Algo hai que facer

download pdf

Hoxe repasei un dos períodos mais interesantes da política belga. O período de 541 días sen goberno en 2010-2011. O país mantivo a súa estabilidade por estar no Euro (o que impediu os ataques á súa moeda polas quenllas insaciábeis do sector financeiro) e pola existencia dun sistema federal no que os seus tres parlamentos rexionais (Valonia, Flandes e Bruxelas capital) conseguiron despachar os asuntos correntes sen que o país deixara de funcionar. Lémbrese aquí que até hai un par de semanas o acordo comercial da Unión Europea co Canadá (o CETA) estivo boqueado pola oposición do Parlamento Rexional de Valonia. 27 países submisos ao sistema financeiro internacional e un parlamento rexional negando o voto do país 28 (Bélxica) dunha decisión que debería ser tomada por unanimidade. Na fin impúxose “a razón da forza” e da presión e os irredutíbeis valóns remataron por aceptar o que antes rexeitaran.

Os cidadáns ou cando menos unha boa parte deles están (estamos) fartos de ter a oportunidade única, cada catro anos de votar, de por unha marca nunha casiña, de que o voto de uns teña máis valor que o voto doutros (deturpando a máxima de “un cidadán un voto”, pois o de un deles conta “n” veces máis cá do outro) e fartos tamén de que os votos que non ían dirixidos aos partidos maioritarios, senón aos seus opoñentes máis acérrimos, pasen a engrosar a conta dos primeiros (pola famosa regra d’Hont, que asigna os votos daqueles partidos que non conseguiron acadar unha porcentaxe para entrar no parlamento aos partidos máis votados). Así se explica como en Galiza con menos do 50% dos votos o partido máis votado poda ter unha folgada maioría absoluta no parlamento (41 deputados cando por votos reais lle corresponderían só 34 dos 75 deputados). Fartos, absolutamente fartos, tan fartos que ficamos anestesiados e inmóbiles bramando en twitter e mais en facebook, para celebración dos poderosos.

Como di o antropólogo belga David Van Reybrouck, a xenreira dos cidadáns que vemos hoxe en día non é un perigo para a democracia senón, antes ben un agasallo. Un agasallo pois mostra que a xente (os cidadáns) están ou queren estar implicados e senten a necesidade de expresar as súas opinións con liberdade, e non só votando unha vez cada catro anos. O que acontece, di Van Reybrouck é que este agasallo está envolto en arame de espiñas. Daquela, o difícil con este agasallo é dar co xeito de abrilo retirando o envurullo espiñento.

O envurullo inclúe o populismo que se expande coma un rego de pólvora por toda Europa e que está capitalizando en boa medida este descontento, esta indignación e xenreira dos cidadáns. Os casos dos emerxentes Geert Wilders nos Países Baixos, Marine Le Pen en Francia ou Frauke Petry en Alemaña, e os gobernos ultra-conservadores e populistas de Polonia e Hungría, así como a furia despregada e os argumentos baleiros cando non falsos usados no debate do Brexit poden exemplificar esta situación. A situación do outro lado do Atlántico cun Donald Trump que avanza cara ao poder nunha alucinación de populismo xenófobo, non parece ser mellor que na vella Europa, facendo auga polos catro cantos. A causa deste populismo, desta radicalización da clase política hai que procurala nun intento desesperado do “establishment” de acalar o debate, de facer que os cidadáns que se senten excluídos (cada vez máis) non poidan procurar vías alternativas.

Isto aconteceu hai agora algo máis dunha semana no Estado español: unha reacción desmesurada e agresiva do poder político lacaio do capital financeiro. Aconteceu cando os consellos de administración das grandes empresas, onde, por certo, sentan os seus traseiros non poucos ex ministros e altos cargos dos gobernos socialistas e populares, acordaron que a vontade popular (que claramente non votou por un goberno do partido Popular) fora traizoada. O que “eles” chaman a inestabilidade política é o feito de non estar nin os uns nin os outros no goberno, algo que tiña que rematar. Non podía haber outras eleccións por non sei que medos de inestabilidade económica (dos seus petos, supoño, pois os catro millóns de desempregados non van notar melloría) e, aínda máis, que lle correspondía aos socialistas da “gauche caviar” (xeito afrancesado de me referir á esquerda descastada) facer o traballo sucio e permitir ese goberno contrario á vontade popular e, o que é aínda máis noxento, contra a vontade dos seus propios votantes.

Ficar impasíbeis mentres o populismo afincado no poder manipula os seus medios de comunicación, as súas enquisas e o seu sistema de votación é, certamente, un perigo para a democracia. Temos que tomar boa conta das experiencias de países europeos que están instaurando mecanismos continuados de diálogo entre e con os cidadáns como o G1000en Bélxica ou nos Países Baixos ou outras experiencias como as de Irlanda, onde recentemente o goberno seleccionou ao azar 99 cidadáns para analizar cuestións políticas importantes que dividían ao país.

Que sexan felices!





Xavier Queipo