As aventuras de (G)Alicia (n)o País das Marabillas

download pdf

Eu vivo nunha cidade, Bruxelas, onde non é infrecuente que existan rúas e roelas de nome eufónico e curioso, que non celebran a ninguén en particular senón a unha característica do comportamento humano, o nome dunha flor ou o canto dun paxaro. Cando baixo polo centro da cidade e atraveso a Rue des bouchers, reparo sempre nunha destas roelas e fico admirado a repetición co seu nome: L’impasse de la fidelité (en francés “impasse” fai referencia a unha roela cunha única saída/entrada), que é o que semella a situación actual no noso país: unha única entrada/saída, o que sería unha calella sen saída (como ese lugar magnífico que hai en Compostela, o “Caleixón de sal se podes”, a carón da Rúa Travesa).

Vou comezar, pois o ano de xeito que algúns considerarán pouco serio, sen fidelidade para aqueles que gustan de que nada mude e todo permaneza ancorado no pasado. A seriedade excesiva, a contención nos argumentos e nos modos, o que dirán ou non dirán estes ou aqueles, o dixomedíxome sen verificación posíbel e a ruindade ética levounos a esta situación de impasse. Xa outros analizaron con seriedade ben ensaiada e argumentos reiterados (e non por iso necesariamente certos ou incertos) o que eles consideran que pasou e o que vai pasar. Na parte de premonición, concédanme que sexa aínda máis escéptico. Permitiréime, pois, a min mesmo, que non son experto en grumetes, nin en teoría política e moito menos en análise postelectoral, reproducir un coñecido diálogo aloucado e frenético entre Alicia e o Gato de Cheshire, xa saben, aquel que desaparecía deixando o seu sorriso prendido no ar, que estaba e non estaba ao completo, coma se fose o gato do paradoxo de Schrodinger, que estando vivo e morto ao mesmo tempo ilustraba o fenómeno cuántico coñecido como superposición.

"Poderíasme dicir, por favor, que camiño debo tomar para saír de aquí?”



"Iso depende moito de a onde queres chegar", dixo o Gato.



"Tanto me ten", dixo Alicia.



"Daquela pouco importa que camiño leves," dixo o Gato.



"... Mentres poidas chegar a algures", engadiu Alicia como explicación.


"Oh, diso podes estar segura", dixo o Gato, "se camiñases abondo.”


Alicia sentiu que iso non o podía negar, e daquela tentou outra pregunta. "Que tipo de persoas viven por aquí?”



Nesa dirección", dixo o Gato, acenando coa súa pouta dereita, "vive un Sombreireiro, e nesoutra”, continuou axitando a outra pata, “vive unha Lebre marzal. Podes visitar a quen che pete: os dous están tolos.”



"Mais eu non quero andar entre xente louca”, protestou Alicia.



Orabén, iso non o podes mudar", afirmou o Gato: “aquí estamos todos tolos. Eu son un tolo. É ti unha toliña.”



Como sabes que eu estou tola?”, dixo Alicia.



"Está de ser", dixo o Gato, "ou non virías dar aquí.”



Se cadra compre clarexar, para os que non teñan moi recente a lectura deste clásico da Literatura Universal e non identifiquen as personaxes e o seu carácter, que o Sombreireiro sufría dunha intoxicación por mercurio, como todos os sombreireiros naquela época, por mor do uso de substancias químicas típicas do seu labor, e a Lebre Marzal, tiña as hormonas revolucionadas, como adoita acontecer coas lebres (machos e femias, sen distinción) cando chega para elas a estación reprodutiva. Daquela, a elección de Alicia nunha dirección ou outra íalle levar sempre á coñecer a xente tola.



Con todos os perigos que ten –que son moitos- tirar conclusións ou intentar procurar semellanzas, diría que este diálogo reproduce a situación actual dunha boa parte do nacionalismo galego logo de case unha década de caída progresiva de apoios populares nas diferentes convocatorias electorais e sen ter un horizonte certo. Outros o verán a contrario, pois sabendo ou imaxinando cara onde queren chegar non dan atinado co camiño certo, pois pensan que os cidadáns deste pais ou están todos loucos, ou non saben a onde queren chegar, ou simplemente impórtalles un allo a consecución dunha meta específica e conténtanse con saír cada sábado pola noite a mazarse a gin-tónics, ou a pasar media vida diante do televisor a ver fútbol-espectáculo, debates entre ignorantes que repiten consignas e lugares comúns da filosofía popular ou da propaganda institucional, mentres devoran pizzas semifrías ou manteñen dietas absurdas para seguir collendo quilos e masacrar fígado e arterias con “produtos da casa”.



Aquí chegan as miñas reflexións en público (o ámbito do privado é outra galaxia), que espero que estimulen a súa discusión necesaria sobre o camiño para saír de aquí.





Xavier Queipo