase- as precaucións duns e a paixón arrasadora doutros, mais así, como está planeado o futuro das conversas non imos a ningures, ou, peor aínda, camiñamos cara á unha nova decepción para o electorado nacionalista ou proto-nacionalista, para rexouba e proveitto das forzas ás que pretendemos combater (pretendémolo en serio?). Entendo tamén que a “unidade”, en abstracto, sen un programa consensuado e sen unha serie de acordos técnicos (quen vai nas listas, que pasa se un se quere descolgar logo das eleccións, quen colle o relevo se hai desercións e traizón aos acordos, etc) non leva máis que a unha unidade estética e sen futuro, mais coido en pensar –aínda- que paga a pena intentalo.

Hai quen pense que os males sempre veñen de fóra do país, mais aquí, no interior, tamén hai traizóns e bloqueos, estreiteza de miras e intereses encontrados. A proposta queda feita e non me sinto, necesariamente, nin ledo nin satisfeito por facela, mais sentiríame peor se non a fixera.

Xavier Queipo