A odisea

download pdf

Hai unha chea de anos, cando rematei os meus estudos universitarios, nunha viaxe por mar entre Vigo e a illa de St Pierre, en Terranova, lin un libro que no momento me impactou; o tal libro foi “La tercera ola”, de Alvin Toffler. Naquel libro, esquecido nunha mudanza calquera, falábase de grandes migracións que ían modificar a face da terra no inicio do século XXI. As migracións alí anunciadas eran o resultado dunha treboada ocasionada polas varias crises acumuladas nun mesmo instante da historia da Humanidade.

En primeiro lugar a crise económica insidiosa e moi en particular a crónica confrontación entre os Hemisferios Norte e Sur, ou entre o primeiro e o terceiro mundo, se así o prefiren. Esa crise ía modificar os fluxos de “emigrantes económicos”, aqueles que ao engado de mellores condicións de emprego acoden aos países do primeiro mundo na procura de traballo e benestar para os seus.

En segundo lugar, a crise do cambio climático, lento mais irreversíbel, que incrementou a seca e por tanto as perdas para a agricultura e a gandería en vastas zonas de Asia e de África, cos conseguintes fluxos migratorios asociados, fuxindo, neste caso da fame.

Hai un terceiro grupo de migrantes, o dos desprazados polos conflitos bélicos, aos que será mellor chamarlles refuxiados, pois, en principio, tomaron esa decisión para fuxir da guerra, da destrución e da ausencia de horizontes, o que non terían feito se a guerra non se tivera instaurado como un mal crónico. No seu país eran médicos, profesores de universidade, intérpretes, artistas, e tamén labregos, pastores, operarios, artesáns... non se trata pois dunha emigración económica, senón dunha fuxida in extremis como resultado dun conflito bélico, que ten, por descontado, ramificacións económicas.

Habería tamén, ao meu parecer, un cuarto grupo, aqueles que emigran como resultado da globalización, de xeito que, formando parte dunha elite profesional, traballan para multinacionais ou organismos internacionais e non é tanto que se despracen por gusto, mais non o fan a contraxeito, pois para eles forma parte do seu xeito de medrar na súa carreira profesional.

Como galegos xa experimentamos os catro tipos de migracións que expliquei con anterioridade. Fuximos da fame resultado do malgoberno cando saímos en masa para Arxentina, Uruguai e mais Cuba. Chegou a Guerra Civil, e daquela outra vaga, esta vez exiliados fuxindo do terror e das represalias dos vencedores franquistas. Coa apertura de fronteiras e a fin do illamento económico, chegou a posibilidade de traballar en Europa ou en algúns países emerxentes de Sudamérica e saímos a conquistar o mundo e daquela fomos emigrantes económicos. O desemprego xuvenil en masa trouxo unha vaga de mozos e mozas trillando os camiños de Europa ou América na procura das oportunidades que o país non dá. Eu mesmo, tamén emigrei hai vinte e sete anos (que se di así e non doe, mais que leva doído e como), aínda que eu fora dos que o fixemos levados polas novas condicións de traballo nun mundo globalizado e, por tanto, un privilexiado dentro da caste dos emigrantes.

Algures falei xa do concepto de (h)emigrante, como nova condición dos migrados que se comunican a diario co seu país e poden seguir as novas e os aconteceres do seu país usando das tecnoloxías que favorecen a comunicación. Hoxe a épica da emigración mudou substancialmente para a meirande parte dos grupos humanos que emprenden ese periplo de resultado incerto. Mesmo os que fuxiron das guerras de Siria ou do Iraq, prenden os seus teléfonos móbiles e falan ou intercambian mensaxes ou arquivos, fotos ou documentos cos que alí quedaron ou cos que viven espallados por outras contornas.

Todo isto para contarlles que esta semana souben que existe unha ruta do Ártico, que algúns refuxiados atravesan para entrar pola estrema norte de Europa, por Laponia, no territorio que separa Finlandia de Rusia. Dende novembro pasado máis de mil refuxiados pediron asilo en Finlandia, chegando por esa vía. Hai anos, en 1990, estiven eu nesa zona no mes de Febreiro, en Kirkenes, próximo do linde entre Noruega e Rusia. Nevaba con toda e poden crer que non é unha ruta de luxo para entrar en Europa, que hai que estar desesperado, hai que fuxir do inferno para se aventurar alá onde a neve non deixa ver o bosque.

Hai que distinguir, pois, entre refuxiados e inmigrantes económicos, uns teñen vocación de regresar os seus países cando a guerra remate e outros aquí viñeron na procura de El Dorado, e daquela teñen vocación de ficar. Os refuxiados non veñen a Europa para gozar das vantaxes minguantes da nosa sociedade. Non se atravesa un continente por un prato de lentellas, para malvivir nun campamento onde só algunhas necesidades básicas están cubertas. Nos sabémolo ben. Non se entende a confusión de Europa, pois deixa en evidencia a moral dupla e a ausencia dunha verdadeira unión política baseada en valores universais. Semella que só partillamos o medo e a hipocrisía, a senrazón e a miseria ética.

Xavier Queipo

Bruxelas, 29 de Febreiro de 2016