A xeometría do terror

download pdf

O día dos atentados en Bruxelas estaba eu traballando en Chipre, nunha xuntanza científica. Daquela o choque foi menos traumático. Só ao regreso dinme de conta do que era o medo nos rostros, a tensión nas olladas, a traxedia dos corpos sen identificar, os compañeiros feridos (o metro Maelbeek está a carón do edificio onde traballo), a normalidade autista que se ía instaurando na sociedade. Non sei que sinto, estouno asimilando devagar.

No inicio dos 90 vivín cinco anos en Molenbeek, famoso agora por ser viveiro e refuxio de terroristas. Daquela era un barrio tranquilo, obreiro e de clase media, multiétnico e multiclasista onde a vida transcorría sen grandes sobresaltos. Iso foi así até que chegaron os predicadores salafistas a contaminar as mentes dos menos instruídos. A partir do inicio do século XXI, o que antes era un barrio harmónico transformouse nun barrio de maioría musulmán con mostras evidentes de radicalización, pois comezou a ser habitual a presenza de barbudos de chilaba, de olladas avesas e comportamentos agresivos, a de mulleres coa cabeza cuberta e roupóns excesivos, as pandas de adolescentes radicalizados e a sensación de vivir nunha sociedade distinta, descoñecida, aterrorizada.

Cando se producía un atentado en calquera parte de Europa flutuaba nas conversas a sensación de que aquí sería o seguinte, pola inflación de institucións que se concentran: o Parlamento Europeo, a Comisión Europea, O Consello de Ministros da Unión, o cuartel xeral da OTAN e outras múltiples institucións, axencias, embaixadas, oficinas de empresas multinacionais, grupos de presión, organizacións non-gubernamentais e profesionais. O lugar perfecto, ademais, pois cando se atenta en Bruxelas isto afecta aos 28 países da Unión, mais a unha manchea doutros con forte representación cidadán.

Cando se soubo que os atentados de Londres, de Madrid, de París partiran deste noso barrio de Molenbeek, recoñecido agora como territorio de tráfico de armas entre células terroristas, xa non houbo dúbida de que calquera día, cando os radicais se sentisen acurralados e perseguidos, entón Bruxelas, ma belle, seria o escenario escollido. Hai unha sombra de dúbida sobre un pacto de non-agresión entre o estado belga e os terroristas, que resulta desagradábel. Moito se falou desa permisividade, dese ollar para outro lado mentres os radicais non atentasen no chan belga. Dá noxo, mais un non pode evitar pensar en antecedentes próximos de acordos entre estados e organizacións terroristas e/ou mafiosas. Consonte van saíndo a luz informacións sobre os recentes atentados en París e Bruxelas, perfílase a idea de que a policía aquí é tan numerosa como ineficiente. Unha panda de chaíñas que nin falan árabe (lingua do 40% da poboación de Bruxelas) nin teñen a mínima idea de cruzar datos, estabelecer sistemas de intelixencia ou ver o que toda a poboación podía ver só con abrir os ollos.

Case todo o que lles contei xa o saben, pois os medios de comunicación repetiron estes días en bucle a versión oficial do sucedido. As análises son escasas e non van máis alá de lugares comúns sen ofrecer unha información veraz de quen son e como funcionan eses grupos.

Os máis dos analistas caen no “buenismo” de atribuir a radicalización dos mozos musulmáns a ausencia de horizontes e a elevada taxa de desemprego. Se así fose os mozos doutras comunidades de emigrantes que confrontan os mesmos problemas (latinoamericanos, turcos, subsaharianos, pakistanís, etc) terían cada un o seu propio grupo radical sementando o terror entre sos seus concidadáns, sexan estes musulmáns ou non. O segundo caso de “buenismo” é o daqueles que semellan alegrarse dos atentados, facendo unha amalgama absurda coa situación dos refuxiados sirios. Esquecen o pequeno detalle de que cando menos dous dos terroristas entraron en Europa nas fileiras de refuxiados sirios, para pasar así desapercibidos, ou que o maior aliado dos salafistas é o Reino Unido da Gran Bretaña, antiga potencia colonial en Siria, que, por certo, está no proceso de separarse de da Unión Europea, por situar as cousas no seu contexto.

Xa o dixen algures e o repito aquí, os primeiros amigos en interesarse pola miña saúde foron Ahmed e Abdelah, os que coñezo polo traballo dende hai catro ou cinco anos. Experimentei por min mesmo que non hai que identificar unha relixión cun movemento terrorista, do mesmo xeito que nin todos os cidadáns do sur dos USA son membros do KKK, nin todos os euscaldúns teñen as mans tintadas en sangue, por pór un exemplo afastado e outro próximo.

Sempre que teño un problema saio a pasear. Desta volta o espectáculo foi ver que a cidade recuperaba o seu pulso, que se cruzaban olladas de complicidade e de recoñecemento, que os militares e a policía estaban alí non para intimidar senón para protexer (cousa que nunca se me ocorrera, se cadra por ter vivido nunha ditadura militar), que había vontade de que as súas bombas non ían vencer a nosa resolución de vivir en paz e harmonía. Inchalah.

Xavier Queipo